Pages Navigation Menu

O Fervedoiro

O Fervedoiro é un colectivo, por enriba de todo, comprometido coa terra na que vive. E como tal, ao igual ca calquera compromiso adquirido, é pleno e amplo. Está comprometido coa sociedade, coa súa actualidade e problemas; comprometido coa nosa lingua e coa nosa cultura, coa normalización plena do noso idioma na Nosa Terra; e por suposto, co medio no que vive. Adoitamos falar de catro piares no seo do Fervedoiro: social, cultural, lingüístico e medioambiental.
Cremos que a defensa do noso medio, os problemas derivados da cobiza desproporcionada do capitalismo salvaxe, non se encadran unicamente no eido medioambiental ou na defensa ecolóxica. Consideramos a protección dos nosos ríos, montes, paisaxes, etc. como unha cuestión social, na que non unicamente os colectivos ecoloxistas deben ser protagonistas, senón toda a sociedade na defensa do común.
No caso particular da comarca na que O Fervedoiro nace ten que ser prioridade obrigada o Río Umia, o máis agredido e maltratado do país. O Encoro da Baxe ou a minicentral en construción da Ermida constituen un verdadeiro desprezo dos gobernantes non só polo medio, senón polo pobo galego. Mais non só. Porque ao igual ca todos os ríos grandes, o Umia bebe dos seus afluentes. A protección non debe centrarse só no leito deste, senón tamén no control dos regatos que lle achegan augas. Á atención disto, insistimos na conservación doutros ríos menores como o Gallo, que atravesa Cuntis cargándose, con demasiada frecuencia, de vertidos nocivos que van parar, finalmente, á propia ría. Non podemos aceptar tampouco, unha vez consumadas as desfeitas, o desleixo e a indiferenza, como a que enche de bacterias tóxicas o Encoro da Baxe (Caldas, Cuntis e Moraña).

Leave a Comment

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.