Pages Navigation Menu

O tempo segue pasando na Ermida

Os pactos de silencio, coma todos os pactos, pódense utilizar para afogar no esquecemento aquilo que non interesa e seguir cara adiante con todo o demais como se o incómodo non existira. O que non está na boca da xente non molesta, e mentres, podemos seguir vendendo as marabillosas actuacións e inxentes investimentos que o noso municipio vai recibir. A pasada semana, o delegado provincial de Medio Ambiente visitou as obras de acondicionamento dunha beira do Gallo en Cuntis, pero do que non temos constancia (non se informou) é de que visitara outras que seguen adiante malia ter un expediente aberto: as da minicentral da Ermida. E como el non as visitou, visitámolas nós.

eucaliptos e encoros

Esta imaxe podería resumir perfectamente o que foi a política medioambiental neste país dende 1939: eucaliptos e encoros. Xa no franquismo se comezou a albiscar o interesante desta especie foránea que agrede ás autóctonas pero xera importantes beneficios ás madeireiras. Tamén no franquismo comezou a febre dos encoros, que levou a niveis que raiaban a perfección o avantaxado discípulo Fraga Iribarne durante o seu mandato á fronte da Xunta e coa oposición social e institucional personificada en PSOE e BNG. Hoxe, vai xa para tres anos dende a mudanza de gobernantes en Galiza, os papeis e os discursos cambiaron tamén. Ninguén parece decidido a pór fin á política de eucaliptos e encoros, pois o bipartito gobernante consente e promove a proliferación de, cando menos, estes últimos. Se antes se vendían ríos a grupos económicos interesados nos aproveitamentos hidroeléctricos, agora séguese a facer.

Un caso ben claro é a construción da Minicentral da Ermida, que porque digan “mini” non quere dicir que non vai xerar un bo saco de euros aos promotores deste novo atentado medioambiental no río Umia. Como xa temos repetido en numerosas ocasións, o PP concedeu a obra, o BNG non a paralizou cando si o fixo con outras semellantes e o PSOE négase a detela. Todos culpábeis!

A Ermida, 23 de xaneiro de 2008. As obras xa na fase finalA Ermida, 23 de xaneiro de 2008. Un outro golpe ao Umia

O chamativo do caso é o silencio no que se sumíu o asunto despois de que hai uns meses o debate se situara en boca de todos: veciñanza, medios de comunicación e políticos. Logo dun pleno con cada un/unha interpretando á prefección o papel que lle tocaba, parecía agromar a esperanza de que se puidera celebrar un pleno extraordinario adicado a debater en exclusiva (…) o tema da minicentral da Ermida e a esixencia da súa posíbel paralización. Díxosenos que solicitaran todo o expediente á Consellaría de Medio Ambiente para estudalo, pero non voltamos saber máis. O escurantismo é absoluto e a vontade de levar a cabo algunha acción por parte da administración local cuntiense é, ou moito nos enganan, nula. E falamos da cuntiense pero referímonos tamén á de Moraña, da que non soubemos moito xa dende o comezo.

E mentres, a minicentral segue a nacer. Logo, medrará; despois reproducirase… pero cremos que non completará a cadea vital: non morrerá. Non morrerá porque para ela si haberá unha sanidade de luxo que a atenda, aínda que sexa de urxencias, dos males que poida contraer. Para iso, o seu irmá maior (Encoro da Baxe) xa está a facer de rato de laboratorio no que experimentan novas tecnoloxías. Entendamos que é un enfermo terminal afectado por unha enfermidade incurábel: microcystina aeruginosa, por empregar termos médicos… Agardamos que, cando menos, as probas en Caldas poidan evitar posíbeis contaxios semellantes na Ermida e que non se repitan (dentro de non moitos anos) os problemas de contaminación que padece non só o río, senón a vila de Caldas ao verse afectada a auga das súas billas. Confiemos nos avanzos da medicina medioambiental porque os políticos locais xa nos deron mostras que neles… non moito!

(velaquí a desfeita masiva que conlevan as obras)

NOTA: todo isto vén a conto para lembrar que o problema segue aí, por moito que se tente esquecer. Achegamos fotos de hoxe mesmo tiradas nun pequeno percorrido que fixemos polas inmediacións da obra e durante o que puidemos atopar un pequeno agasallo, por outra banda, cada vez máis habitual. No camiño que dende a Ponte do Ramo baixa cara a minicentral puidemos ver un vertido de neumáticos no medio dos toxos (e dos eucaliptos) semellante ao que denunciamos hai un mes.

A Ermida, 23 de xaneiro de 2008

Leave a Comment

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.