Pages Navigation Menu

Onde vivimos, non lles importa

Unha campaña publicitaria da Consellaría de Política Territorial, suponse que as festas de Nadal préstanse a iso, tenta neutralizar a mala imaxe que os colectivos ecoloxistas e asociacións cidadás están a ofrecer do acontecer diario no territorio galego. Precisamente a aparición da rede Galiza Non Se Vende foi consecuencia do malestar social que se viña xestando dende os últimos anos e que desembocou na manifestación do pasado 6 de maio en Compostela.

O lema da campaña é “onde vivimos, importa” e incorpórase como logo da Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Transportes a partires de agora. A xulgar polos feitos dos últimos meses – Reganosa, plan acuícola, lei de minería, o terrorismo urbanístico, os parques eólicos, etc – parece que o lema é acertado se ben os protagonistas dese interese deben ser os promotores e accionistas das grandes empresas, ávidos por esquilmar a enorme riqueza desta terra. O que xa non lles importa é que os galegos teñamos que prescindir dos recursos naturais que esta nos ofreceu e da relación vital que sempre mantivemos coa paisaxe.

As falacias, como en toda publicidade comercial que nin siquera chega a ser propaganda, son a tónica desta mensaxe institucional. Comeza proclamando “a importancia que ten cada unha das actuacións sobre o territorio e, polo tanto, a necesidade de planificar e ordenar as nosas vilas e cidades co fin de que ofrezan unha maior calidade de vida aos seus habitantes.” Se non o saberemos os que vivimos nelas que vemos como ano tras ano esa calidade de vida míngua pola falta de espazos verdes, dos deficientes servizos de saneamento, pola invasión do tráfico rodado, e pola proliferación de grandes masas de cemento que usurpan a paisaxe. Pero a demagoxia da consellaría faise patente na nula atención que presta ás denuncias cidadás. Denuncias contra os promotores que conculcan a lei e contra os alcaldes que padecen estrabismo político; denuncias que obteñen por resposta o silencio administrativo, eterna panacea dos políticos.

“A importancia de aprender do saber tradicional da nosa arquitectura e dos valores que ao longo dos séculos preservaron os nosos maiores como símbolo do patrimonio que nos é propio e da nosa identidade.” Outro dos reclamos da campaña que se ve contestado pola invasión de macrourbanizacións que uniformizan a paisaxe e globalizan os modos de vida. Como globalizador tamén é o pretendido plan acuícola que busca convertir o litoral nunha inmensa fabrica de refugallos, contaminación e miseria. Agás para as multinacionais.

E como o atrevemento non ten cancelas, a conselleira de Política Territorial non se ruboriza cando afirma que esta campaña pretende defender a Rede Natura 2000, sendo manifesto e declarado que o devandito plan acuícola invade unha parte substancial dese enclave ecolóxico.

5 Comments

  1. Certamente levas moita razón no que dís… pero faltaríanos facer CONTRAPUBLICIDADE e gravar un spot no que se presenten dende as Canteiras de Pacios da Serra no Courel ata os Parques Eólicos e Acuícolas a vista de páxaro…!

    Se foramos quen de DENUNCIAR coas mesmas armas: chegaríamos moito máis lonxe…!

    Un spot en televisións locais e ben colocado en campaña de Nadal igual chegaba máis lonxe do que pensamos…!

    Ademáis de seguir en Internet…!

    Por certo, de ónde é a imaxe que encabeza este post…? Saúde!

  2. Trátase do famoso mamotreto de Caldagueiro, construido pola constructora Lagares durante o goberno psoe-bng. A historia do edificio é singular; acumula varias ordes de paralización da consellería de política territorial e da alcadía, anque neste último caso as ordes de paralización non se quixeron facer efectiva, nunca clara demostración da complicidade que a concellería de urbanismo, en mans do bng, tiña co constructor. O colectivo Fusquenlla leva tempo denunciando as contínuas ilegalidades que acumula o proxecto.

  3. Óla.
    eu non desbotaría a opción de contrapublicidade. Eu xa estou preparando algo que non é dificil de copiar. A ver si nestes dáis podo publicalo aquí mesmo.
    Saúdos.

  4. Estou totalmente de acordo co que dicides… onde vivimos ós políticos parece que non lles importa o mais minimo, parce ser que eles viven noutra esfera…. A cotop gastouse dos fondos públicos á redor de 900.000 euriños nunha campaña de publicidade que non se entende,(mentres moitos problemas de transporte público seguen sen ser solucionados, por exemplo) no mellor dos casos.Houbo xente que me preguntaba que anunciaban. Outros Diciname: “vinte no anuncio de gas natural”. Teño que aclarar agora que participei como actriz na rodaxe dos dous anuncios onde sae un gupo de xente xogando o “pictionari”,de ahí os comentarios…
    Se vos animades a facer contracampaña, contade conmigo para o que queirades. A empresa que me contratou ainda non me pagou, e a estas alturas sigo sen poder conseguir unha copia do contrato que firmei. Parece ser que a esta xente nin lle importa onde vivimos,nin de que vivimos nin como vivimos, que o único que lles importa é como viven eles. Grazas

Leave a Comment

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.