Outro sistema é posible: a banca ética

DOCUMENTO DA PAZ 2009 DA COORDINADORA DE CRENTES GALEGAS E GALEGOS

O amo loou a aquel administrador inxusto pola astucia con que actuara, pois os fillos deste mundo son máis astutos entre si que os fillos da luz. Por iso eu avísovos: facede o ben coas riquezas inxustas, para que cando vos falten vos acollan nas moradas eternas. (Lc 16,8-9).

Iniciamos o DOCUMENTO DA PAZ 2009 con este anaquiño do evanxeo, a xeito de enmarque. .
Ao remate do ano (dende hai máis de vinte) os grupos e comunidades que formamos a COORDINADORA DE CRENTES GALEGAS E GALEGOS escribimos e compartimos algunha reflexión cuxo tema non ven tirado ao chou, do sombreiro, senón que se refire a algo que nos ten acompañado nos últimos meses. O ano pasado foi o DECRECEMENTO , ao que lle dimos voltas na Asemblea anual do pasado mes de abril. Nela, deuse paso ao compromiso de axudar a impulsar, xuntamente con diferentes persoas e movementos sociais, este aspecto da utopía posible que é a BANCA ÉTICA.
O que ofrecemos nestas liñas é como sempre para nós un “Documento da Paz”. Paz: a barata palabra desta época do ano, prostituída e inviable ao non levar aparellada equidade, xustiza, pan, igualdade, por moito que veña envolta en cordiais e divinas palabras e mensaxes.

O SEU BENEFICIO É A NOSA CRISE
Ao longo deste ano a palabra”crise” ten sido unha das máis escoitadas e utilizadas. Ao noso redor, constatamos o aumento do empobrecemento das condicións de vida de moita xente debido ao paro e incremento da precariedade laboral. Moitas persoas non poden conseguir ningún tipo de crédito porque os bancos poñen moi alto o listón das condicións para concedérllelo. Ao noso redor, a exclusión social é cada día maior e moita xente, que antes a lo menos comía cada día, agora dificilmente pode facelo. Iso “ao noso redor”, por non recordar, unha vez máis os mil millóns de persoas que pasan fame e os dezasete mil nenas e nenos que cada día morren dela no mundo.

Ao longo deste ano vimos que as Administracións puxeron como remedio á situación, axudas diversas con diñeiro público: una pequena parte das axudas foi dedicada a dar fondos para crear emprego a traveso dos municipios; unha mediana parte das axudas foi dedicada a dar axudas a algún sector industrial “de futuro”, como por exemplo o automóbil. E a meirande parte das axudas para saír da crise consistiu en darlle moitísimo cartos públicos, de todas e de todos nós, aos bancos.

A banca é un piar fundamental no funcionamento do capitalismo neoliberal, globalizado e sustentado na economía financeira, xerador de beneficios a través da especulación, sen achegar nada á sociedade. Pero en Europa inxectáronse directamente ao sector financeiro e da automoción entre 1,2 e 2,5 billóns de euros, mentres que, pola súa banda, o estado español respaldou avales á banca entre este ano e o anterior, por valor de 200 mil millóns.

Pola contra neste intre, a banca pecha e reduce en máis de 2.000 os seus postos de traballo no estado español. Os cinco maiores grupos financeiros, entre xaneiro e xuño, conseguiron o terceiro maior resultado da súa historia, e o Banco Santander, en particular, pretende pechar o ano como o maior banco mundial en beneficios.
“A banca”, ese monstro opaco e insaciable, que aparece como unha maldición da que non nos podemos nin librar nin prescindir, a quen temos que coidar, alimentar e deixar ao marxe de todo risco. A quen se lle perdoa e aplaude que reporte desproporcionadas ganancias aos seus accionistas e sobre todo aos seus directivos. A quen lle entregamos os nosos aforros para que faga con eles o que lle pete sen ter dereito a saber a quen os dá , a quen os empresta ou en que os inviste.
Aínda que si sabemos que os inviste en especulacións, en movementos de capital que circulan libremente e sen peaxes polo mundo; en transxénicos, en empresas depredadoras do noso planeta e explotadoras dos máis empobrecidos; en comercio de armas, en paraísos fiscais que agochan branqueo de diñeiro asasino. Imposíbel non denunciar á Banca como culpábel da crise, criminal e antisocial, e, por ende, tamén aos gobernos de paso e institucións que permiten e se benefician desta situación de desigualdade e inxustiza.

