Pages Navigation Menu

O novo decreto autonómico de aproveitamento da enerxía eólica non garante o respecto á natureza

Verdegaia considera que o novo decreto autonómico que regula o aproveitamento da enerxía eólica non garante a prevención de danos significativos á biodiversidade e á paisaxe. Aínda que a prohibición de construír parques en espazos da Rede Natura 2000 representa un avanzo importante, o decreto ignora a existencia de áreas con elevado valor ecolóxico fóra da rede Natura. Ademais, a contribución da eólica á sustentabilidade seguirá a verse moi limitada pola ausencia dunha política enerxética sustentableA Xunta non aceptou as propostas ao borrador de decreto eólico presentadas por Verdegaia, entre as que figuraban a ampliación das zonas de exclusión (incluíndo, por exemplo, áreas críticas para especies ameazadas de extinción), a mellora da participación social nos procedementos de avaliación ambiental dos parques ou o mantemento da figura dos parques eólicos singulares. A Consellería de Innovación e Industria está moito máis preocupada por atinxir o obxectivo de 6.500 MW de potencia total autorizada en 2012 que por garantir un desenvolvemento da enerxía eólica cun baixo impacto ambiental. Mentres non se estableza un completo mapa de zonas de exclusión non ficará garantida a prevención de impactos ambientais significativos.En 2007, a Consellería de Innovación e Industria admitiu a trámite solicitudes de parques que afectan a áreas de alto interese ambiental non incluídas na Rede Natura 2000, -nin tan sequera na ampliación prevista pola Xunta-, como a serra da Groba ou a serra do Eixe (espazo vital para a águia real, en perigo de extinción). Os procedementos de avaliación ambiental individual dos parques, debido ás súas deficiencias, téñense revelado como un instrumento ineficaz na prevención dos impactos máis importantes. Na práctica, e até agora, ten sido case imposible que a Consellería de Medio Ambiente aprobe unha declaración ambiental negativa dun parque en tramitación. Por exemplo, de 12 declaracións formuladas nos anos 2006 e 2007, nin unha soa resultou negativa.

Elevadas emisións de gases de efecto invernadoiro malia sermos unha potencia eólica

Por outro lado, a valiosa achega que supón a enerxía eólica na loita contra o cambio climático continuará a verse moi limitada pola ausencia dunha política enerxética sustentable que reduza o consumo de enerxía e limite drasticamente a produción eléctrica con carbón. O documento inicial do Plano Enerxético de Galicia 2007-2012 presentado pola Consellería de Innovación e Industria considera aceptable un incremento anual do consumo de enerxía do 2% e só prevé a desactivación de 350 dos case 2.000 MW de potencia total das centrais térmicas de carbón. Cómpre lembrar que, malia Galicia se ter convertido nunha potencia eólica a nivel mundial, as emisións galegas de gases causantes do cambio climático aumentaron un 30% entre 1990 e 2004. E que Galicia é un dos países do mundo que máis contribúe, en termos relativos, ao cambio climático, cunhas emisións por habitante de 13,1 toneladas/ano (en 2004), superiores mesmo ás emisións medias da UE-25 (10,9) e de España (10), xa moi altas.

Verdegaia propuxo ao Goberno galego un novo modelo éolico baseado en catro eixos: a) impulsar unha política enerxética ecoloxicamente sustentable; b) mellorar a avaliación ambiental e definir un mapa completo de zonas de exclusión, suspendendo a tramitación dos parques eólicos até determinar cartograficamente as zonas a incluír nel; c)optimizar e repotenciar parques existentes e promover microparques; e d) desenvolver un programa para a eólica de baixa e moi baixa potencia, tanto para autoconsumo como para conexión á rede.

Máis información:

Propostas de Verdegaia para un modelo eólico sustentable

Leave a Comment

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.