Pages Navigation Menu

O Plan Básico Autonómico deixa sen protección miles de hectáreas de chan natural protexido.

Coa aprobación definitiva do Plan Básico Autonómico, publicado hoxe no DOG, consumouse a perda de especial protección como espazos naturais en solo rústico para miles de hectáreas de chan natural galego que figuraban no Rexistro Xeral de Espazos Naturais de Galicia.

A entrada en vigor do PBA aparellará a desaparición das Normas Complementarias e Subsidiarias de planeamento das provincias da Coruña, Lugo, Ourense e Pontevedra, que era onde figuraban os espazos naturais afectados e non se substitúen por outras, simplemente fanas desaparecer…

O PBA fuxe incluso de citar a existencia de espazos naturais a protexer. No seu caso só cabe xa a posibilidade de que por mandato explícito das propias Normas Complementarias e Subsidiarias de Planeamento, segundo o artigo 28.1.3, se manteñan os espazos naturais no planeamento municipal que as substitúan que obriga á definición e tratamento do ámbito destes, para a súa ordenación a través dos correspondentes plans especiais.

A xogada, de calquera xeito viña preparada moito antes.

Hai que facer un repaso no tempo das distintas leis europeas, estatais e autonómicas que foron regulando a designación e normativización dos espazos naturais para visualizar esta desprotección de zonas ate o momento protexidas e que nos dá unha idea da súa magnitude, que podemos cualificar de alarmante e histórica.

En 1989 aparece a lei estatal 4/89, do 27 de marzo, sobre conservación dos espazos naturais da flora e fauna silvestre.

Como aplicación en Galicia aparece o decreto 82/1989 do 11 de maio, que regula a figura de espazo natural en réxime de protección xeral. Este decreto é emitido pola Consellería de Agricultura da Xunta de González Laxe e crea o Rexistro Xeral de Espazos Naturais de Galicia.

Coa publicación da Orde do 3 de abril de 1991, a Consellería de Ordenación do Territorio e Obras Públicas (José Cuiña) se dispón a entrada en vigor dos proxectos de revisión das Normas Complementarias e Subsidiarias de planeamento das provincias da Coruña, Lugo, Ourense e Pontevedra. Estas normas entraron en vigor segundo resolución desa consellería do 10 de xaneiro de 1990 e foron publicadas nos DOG núm. 13, 15, 16, 17, 18, e 20, do 18, 22, 23, 24, 25, 26, e 29 de xaneiro respectivamente, e incluían a definición, cartografía e normativa dos espazos naturais protexidos pertencentes ao Rexistro Xeral de Espazos Naturais de Galicia. O artigo 28 desas normas considera como usos permitidos nos espazos naturais:

“No ámbito de aplicación desta norma non se autorizará a construción de ningunha clase de edificación, permitíndose a explotación racional dos recursos vinculados ao medio que non atente contra os valores esenciais que se protexen”.

A Rede Natura 2000 é creada segundo a directiva 92/42/CEE do Consello, de 21 de maio de 1992, relativa á conservación dos hábitats naturais de fauna e flora silvestre. A lei 9/2001, do 21 de agosto, de conservación da natureza, (Manuel Fraga), articula de xeito novo os espazos naturais, creando a Rede Galega de espazos protexidos, partindo de cero e sen definir que sucede co antigo Rexistro.

Resolución do 30 de abril de 2004, da Dirección Xeral de Conservación da Natureza (Diario Oficial de Galicia número 95, do 19 de maio) dispón a publicación, no Diario Oficial de Galicia, da cartografía onde se recollen os límites dos 73 espazos naturais declarados zonas de especial protección dos valores naturais polo Decreto 72/2004, do 2 de abril (Diario Oficial de Galicia número 69, do 12 de abril). En este decreto aparece a proposta de LICs e ZEPAs para formar parte da Rede Natura 2000, declara estes mesmos espazos como Zonas de especial protección dos valores naturais ZEPVN e os fai entrar na Rede Galega de Espazos Protexidos. Segue sen aparecer por ningures o Rexistro nin os espazos nel citados.

