O edificio de salvamento e escola de surf previsto en Doniños afecta a hábitats e especies protexidas

Verdegaia rexeita o edificio de salvamento e escola de surf previsto nas dunas de Doniños por afectar a hábitats e especies protexidos. Considera, ademáis, que as medidas previstas tanto para “integrar” o edificio na contorna natural como para rexenerar o sistema dunar carecen do máis mínimo rigor, estando abocadas ao fracaso.Verdegaia informa que ven de apresentar alegacións ao Estudo de Impacto Ambiental do proxecto de “Rexeneración, Restauración Dunar e Dotación de Equipamentos na Praia de Doniños (Ferrol)”, promovido pola Demarcación de Costas en Galicia a instancias do Concello de Ferrol.

Nas alegacións, Verdegaia rexeita o proxecto nos seus actuais termos porque, tanto o emprazamento previsto para o edificio de salvamento e escola municipal de surf como a rexeneración dunar proxectados, resultan inaxeitados desde o ponto de vista ambiental, ao vérense directamente afectados diversos hábitats naturais e especies de interese comunitario, legalmente protexidos, presentes no espazo dunar afectado polo proxecto. Entre as especies botánicas de relevancia, cabe destacar os endemismos Omphalodes littoralis subsp. gallaecica e Linaria poligalifolia susp. aguillonensis, catalogadas en perigo de extinción (Decreto 88/2007, de 19 de abril, polo que se regula o Catálogo galego de Especies Ameazadas). De feito, no apartado 2.1.6.3.3. do Estudo de Impacto Ambiental (en diante E.I.A.), recoñécese que “(…) también se ha constatado su presencia en la zona donde se proyecta la construcción de las instalaciones, incluida en la unidad paisajística denominada ambiente dunar alterado”.

Por outra banda, débese considerar ademáis que o edificio proxectado sobre o espazo dunar de Doniños, destinado a salvamento e escola municipal de surf , é unha instalación auxiliar para vestiarios, oficina e armacén que non ten porqué situarse necesariamente nun lugar onde se teña que divisar a beiramar, como se afirma no proxecto, dado que o persoal de salvamento debe percorrer a praia ou vixiar desde as cadeiras de observación instaladas ao longo da mesma, quedando garantizado de forma efectiva o servizo de vixiancia. Co pretexto de ter que situar o devandito edificio nun lugar desde o que se poda divisar a beiramar, o que realmente se persegue é dispoñer dunha tribuna para presidir as competicións de surf e outras actividades náuticas; o que resulta inadmisibel cando elo conleva a degradación e/ou destrución de hábitats naturais e de especies legalmente protexidos que motivaron a inclusión deste espazo dunar na Rede Natura 2000.

Despois de que a Demarcación de Costas en Galicia, procedese á demolición de varias edificacións no sistema dunar de Doniños polo seu impacto ambiental e por vulnerar a legalidade, resulta incongruente que agora promova no mesmo espazo (independentemente de que se efectue fora do Dominio Público Marítimo-Terrestre) a construción dunha nova edificación que, ademáis de degradar e/ou eliminar hábitats naturais e especies legalmente protexidos, perpetuaría a antropización deste ecosistema. De feito, no apartado 3.4.1.3. do E.I.A., recoñécese que “La ubicación de la edificación proyectada, en un sector de dunas remontantes (…) supone una alteración de la morfología dunar y su dinámica sedimentaria, patente ya en la fase de obras (…)”.

Ademáis, a suposta integración do edificio no espazo dunar semella estar abocada ao fracaso, tal e como se pon de manifesto no apartado 5.3. do Estudo Florístico do E.I.A., no que se afírma que “El problema principal está en el recubrimiento de la parte superior del edificio, supuestamente con vegetación del entorno. Las condiciones físicas del terreno con suelos arenosos hacen imposible la fijación de este material (…). El uso de Floradrain (…) es válido para unas determinadas especies, que no coinciden con las especies dunares. Otro problema de la construcción es su orientación y forma, se encuentra formando unha barrera contra los vientos dominantes que evitan el remonte de la arena provocando probablemente acumulaciones sobre el edificio, que serán más evidentes en invierno (…)”.

Mais fracaso semella resultar todavía a pretensión de facer xermolar sementes do endemismo botánito denominado Omphalodes littoralis, catalogado en perigo de extinción, sobre a cuberta do devandito edificio co obxecto de “conservar” esta especie. De feito, no apartado 5 do E.I.A. (páxina 111), recoñécese que “Esta opción resulta a priori innovadora, ya que no se han encontrado experiencias similares para conservación de especies anuales. (…) desde el punto de vista técnico, cuenta con ciertas dificultades: – El substrato arenoso hace delicadas las operaciones de decapado y conservación de la muestra (…). – Esta técnica de manejo supone (…) un cierto riesgo de introducción de especies invasoras. – No existen experiencias previas que garanticen el éxito de la medida”.

En canto á “restauración” dunar prevista, todo parece indicar que non se vai facer distinción algunha entre a duna móvil e a duna fixa, nen tampouco ter en conta a disposición natural dos diferentes hábitats e comunidades botánicas presentes (ou o que quede deles, de levarse a cabo o proxecto nos seus actuais termos), procedéndose á sustitución dos hábitats e especies orixinais do ámbito afectado polas obras pola especie Ammophila arenaria; máis propia de dunas móviles.

Nas alegacións, tamén lembramos que todavía falta por derrubar o establecemento hosteleiro denominado “O Alpendre”, situado nas inmediacións do aparcadoiro.

Segundo se desprende do plano nº 10 do E.I.A., titulado “fauna”, as infraestruturas proxectadas localizaríanse nunha área considerada como relevante para a avifauna, ademáis de ser unha zona de paso desta. No apartado 3.4.1.9. do E.I.A. recoñécese que “La fauna sufrirá el impacto asociado a la construcción de las instalaciones proyectadas (…) de forma directa sobre la avifauna (…) e indirectamente por la modificación de hábitats y biotopos”. A instalación dun cercado perimetral durante a fase de execución das obras ou o cese das mesmas durante o periodo de nidificación das especies, como medida correctora, non resolverían o problema, dado que unha vez postas en funcionamento as instalacións o impacto sería permanente pola presencia humana tanto no edificio como nas pasarelas peonís proxectados.

Pese a que no E.I.A. se recoñece o impacto negativo das obras sobre os hábitats naturais e a flora e fauna legalmente protexidas, dubidándose incluso a viabilidade das medidas correctoras propostas no mesmo atrévense, non obstante, a valorar o impacto do proxecto como compatibel; o que resulta carente de todo rigor e obxectividade. O feito de existiren na zona dunar afectada hábitats naturais de interese comunitario e especies endémicas en perigo de extinción xa debería ser motivo máis que suficiente para descartar a execución do proxecto nese lugar.

Deixe un comentario

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *