Pages Navigation Menu

Pola ría todos na rúa

Unhas 8.000 persoas toman Vigo para denunciaren a destrución e a contaminación ·· “Que Caballero vexa que o consenso cidadán do que fala non existe”, sentencian

A rede de colectivos A Ría non se Vende logrou onte congregar arredor de 8.000 persoas nunha manifestación en Vigo para denunciar a destrución dunha das paraxes máis fermosas de Galicia, ameazada polo ladrillo e a contaminación.

A marcha, moi longa con case catro quilómetros, tivo diferentes picos de participacións segundo os tramos e chegou ata as 10.000 persoas, indicou a organización, que baixo a consigna “na rúa pola ría” rexeitou desde a praza da Estrela ata o barrio de Bouzas a ampliación do porto, o lixo das augas e a construción dunha macrodepuradora que non arranxa o problema do saneamento. Ó longo da camiñada, que lembrou as grandes citas de Galiza non se Vende, non faltaron os berros contra o alcalde, os partidos no poder na Xunta e pancartas alusivas ós proxectos municipais como “Recheos Nunca Máis”.

A plataforma convocante amosouse gratamente sorprendida pola resposta cidadá, e o voceiro da plataforma e representante de Bouzas móvete!, Duarte Ferrín, deixou claro que “unha participación tan contundente deixa claro que o que di Caballero de que conta co consenso da cidade non é verdade, e que a xente está en contra da ampliación do porto”.

O representante de A Ría non se Vende insistiu en que o proxecto que contempla 230.000 novos metros cadrados nesta área “é unha privatización dun espazo de todos os cidadáns e denunciou que o obxectivo é “converter o porto nun almacén” para que a Autoridade viva do alugueiro de solo industrial. Ademais, interpretou que o anuncio de triplicar o número de amarres no peirao deportivo para captar embarcacións de Portugal e doutros países para que pasen o inverno en Vigo “é produto dunha mala xestión porque os que existen xa son de abondo”.

Ferrín tamén reivindicou “unha ría limpa” e non un plan que contemple unha réplica do feísmo de Toralla cunha torre que albergará un centro de ocio con balnearios e hoteis, ademais de esixir unha rede de pequenas depuradoras que garantan o saneamento da ría.

Neste punto tamén coincidiu Celso Comesaña, un dos afectados pola EDAR de Lagares, nunha loita que leva xa dez anos, que denuncia que o proxecto da macrodepuradora cercará as casas aínda máis que o actual. Ademais de censurar os plans da Xunta e do Concello, fixo unha valoración moi positiva da manifestación, “que sobrepasou as nosas expectativas”, e insistiu en que os políticos deben ver que “non estamos dispostos a entregarlles en bandexa o país ás grandes empresas como fan eles”.

A Ría non se Vende está formada por 14 colectivos: Montanha Augas Limpas, Bouzas Móvete!, Caleidoskopio, A Faísca, A Revolta, Foro Social de Cangas, G.A.S. Vigo, Luita Verde, OAR Redondela, Plataforma en Defensa da Illa de San Simón, Salvemos Monteferro, Verdegaia, SOS Serra da Groba e Voces polo litoral de Teis, e todos eles prometen seguir coa súa loita para condenar a destrución do territorio e certamente unha das contornas máis fermosas de Galicia pero que conta co número máis alto de puntos negros de todo o litoral.

A Administración, non obstante, está tranquila co seu papel e nunha entrevista concedida ó diario El País na súa edición de Galicia, e que foi recollida por Europa Press, o conselleiro de Medio Ambiente, Manuel Vázquez, asegurou que o Executivo galego “fixo os deberes” en canto á protección das rías.

Así, aínda que respectou a convocatoria de A Ría non se Vende, xa que “manifestarse é bo”, defendeu, recordoulles que a Xunta investiu “máis de 600 millóns de euros” no saneamento dunhas rías que se atopaban “nun absoluto estado de deterioración” cando o bipartito tomou o poder, e que incluso foi causa de ameaza de sanción por parte da Unión Europea.

“Os veciños de Lagares seguiremos loitando”

Se hai un reduto guerrilleiro na ría de Vigo, ese é a parroquia de Lagares, unha zona abafada polos cheiros dunha depuradora coa que levan en loita desde hai dez anos. Eles son os precursores deste movemento de A Ría non se Vende e semella que non gañan para desgustos.

Segundo o voceiro desta causa, Celso Comesaña, “as últimas novas que temos do Concello é que o proxecto da macrodepuradora entrará máis “a saco” nas vivendas e incumpriría as regulación existente na materia, que fala dunha separación mínima de 2.000 metros”.

Polo momento, seguirán “en loita e presentando as alegacións pertinentes”, agardando unha resposta que nunca chega do contencioso presentado xa hai un ano. A súa reinvindicación é básica: “Vivir en paz diante dunha ría limpa”, para a que piden unha rede de pequenas depuradoras, non “macro”. Galicia-Hoxe

Máis información en El País

 

Video da manifestación

 

 

2 Comments

Leave a Comment

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.