Coa Decisión da Comisión de 7 de decembro de 2004 (DOCE L387 de 29/12/2004). , a Comisión Europea aproba os LICs e ZEPAs propostos, que entran a formar parte da Rede Natura 2000.

A Rede Galega de Espazos Protexidos aparece formada polas 384.108,7 Has das ZEPVN (LICs e ZEPAs) mais 8.495,8 do Parque Nacional das Illas Atlánticas, 40.894 de parques naturais, 308,5 de monumentos naturais e 7.749 de humedais protexidos, o que da un total sen solapamentos de 389.856,5 Ha.

Pero que foron dos espazos do Rexistro Xeral de Espazos Naturais de Galicia?

Que foi da protección ás 6.880 Ha da Serra de Argallo e A Groba, entre Baiona e A Garda?

Que foi da protección ás 4.482 Ha da Serra do Suido, entre as provincias de Pontevedra e Ourense?

Que foi da protección ás 3.735 Ha dos Montes do Morrazo e ás 542 da Carballeira de Coiro?

Que foi da protección ás 1.100 Ha das Penas de San Cibrán de Salceda (Porriño, Salceda, Ponteareas)?

Por que deixan de ter calquera tipo de protección 110 Ha na Ramallosa (Val Miñor), 474 Ha en Monte Aloia, 248 Ha na Enseada de San Simón, 478 na península do Hio e a costa de Darbo en Cangas, 113 en Cabo Udra (Bueu) etc,etc..?

Máis de 20.000 Ha (hai 38.553 Ha declaradas LIC) que perderon a súa protección ambiental só na provincia de Pontevedra nun prazo de vinte e sete anos dende a súa declaración, e sen que a protección destes espazos pasase de ser nominal en solo rústico, sen actuación algunha de protección e mesmo sen control efectivo sobre o que acontecía neles.

No resto de Galicia, sen ser exahustivos só temos que mirar para casos como o porto exterior de Ferrol situado no espazo natural 22 Cabo Prior, ou o porto exterior da Coruña no 25 Punta Langosteira; ou o 13 Cabo Vilán cheo de parques eólicos, pistas e piscifactorías; ou o 10 O Courel ameazado por infinidade de proxectos de canteiras e infraestruturas e cun enorme oco co respecto a superficie declarada anteriormente como protexida. Parece como se a declaración de espazo natural fora incluso unha maldición e non unha defensa.

OS MOTIVOS DA DESPROTECCIÓN

A Xunta de Galicia entre o ano 1999 e o 2004, no intervalo que durou a busca dos espazos naturais galegos candidatos á Rede Natura 2000 en Europa, e tendo como referencia moitos dos espazos integrados dentro do Rexistro de espazos naturais protexidos elaborado pola COTOP no ano 1990, foi restando área protexida na maioría, incluso chegando a omitir algúns deles, cando posuían as mesmas ou similares características bioxeográficas para ter sido incluídas dentro da mesma Rede Natura.

Non hai que ser moi corto de miras para que analizando o acontecido neses anos, observar que nese proceder tiveron moito que ver diversas condicionantes, non só de índole política, senón máis ben de conivencia coas de índole urbanística, forestal e empresarial baixo a presión económica do gran capital, para que esas zonas antes protexidas pola COTOP como solo non urbanizable de espazos naturais, non foran finalmente integradas nos espazos propostos pola Xunta de Galicia á Rede Natura: Proxectos de canteiras, parques eólicos, concentracións parcelarias, espallamento dos monocultivos forestais e eucaliptización, centrais e minicentrais hidroeléctricas, urbanizacións na costa, portos deportivos, piscifactorías, vías de alta capacidade, parques industriais, 

