O TSXG ordena paralizar unha urbanización en Miño

Pero non é unha decisión basada na defensa dun medio natural como é o lugar no que se asenta a urbanización a carón das marismas de Baxoi, un humidal de alto valor ambiental. A sentenza obedece á denuncia de dúas empresas que optaron ao proxecto. Sosteñen estas que o proceso non se fixo con total transparencia. O Concello de Miño decidíu aprobar o proxecto presentado pola empresa I.T.U. de Lugo, fronte aos presentados por Vallehermoso e Fadesa. A decisión foi aprobada por todos os concelleiros, agás a abstención do BNG. O alcalde fixo naquel intre unha encendida defensa do sistema de expropiación, do que en Miño saben moito os seus veciños. Hai que lembrar que foi neste concello onde se implantou por vez primeira a figura do axente urbanizador, que se traducíu na maior expropiación de terreo que se deu en Galiza. O resultado foi a macrourbanización que Fadesa levantou en Perbes. Esta promotora inmobiliaria, agora adquirida por capital madrileño para desgracia dos partidarios do capitalismo galego, pagou arredor do millón de pesetas por ferrado expropiado, e logo vendeu ese mesmo ferrado por 11,5 millóns de pesetas. Algunhas das fincas expropiadas eran explotacións gandeiras que aseguraban o sustento económico das familias.

 

Pois ben, no caso da urbanización agora paralizada o alcalde J. Antonio Maceiras alegou que se decantaba pola expropiación dos terreos dada a dificultade de chegar a acordos cos propietarios: “Debemos dicir que se se fixou o procedemento de expropiación foi porque neste tipo de solos tan atomizados, e de merca tan difícil, faise necesario articular un procedemento deste tipo. Outros municipios gobernados por outros partidos como PSOE e BNG articularon procedementos similares para a xestión do solo”.

 

No PXOM aprobado en agosto de 2002, o grupo de goberno consciente por un lado da importancia que tiña o lugar do Piñeiro para o sector inmobiliario decide cualificalo como solo urbanizable delimitado, a desenvolver polo sistema de expropiación, outorgándolle unha edificabilidade de 60 vivendas/ha. (moi superior ao resto dos solos urbanizables do PXOM, que teñen unha edificabilidade de 10 vivendas/ha).

 

A urxencia para urbanizar Piñeiro explicábaa moi ben o alcalde: “O feito de que o tempo para logralo se acababa, dado que é obrigado para nós adaptar o PXOM á nova Lei do solo, e posto que na nova lei fíxase unha liña de 200 m de protección de costas, en contraposición á anterior que é de 100 m, faría imposible materializar a edificabilidade recoñecida polo PXOM e polo tanto, sería inabordable o proxecto para calquera empresa que estivera interesada”.

Miño é hoxe un dos concellos máis castigados polo urbanismo depredador. Un urbanismo que copiando o modelo Mediterráneo está a encher a liña de costa de urbanizacións que se explican pola necesidade de especulación de certos sectores sociais aos que non lles doe a degradacion que sufre o noso territorio.

3 Comments

  1. Aledome de que ordeen paralizala e mais ainda si se conseguise non chegar a facerse. Aledome tamen de que haxa este baixon no sector da construcción, no que as constructoras acostumaronse estes ultimos anos a uns beneficios aberrantes. Os postos de traballo poderian seguir se non fose porque as constructoras queren seguir gañando o mesmo. Acaso quen oiu que houbese crisis no sector os anos antes do subidon? Queremos unha construccion moderada, que non se defendan dicindo que estan en crisis. Onde estan os cartos gañados estes anos pra sustentar os seguintes anos que veñen? E unha verdadeira pena ver no que se convertiu a macrourbanización de Perbes feita por Fadesa. Unha construcción monstruosa.

  2. Este é un momento de debilidade para o lobbi da construcción; habería que aproveitalo para consolidar medidas de protección do litoral e dar racionalidade aos planeamentos urbanísticos. Porque despois da crise, voltarán ao ataque.

  3. Noticia aparecida en La Voz de Galicia (3 de agosto de 2006):
    “Los regidores gallegos, menos el de Miño, rechazan albergar un almacén atómico”.
    Polos seus feitos queda retratado este señor alcalde.

Trackbacks/Pingbacks

  1. edificabilidade.net - Galiza Non Se Vende » Blog Archive » O TSXG ordena paralizar unha … - [...] moi ben o alcalde: “O feito de que o tempo para logralo se acababa, … Veja o post completo…

Leave a Comment

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.