Pero tamén nós, mantémola banca e facémola engordar. Tal vez en parte porque cremos que é peza fundamental do sistema, porque “no é posible que sexa doutra maneira” , porque” ten que ser así”. E tal vez tamén en parte porque nos reparte unhas migallas do que os seus donos gañan concedéndonos “alta rendibilidade con total dispoñibilidade”…

A ALTERNATIVA DA BANCA ÉTICA
Despois do dito, semella que “banca” e “ética” son cousas contraditorias. Pero existe algo que así se chama: BANCA ÉTICA, que tal vez non sexa perfecto, pero que cada vez máis persoas se senten chamadas a utilizar, porque non queren ser cómplices, ou tratan de selo o menos posíbel, do sistema bancario, e porque é unha ferramenta máis da economía solidaria que vai facendo dano no piar fundamental do capitalismo “intrinsecamente perverso”. Propoñémonos coñecer mellor, difundir e utilizar a BANCA ETICA: é parte do noso empeño, da nosa paixón por outro mundo, pola fraternidade.
Calquera de nós pode obter información das características e posibilidades que ofrece actualmente a banca ética nas súas diferentes concrecións. O dereito ao crédito de calquera, o ben común eludindo a explotación de persoas e a destrución do planeta, a distribución equitativa como consecuencia da actividade económica, o coñecemento do destino dos aforros, a transparencia e a participación na toma das decisións (non en virtude do que se teña, senón do que se é), son algunhas das características da banca ética. Algunhas teñen unha dimensión moi pequena, como por exemplo, entre nós, O Peto. Outras son de tipo mediano, como Coop.57 ou Fiare, que estase a implantar en Galicia co apoio de diversos grupos. E outras teñen dimensión grande como Triodos,

AO CARÓN DOS MOVEMENTOS SOCIAIS
O que dicimos aprendémolo na participación nos movementos sociais, na participación coa xente que ten xenerosidade, imaxinación, capacidade cooperativa, esperanza.Xente que amosa resistencia ao sistema capitalista que causa sufrimento e mortes inxustas. Xente que coa súa práctica vai facendo xa un camiño diferente, anunciando que é posíbel outro modo de vivir e relacionarnos.
Movementos sociais que van dando pasos para reducir notablemente os benéficos da banca, rompendo progresivamente coa xestión tradicional dos aforros e dos cartos, coa súa mentalidade e os seus hábitos. Movementos sociais que a través da banca ética achegan financiamento a aquelas persoas que teñen propostas viábeis de autoemprego, pero que non teñen acceso ao sistema financeiro. Movementos sociais que tratan de incrementar a participación en cooperativas de produción e de consumo responsábel, en redes e mercados de intercambio, en definitiva: en proxectos dunha economía alternativa e solidaria ao servizo da persoa e non do mero “canto máis lucro e canto máis rápido mellor”. Con esas persoas e con eses colectivos aprendemos que queremos e podemos vivir sen capitalismo. E dende sempre confesamos que só aí é onde humildemente podemos e queremos vivir o seguimento de Xesús.

SINAIS DE ESPERANZA
Manifestamos que as realidades sinaladas existen. Téntase facelas invisíbeis , pero existen. Non están nas grandes audiencias, pero existen. Constitúen para nós sinais de presenza do Espírito, do mesmo Espírito de Xesús. Sentímonos na obriga de buscar eses rastros positivos e esperanzadores, e de estar neles. Non para facer ningún tipo de discurso paralelo co “selo da casa”, senón para aprender e compartir; e porque sentimos que só dende aí podemos alimentar a nosa espiritualidade, vivir a Paz e ofrecela aínda que sexa “coma unha pingueira de resío que reflexa a lúa”. Bo Nadal.

Coordinadora de crentes galegas e galegos.

3 Comments

  1. Banca ética?, ladróns honrados?, asasinos pacíficos?, guerras humanitarias?, crecemento sostible?, crentes escépticos?

  2. crentes galegos? os galegos cremos en algo?

  3. Non se trata de censura senón de respecto polas ideas dos demais. Poer esa razón vímonos na obriga de borrar dous comentarios ofensivos deste artigo. Ofensivos e que non aportaban nada á descusión que aquí se plantexa.

Leave a Comment

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.