Na actualidade, resulta máis factible a autorización e posta en activo de algunhas desas obras e proxectos nos mesmos, máxime cando a Xunta nos últimos anos estivo a reforzar e blindar a primacía de moitos destes proxectos urbanísticos e industriais sobre a catalogación do solo a través da aprobación de novas leis a nivel supramunicipal como a Lei 5/2017 de fomento da implantación de iniciativas empresariais de Galicia, dentro dun modelo continuista de desenvolvemento ás claras especulador e insustentable, ou planificacións autonómicas na actualidade en fase de tramitación como a revisión do Plan forestal, que pretende dar cobertura, consolidar e mesmo ampliar as plantacións do invasor e pirófito eucalipto que de xeito totalmente descontrolado se levaron a cabo por boa parte do territorio galego, en especial no litoral, nos últimos vintecinco anos.

Ademais, na franxa litoral a maior parte do espazo definitivamente aprobado como LIC pola Rede Natura o 7 de decembro de 2004 é superficie mariña, adoecendo polo contrario da suficiente superficie terrestre.

Malia que Galicia alberga unha media de 17,4 tipos de hábitats de interese comunitario a nivel europeo por cada 100 km2, dos que unha alta proporción son hábitats prioritarios, que esta media é máis do dobre da do conxunto da península ibérica, que se sitúa en 8,3 hábitats/100 km2 , e que é a terceira Comunidade Autónoma do Estado en número total de tipos de hábitats de interese comunitario (só por detrás de Cataluña e Andalucía), e que a relación de LIC (hoxe ZEC) en Galicia foi considerada insuficiente pola Comisión Europea (Decisións 2004/813/CEE e 2006/613/CE), quen determinou a necesidade de mellorar, no estado español, a representatividade de determinados tipos de hábitats, dos que Galicia conta cos tipos prioritarios Queirogais húmidos atlánticos de zonas temperadas de Erica ciliaris e E. tetralix (Nat-2000 4020*); Turbeiras altas activas (Nat-2000 7110*), Bosques aluviais de Alnus glutinosa e Fraxinus excelsior (Nat-2000 91E0*) e os Prados de sega de baixa altitude (Nat-2000 6510), o conxunto dos Espazos Naturais protexidos en Galicia abranguen na actualidade tan só o 12,15 % da superficie total de Galicia e un 11,7 % na Rede Natura, a máis baixa de todo o Estado, onde a proporción no seu conxunto é do 27%.

Lembramos que co goberno autonómico do bipartito PSOE-BNG de finais da década pasada pretendíase ampliar a superficie protexida pola Rede Natura ata un 18% e coa chegada posterior do goberno do PP presidido por Feijóo, baixou ata un 15%, ambas as dúas moi por debaixo da media do conxunto do Estado.

Posteriormente a propia Xunta, no ano 2012, propuxo unha ampliación onde a Rede Natura non acadaría máis que o 12,60 % da superficie de Galicia e a totalidade da Rede Galega de Espazos Protexidos, un 13,20%, que por engadido tampouco se realizou . Ao final

o úneco levado a cabo pola Xunta desde aquela ata agora foi o paripé político da aprobación do Plan Director da Rede Natura no ano 2014 e a declaración das ZEC despois de 10 e 8 anos da aprobación pola Comisión Europea dos LIC correspondentes ás áreas bioxegráficas atlántica e mediterránea, e a súa ampliación despois dunha ducia de anos segue  praticamente inamovible.

A voracidade dos sucesivos gobernos galegos non ten límite e neste caso, co actual goberno do PP, acaba de certificarse a desprotección dun bo anaco máis coa perda do solo rústico de especial protección de espazos naturais.

