Patrimonio ordena paralizar as obras das rotondas en Pontedeume
A Dirección Xeral de Patrimonio ordenou paralizar as obras das rotondas que o Ministerio de Fomento estaba a executar á entrada da vila. O organismo autonómico comunicou ao Concello de Pontedeume e a o Ministerio a orde de paralización. Asemade enviou á comisión do Camiño de Santiago o proxecto de pasos subterráneos para que este organismo emita o seu parecer. Tamén demandou a Fomento para que lle envíe a documentación completa do proxecto, algo que aínda non foi contestado por aquel.
Fusquenlla solicitou o pasado 18 de maio á Dirección Xeral de Patrimonio a paralización das obras ao constatar que estas non tiñan o preceptivo permiso da administración autonómica. Posteriormente, a instancia do noso colectivo, tivo lugar unha reunión na que os partidos políticos BNG, PP e PSdG, xunto con Fusquenlla, solicitaron á Consellaría de Cultura a paralización cautelar da construción das rotondas.
O Ministerio de Fomento mantivo dende o primeiro momento unha actitude claramente contraria á legalidade que debería respectar. A Lei de patrimonio Cultural de Galiza exixe, no caso de vilas como a de Pontedeume, contar coa autorización de Patrimonio para desenvolver obras que poden afectar ou alterar a súa condición de conxunto histórico artístico. Ademais negouse o dereito de participación cidadá ao non expoñer publicamente o proxecto, evitando atender as alegacións que particulares e asociacións poidesen aportar.
Esta falta de transparencia nun organismo público ocasionou un grave prexuizo á vila de Pontedeume. Ante a posibilidade real de que Patrimonio non autorice definitivamente as obras, o parque Sarmiento debe ser reposto ao seu estado orixinal. Este foi alterado contravindo a lei e o Concello debe instar a Fomento a acometer as obras que restitúan o espazo verde usurpado.
Tamén lembra Patrimonio a necesidade de contar coa súa aprobación antes de trasladar as esculturas zoomorfas, o xabarín e o oso, instaladas á entrada da vila e flanqueando a estrada nacional. En opinión dos técnicos de Patrimonio estas figuras deberían protexerse da contaminación provocada polos automóbiles e abogan pola retirada de ditas esculturas a un lugar protexido, substituíndo estas por unhas réplicas .
Máis información en
Comentarios recentes