Presentación de Alegacións da RNSV á Proposta de DEUP (Delimitación dos Espazos e Usos Portuarios) do Porto de Vigo
A rede de colectivos de defensa ambiental, cultural e social A Ría Non Se Vende presentou o pasado luns, 9 de xullo de 2012 alegacións á proposta de DEUP da Autoridade Portuaria de Vigo, facendo constar o seguinte:
Sobre os valores e a fraxilidade da Ría de Vigo
As Rías Baixas galegas e, en particular, a Ría de Vigo, atópanse entre os ecosistemas mariños de meirande produtividade biolóxica do mundo. De aí o seu enorme valor como ben natural en si mesmo, e o seu valor económico como fonte de recursos naturais.
Porén, as Rías son extremadamente fráxiles ante as agresións ambientais, tales como os dragados e os aterramentos, que eliminan ou desprazan bancos pesqueiros, sepultan ou degradan bancos marisqueiros e lugares de cría e alevinaxe, alteran as correntes mariñas; menoscaban a achega de nutrintes da plataforma continental e alteran a súa distribución, contaminan os fondos mariños, reducen a renovación das augas da Ría e degradan todos os seus ecosistemas.
Sobre as limitacións do Porto de Vigo debido a súa localización
O Porto de Vigo, debido á súa situación no interior da Ría, non pode medrar como outros portos situados no litoral exterior, cara ao mar aberto. Calquera ampliación do porto en termos de extensión superficial ou de aumento de calado supón unha degradación grave e irreversible da Ría.
Sobre o historial do porto de Vigo
Dende finais dos anos 60 ata hoxe, o historial do porto de Vigo está marcada polos seguintes feitos:
· Ocupación xurisdicional irregular da totalidade das augas da Ría, e da meirande parte do seu litoral, por medio da súa Zona de Servizo, establecida por unha orde ministerial da ditadura, que se mantén inalterada a dia de hoxe.
· Aterramentos salvaxes pola súa ilegalidade (sen a planificación preceptiva, sen avaliación ambiental e incluso sen proxecto de obra, como no caso do aterramento de Bouzas), pola súa extensión (2.856.000 m2 en 40 anos), e pola súa realización (no caso de Bouzas, 24 anos de aterramento sen ningunha de medida de protección ambiental).
· Ocupación masiva dos espazos aterrados con usos non portuarios prohibidos pola lei, transformándoos en polígonos industriais.
· Infrautilización dos espazos aterrados, o que revela a innecesariedade dunha enorme cantidade dos aterramentos realizados.
A orixe destes feitos hai que buscalo nos fins espurios da Autoridade Portuaria, que pon a Ría de Vigo ao servizo de intereses empresariais privados e da promoción política dos presidentes de turno; na súa ignorancia e insensibilidade ambiental; e no seu irresponsable desprezo polos recursos naturais da Ría e o valor económico e social que comportan.
Este malfadado historial portuario tivo como consecuencia unha grave degradación da Ría que debe considerarse unha catástrofe ecolóxica:
· Eliminación irreversible, por sepultamento directo ou indirecto (debido aos materias de recheo esparexidos polas correntes), de 9 dos mellores bancos marisqueiros da Ría, que tiñan unha extraordinaria produtividade biolóxica, que existían dende hai miles de anos e que desapareceron para sempre.
· Desaparición de lugares de cría e alevinaxe, e eliminación ou desprazamento dos bancos pesqueiros do interior da Ría.
· Alteración das correntes mariñas; menoscabo da achega de nutrintes da plataforma continental e alteración da súa distribución.
· Degradación dificilmente reversible de todos os ecosistemas da Ría e da súa produtividade biolóxica.
Sobre a proposta de DEUP
A proposta de delimitación dos espazos e usos portuarios nace viciada por varios factores:
· Unha planificación carente de instrumentos fundamentais, como o Plan Estratéxico do Porto (PEP) e o Plan Director de infraestruturas (PDI).
· Unha planificación condicionada pola existencia dun Plan Especial de Ordenación do Porto (PEOP) que é inferior xerarquicamente á propia DEUP, que foi elaborado antes dela forzando o espírito da lei, e que serve de coartada para unha xestión portuaria (asignación de usos e outorgamento de concesións) contraria á legalidade.
· Graves erros nas previsións económicas (previsión de tráficos irracional) e na planificación estratéxica do porto (obvia a non elección de Vigo como porto prioritario da RTT e o bloqueo da autopista do mar).
· A ocultación interesada do historial do porto, das ampliacións ilegais, da degradación ambiental causada na Ría e da masiva ocupación ilegal dos espazos portuarios.
A proposta de DEUP non segue o proceso de Avaliación Ambiental Estratéxica, o que constitúe unha causa de nulidade radicaldo documento.
A proposta de DEUP asume de xeito irracional, ilegal e interesado a Zona de Servizo Marítima de 1966, establecida durante a ditadura, carente de xustificación legal en canto a necesidade operativa, carente de avaliación ambiental, e que inclúe espazos naturais protexidos.
A proposta de DEUP establece unha delimitación de espazos e unha asignación de usos que pretende manter e legalizar a masiva ocupación ilegal do porto.
A proposta de DEUP establece unhas desafectacións moi reducidas, ignorando a necesaria revisión e racionalización da Zona de Servizo do Porto, e ignorando a necesidade de desafectar, por razóns legais, ambientais, sociais ou culturais todos os espazos naturais protexidos (en especial a Enseada de San Simón, Cabo Home e as augas das Cíes); todos os areais; todos os caladoiros, bancos e concesións marisqueiras da Ría; todos os polígonos de bateas; todos os tramos naturais ou naturalizados de costa, e todas as zonas de fondeo e varada tradicionais.
A DEUP ignora a obriga legal de repoñer o estado orixinario dos espazos ocupados e construídos ilegalmente.
Solicitude final das alegacións
Á vista de todo o que antecede, A Ría Non Se Vende solicita:
1. Unha nova planificación integral do Porto de Vigo
· Informe sobre o estado ambiental da Ría (obrigatorio dende 2006, segundo o Convenio de Aarhus)
· Informe sobre a evolución dos recursos naturais da Ría dende 1950
· Un Plan Estratéxico do Porto redactado con participación ampla da sociedade que analice a situación actual e defina uns obxectivos de futuro e un plan para acadalos.
· Plans Especiais do porto para cada un dos concellos da ría, Plan Director de Infraestruturas, nova DEUP.
· Racionalidade e legalidade económica, social e ambiental na planificación
· AAE de todos os plans
· Un deseño racional da zona de servizo terrestre e marítima do porto
· A desafectación de todos os espazos non incluíbles na zona de servizo, como poden ser os ocupados polos asteleiros.
· Restitución da legalidade conculcada en materia de obras e concesións
· Restitución do estado orixinal dos espazos aterrados ou ocupados ilegalmente
2. Medidas de urxencia para a xestión sustentable do Porto de Vigo
· Plan de xestión ambiental de urxencia redactado en colaboración cos sectores afectados e cidadanía.
· Plan de eficacia na xestión e optimización dos espazos, redactado en colaboración cos concellos afectados
· Inmediata paralización dos aterramentos en curso e moratoria total a novos aterramentos.
· Desafectación inmediata dos espazos que o precisen por razóns legais ou de protección ambiental.
Comentarios recentes