PROPOSTAS ALTERNATIVAS DE PROTECCIÓN

As Redes A Terra Non Se Vende, Galiza Non Se Vende e A Ría Non Se Vende, os colectivos Verdegaia, Salvemos Monteferro, Luita Verde e a Plataforma en Defensa dos Montes do Morrazo,  solicitaron o 18 de setembro de 2017 á Dirección Xeral de Calidade Ambiental da Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio no trámite de Consultas para a Avaliación Ambiental Estratéxica Ordinaria do Plan Básico Autonómico que tivera en conta a necesidade de incorporar os Espazos Naturais Protexidos pola NN CC e SS de Planeamento das Provincias da Coruña, Lugo, Ourense e Pontevedra.  Que a existencia da Rede Natura 2000, unha rede que na nosa opinión, tantas veces expresada nas alegacións, é exigua e está mal xestionada e, de facto, desprotexida, non anula a necesidade dos Espazos Naturais das actuais NCSP. Os solapes de ambas Redes en varios espazos deben considerarse como unha oportunidade para ampliar o ámbito dos espazos e facer efectiva dunha boa vez, a súa debida protección.

Por outra banda, máis ou menos as mesmas organizacións e tendo en conta as alegacións presentadas o 16 de marzo de 2012 á Proposta de Ampliación da Rede Natura 2000 de Galicia dirixidas á Subdirección Xeral de Protección da Natureza da Consellería de Medio Rural e Mar; o 13 de abril de 2016 ao Catálogo das Paisaxes de Galicia dirixidas ao Instituto de Estudos do Territorio da Consellería de Medio Ambiente e Territorio; o 2 de marzo de 2017 os comentarios ás Consultas de Avaliación Ambiental Estratéxica Simplificada das Directrices da Paisaxe de Galicia dirixidas ao Instituto de Estudos do Territorio e a Dirección Xeral de Avaliación Ambiental da Consellería de Medio Ambiente e Territorio; e o 16 de marzo de 2017 as alegacións ao Anteproxecto de Lei do Patrimonio Natural de Galicia dirixidas á Dirección Xeral de Patrimonio Natural da Consellería de Medio Ambiente e Territorio, reclamaron así mesmo a inclusión dos Espazos Naturais das NSCP provinciais do Rexistro Xeral de Espazos Naturais de Galicia para que se integrasen na Rede Natura 2000 de Galicia.

A máis, consideraron que aínda así era insuficiente xa que dado o valor ambiental do territorio galego, a superficie dos espazos naturais protexidos en Galicia debería superar a media estatal, e acadar alomenos un terzo (33,33 %) da súa superficie terrestre continental para o que é preciso desenvolver ou restablecer axeitadamente os corredores ecolóxicos, tal e como se recolle no apartado 7.2.2. das Directrices de Ordenación do Territorio, tendo en conta os cursos fluviais, as áreas de montaña e outros posibles elementos lineais que sirvan de enlace entre diferentes formacións ecolóxicas, e que han de seren clasificados, tamén, como espazos protexidos e non zonas verdes e axardinadas a costa da urbanización da contorna natural como sucedeu e sucede en moitas das planificacións urbanísticas. Por outra parte tamén solicitamos que os espazos mariños protexidos baixo competencia galega e estatal deberían acadar unha extensión parella respecto da plataforma continental.

Non se trata dun aumento desmesurado. Trátase de que o nivel de protección actual é desmesuradamente baixo.

Como era tamén de esperar ningunha solicitude foi tida ata agora en conta.

Detrás da desprotección ambiental están a destrucción do territorio e a perda da biodiversidade co que iso implica de perda, mesmo irreversible, de patrimonio natural e biolóxico e de especies que son bioindicadoras da cualidade dos nosos ecosistemas ou fonte de recursos para a nosa especie humana.

Detrás das actividades humanas que conlevan a propia destrucción do territorio e a biodiversidade tamén están as principais causantes de contaminación atmosférica, do alarmante incremento do quentamento global e da mudanza climática a nivel planetario, en especial a través do transporte e a industria mais tamén dos incendios forestais, produto dunha política forestal e de planificación territorial, dos espazos naturais e dos seus recursos en grande parte inapropiada.

E o que é pior, cun prazo de tempo de reacción e rectificación cada vez máis curto diante das características catastróficas que está a coller a resposta planetaria aos nosos desmáns.

Leave a Comment

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.