Planta de celulosa en As Pontes

Durante anos berrouse polo traslado da celulosa da ría de Pontevedra. O traslado non resolve o problema, desprázao.

Un informe das Nacións Unidas califica a obtención de pasta de celulosa como unha das cinco actividades industriais máis contaminantes do planeta. A xuizo dos expertos as plantas de celulosa liberan produtos de alta persistencia no ambiente (os organoclorados, principalmente) e potencialmente canceríxenos. A española Ence (de orixe española) e a finlandesa Botnia teñen sobrados antecedentes nesta materia. A fábrica de Ence en Pontevedra foi creada hai 50 anos polo ditador Franco xustificándoa como un paso no progreso e desenvolvemento industrial do país. Argumentacións que hoxe se repiten para vencer as resistencias que a cidadanía presenta ante a instalacion doutras industrias altamente contaminantes, perigosas e innecesarias: piscifactorias, planta de gas, plan eólico, minas en paraxes naturais, urbanismo salvaxe…
Agora que a planta de celulosa de Pontevedra parece chegar ao seu fin, as autoridades sométense unha vez máis aos desexos do mundo empresarial e procuran unha nova ubicación para a fábrica de Ence. Xa non se discute que a localidade que máis posibilidades ten de acoller esta planta é a veciña As Pontes. Dende o alcalde ata o conselleiro de Medio Ambiente parecen concordar nas excelencias desta pequena vila avezada en problemas de contaminación.
Amais das consecuencias que sobre o entorno pode acarrear a instalacion de Ence, fundamentalmente sobre o río Eume e o parque natural das fragas, hai outros efectos relacionados directamente coa saúde humana.
A elaboración de celulosa destinada á produción de papel e cartón é unha importante actividade industrial que se distigue polo gran consumo de auga e de enerxía, xerando tamén unha esaxerada cantidade de refugallos tanto líquidos como sólidos. Este proceso de produción ten un elevado consumo eléctrico, de 1.400 a 2.500 kw /tonelada segundo o proceso e un consumo de auga de entre 20 e 200 m3 /tonelada que xera un auga residual cunha media de 7kg/tonelada de sólidos en suspensión e 55 kg/tonelada de DQO (demanda química de osíxeno, utilízase para medir o grao de contaminación). Estes datos dan unha idea do grande impacto ambiental que ten esta actividade. Razón esta pola que as principais plantas de celulosa son instaladas fundamentalmente en países non desenvolvidos.
Ao longo de todo o proceso de fabricación prodúcense distintos efectos contaminantes. Dende o descortezado da madeira, ata o blanqueado da pasta. No primeiro, a auga arrastra os refugallos como po, cortiza e materia orgánica como taninos. No proceso de blanqueado a base de derivados do cloro, as augas residuais presentan unha mestura de complexos organoclorados e axentes tóxicos. Un deles é o acedo tricloroacético que se usa como herbicida e produce clorose ( unha forma de anemia cuxos síntomas son a caída de enerxía, respiración curta, dor de cabeza e escaso apetito)
Os derivados clorados de acetona son potentes mutáxenos (axente físico ou químico que altera a información xenética dun organismo e incrementa a frecuencia de mutacións).
As dioxinas aparecen no branqueado da pulpa do papel. Este tipo de sustancias non se eliminan con facilidade nin se degradan e, xa que logo, van acumulándose nos tecidos. Constatouse que pequenas doses poden producir cancro, defectos conxénitos, infertilidade e cambios no sistema inmunitario. Outros residuos como as resinas e os acedos grasos son letais para os peixes e invertebrados.endesa.jpg
Pero a contaminación do aire é quizais a máis perceptíbel pola veciñanza dos lugares nos que se atopa unha planta de celulosa. A descarga á atmosfera de compostos derivados do xofre produce importantes e insoportabeis problemas de cheiro. De realizarse o traslado da planta de celulosa, As Pontes e a comarca do Eume convertiríanse no lugar máis insalubre e inhabitábel de todo o territorio.

Por último, e non menos importante, as Fragas do Eume son un Parque Natural de especial relevancia. Está incluído na Rede Natura e declarado Zona de Especial Protección dos Valores Naturais. Conserva o maior bosque atlántico do continente cunha extensión de 9.126,65 ha. o saeu valor paisaxístico debe calificarse de excepcional e está atravesado polo Río Eume, sen o cal as fragas non existirían como tales. Este río, e posibelmente tamén o futuro lago que Endesa proxecta no oco da mina de As Pontes, servirían á celulosa como vertedoiro da súa actividade. Non é esaxerado concluír que, de levarse a cabo o traslado da celulosa ás Pontes, o Parque Natural das Fragas do Eume desaparecería. O sentido común debe levarnos a exixir o peche definitivo da celulosa.

2 Comments

  1. Xa veremos se as plantas de ENCE remata tal como se ven dicindo!

  2. Se ENCE ven para As Pontes voume do pobo, non sen antes loitar para evitar a suai nstalación. Galiza non se vende.Ence fora da Galiza.

Deixa una resposta a Lois Cancelar a resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.