Pages Navigation Menu

O ficticio oficio dos facedores das leis

Lei da Paisaxe: outra subxectiva norma para ‘protexer’ a beleza de Galiza

Teima o Goberno dos compartimentos estancos -tal cal coma o Titanic– na creación de normas de protección ambiental, como se a súa simple existencia garantira a conservación da natureza. Mais evidentemente non é así, por moito que o conselleiro Manuel Vázquez saíra onte a dar lectura, sen levantar cabeza, dunha proposta de lei da paisaxe que disque pretende protexer e catalogar a beleza de Galiza. Traballo en balde.

Dígoo porque o valor da paisaxe non é medíbel, está rexido pola subxectiva sensación da beleza. E ademais a obxectividade da protección ambiental, que é a riqueza de biodiversidade, o estado de conservación de hábitats e ecosistemas, ou da flora e da fauna, xa está lexislada mil veces. Ou van agora as súas señorías a mergullarse no utópico labor de definir a fermosura? E non son a costa do Pindo en Quilmas, o cabo Corrubedo ou a veiga mareira de Merexo, todas ameazadas por megafábricas de peixe, redutos de fermosura? E o río Lor, os altiplanos do Eixe ou mesmo a leira pataqueira dun meu veciño, non son esas paisaxes senlleiras?

Leis habelas hainas si, mesmo unha de medidas urxentes que disque ‘protexe’ o litoral, pero para o cidadán non político, o de a pé, non teño dúbida que dá a impresión, e esta non é subxectiva, de que a beleza natural da terra nosa, dende o Courel furado até o litoral enladrillado e dende a Mariña residencial á Groba eólica esmorece cada día máis. Digo eu se non abondaría con aplicar a eito a Lei de conservación da natureza que dende 2001 serve para crear espazos protexidos, e que contempla non só Parques Naturais, senón tamén Monumentos Naturais, Humidais Protexidos e mesmo Paisaxes Protexidas. Si, paisaxes.

Concluiremos pois que as súas señorías fan ben o seu traballo, xaora que son o poder lexislativo e lexislan sen paranza. Porén, cando as leis hai que aplicalas, cando lle toca ao poder executivo, a súa incompetencia é manifesta. E máis tendo en conta que a realidade é que hoxe o Goberno lexisla e executa. División de poderes, chámanlle.

Deste xeito, onte asistimos a un cativo e se cadra inútil debate sobre a espiritualidade da paisaxe entre o conselleiro Pachi -chámanlle o sucesor-, o popular Castiñeira Bruz -coa súa preceptiva emenda á totalidade-, a nacionalista Ana Pontón -coa súa tamén preceptiva cita de Castelao- e a rosada, e moi cabreada, Laura Seara. Todos e todas teñen por oficio o de facedores e facedoras compulsivas de leis, mais o seu arduo traballo queda demasiadas veces en simple papel, ou en virtualidade lexislativa. E por que non unha lei para obrigar a aplicar as outras leis?

Manoel Santos e X.M. Albán, en Galicia Hoxe
http://www.galicia-hoxe.com/index_2.php?idMenu=80&idNoticia=305595

7 Comments

  1. Sigamos producuindo leis para que reine a ficción de xustiza:
    http://www.ruidos.org/images/Roto_justicia_leyes.gif

  2. A primeira transgresora é a administracción, logo produce leis para crear a ficción de xustiza,pero xa as vulnera no momento de nacer.
    http://www.ruidos.org/images/Roto_justicia_leyes.gif

  3. Considero que é unha magoa que ADEGA non esté xa na rede, penso que é un colectivo o suficentemente importante e que debería estar con nós. Eu son partidario de falar e negociar con todo o mundo, anque sexan fascistas como Patxi V. O úneco que hai que ter claro cando se vai a negociar con este personaxe é que non é demócrata nen socialista. Non é máis que un noxento trepas e un caceiro.

  4. Lobito que ben defines o pachi vazquez (din que ata chantaxea a o touriño), non creedes que estas leis que saca o tal pachi non son mais que pra ter mais poder sobre outras consellerias e asi poder caciquear un pouco mais.
    Respeto o que dis de adega estou de acordo contigo e bo que este na rede pero sabendo do lado que esta, ¿ou non se iria para asi poder estar do lado que non debe? no ribeiro deixou moi clariño de que lado estaba.
    Por ultimo e volvendo a lei do Pachi so me queda unha duda ¿aplicara esa lei no parque da merda do ribeiro? non e por nada pero como aqui aplica o que lle sae daquel sitio.

  5. Declaracións de Manuel Vazquez a Voz ( 26 de mayo 2008):
    “…El conselleiro también resaltó la necesidad de proteger las «señas de identidade de Galicia», especialmente de la presión urbanística.”
    Parece que lle preocupa a presión urbanística. A contaminación ( Ence , Reganosa )os problemas da minaria no Caurel , as piscifactorias na nosa costa ,os moliniños de café , os portos deportivos , estragar o Ribeiro…, sera que isto non vai con el. Ao mellor eu soñeino e todas estas son señas da identidade da cominidad de Andalucia.

  6. Quen fai a lei, fai a trampa.
    Politicos=Tramposos.

  7. Preocupalle a Patxi o urbanismo? Pois o ten fácil: que non informe favorablemente os PXOMs de finalidade especulativa que se están presentando para avaliación ambiental. Pero agora que me lembro, qué fixo co PXOM de Vigo?

Deixa una resposta a flix Cancelar a resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.