Plataforma Medioambiental de Corrubedo
A Plataforma Medioambiental de Corrubedo agroma en 1999 como resultado das inquedanzas veciñais do cabo Corrubedo no eido ambiental. As agresións aos areais das dunas, o saneamento inexistente, a construción salvaxe no litoral, a desfeita do Prestige ou as ameazas da instalación -algunhas consumadas- de industrias contaminantes na parroquia do cabo verde, que mantén o meirande terreo liberado da costa exterior da Barbanza, precisaban de resposta e loita social. Moito mais se temos en conta que na dita zona concéntrase até seis figuras de protección da natureza, cunha xestión administrativa máis que deficiente: Lugar de Importancia Comunitaria (LIC) Complexo Húmido de Corrubedo (concellos do Porto do Son e Ribeira): 9.263 has.; Zona de Especial Protección de Aves (ZEPA): 4.266 has.; Zona de Especial Protección dos Valores Naturais (ZEPN); Parque Natural do Complexo dunar de Corrubedo e Lagoas de Carregal e Vixán (Ribeira): 996, 25 has.; Humidal Protexido do Complexo de praias, lagoa e duna de Corrubedo (Ramsar): 982,90 has; e Parque Nacional das Illas Atlánticas (parte da illa de Sálvora). Nun novo paso para externalizar as súas loitas e para participar na causa común do pobo galego digno, a Plataforma decidiu integrarse primeiro na Rede Litoral Vivo e xa agora na Rede Galiza Non Se Vende, como parte activa para achegar o seu gran de area aos movementos sociais que andan na procura dunha terra liberada de agresións. A Plataforma de Corrubedo inclúe as súa informacións na web ALTERMUNDO.
Comentarios recentes