Pages Navigation Menu

Os novos bárbaros

Cando as cousas van mal sempre aparece alguén capaz de demostrarnos que aínda poden ir peor. O Partido Popular está inducindo a idea de que o anterior goberno era un obstinado defensor do territorio. Mais non debemos deixarnos enganar e añorar o goberno de Touriño. A realidade coa que nos ameaza o goberno de Feijóo é dun exacerbado ensañamento con todo o que signifique país, territorio ou medio ambiente, é dicir, cun estilo de vida en consonancia coa natureza. En sentido pexorativo, amósase como un auténtico bárbaro; un executivo ávido de destrución e rapina.

 

As últimas medidas tomadas polo goberno popular evidencian unha única filosofía: vender o territorio aos grandes lobbys empresariais. O Plan de Ordenación do Litoral (POL) permitirá a ampliación dos chamados núcleos de identidade do litoral, construíndo novas urbanizacións que a mesma Lei de Costas prohibe. Tamén deixa aberta a posibilidade de facer construcións e rehabilitacións destinadas ao turismo no medio rural, así como instalacións destinadas a establecementos de acuicultura. Unha vella demanda de empresas adicadas ao expolio dos recursos naturais ás que o propio Feijóo invita a ocupar terreos da Rede Natura. En suma unha privatización pura e dura do litoral galego.

 

En materia de urbanismo tamén destaca este goberno como o mellor garante dos intereses dos promotores máis indisciplinados coa legalidade. En Barreiros escenifícase o casorio entre empresa corrupta e goberno condescendente. 5800 vivendas declaradas ilegais polo anterior goberno da Xunta e denunciadas polo propio ministerio fiscal, van ser non só legalizadas senón tamén subvencionadas con 7 millóns de euros do erario público para dotar ás urbanizacións das infraestruturas necesarias que os promotores non quixeron acometer. En definitiva, o regreso a un pasado de permisividade e ilegalidades.

 

As explotacións mineiras seguen a ser outro cabalo de batalla dos que nos opoñemos á deterioración do medio ambiente. O Courel, enclave natural de máxima protección, está a ser expoliado sen ningunha cortapisa e sen que as autoridades marquen os límites da sinrazón e do caciquismo. N’As Pontes a Xunta de Galiza acaba de dar vía libre á explotación dunha mina de andalucita que fora rexeitada polo goberno anterior. A empresa, de capital anglo.surafricano, recibirá unha subvención de 6 millóns de euros (a trerceira parte do investimento previsto) para crear 30 postos de traballo e expatriar os beneficios obtidos pola explotación. Iso si, expropiando os terreos dos pequenos propietarios que crían que a riqueza do subsolo lles pertencía, e poñendo en perigo o parque natural das Fragas do Eume e o mesmo río Eume.

 

Galiza perde patrimonio, riqueza e paisaxe en beneficio do capital estranxeiro. Para que este expolio sexa máis efectivo, o goberno galego oponse a ampliar os espazos da Rede Natura e condena a Galiza a seguir ocupando o penúltimo posto entre todas as autonomías do estado español en canto a protección de espazos naturais. A nova Lei do Solo profunda máis nesta dirección e pretende legalizar milleiros de vivendas e naves industriais levantadas á marxe da legalidade, moitas delas con ordes de demolición ditadas polos órganos xudiciais.

 

Son tales os despropósitos do goberno do PP que chega a atacar o noso patrimonio inmaterial como unha forma de despoxar a esta terra de calquera signo de identidade. O decreto do galego representa a última coitelada á cultura dunha terra que sempre quixo preservar a súa idiosincrasia, as súas rías, vilas e aldeas.

 

Galiza está a ser ofrecida aos que só procuran o lucro persoal e non escatiman medios para conseguilo, mesmo o incumprimento das leis. O aval que o goberno de Feijóo lles presta para acadar o máximo beneficio debe ser contestado pola cidadanía galega. As consecuencias catastróficas que esta política acarrea son sobradamente coñecidas por experiencias doutras comunidades. O modelo mediterráneo, cuestionado por todas as institucións e de nefastas consecuencias sociais e económicas, lonxe de ser rexeitado polo Partido Popular é importado para Galiza, condenándonos a un futuro incerto e de efectos irreversibeis.

 

 

Leave a Comment

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.