Pages Navigation Menu

Primeiras crónicas de “Pallasos en Rebeldía” dende Palestina

Primeira crónica de Pallasos en Rebeldía dende Palestina
Por Iván Prado

De cando os apelidos son sinónimo de terrorista

Despois de 12 horas de viaxe, parada incluída en Estambul, chistes, moitas risas, certos nervios e bastantes preguntas chegamos a Tel Aviv, cansos e cheos de sono. Aínda así non perdiamos a alegría, xa que estabamos cerca de Palestina e pronto empezaría a nosa aventura, pero démonos de fuciños contra o valado, non o físico que atravesa Cisxordania ignominiosamente, senón o valado da represión sistematizada, a incompresión e o terrorismo de estado.

No aeroporto de Ben Gurion, deteñen a Laila pola súa ascendencia palestina. O seu apelido fai sospeitar á xudia de cor que se atopa metida nesa garita tuneada coa que xa te humillan nada máis chegar a Isarel. Lévana á parte cando se enteran de que o seu pai naceu en Yenin e a nós déixannos marchar, pero Edu e eu decidimos que un de nós fica na antesala do inferno para non deixar soa a Laila, así que me armo de valentía ignorante e, co meu inglés do Porriño, voume para enriba dun armario con patas e traxe de torturador e pregunto pola miña amiga.

Total, que me quitan o pasaporte e me meten nunha saliña pola que van pasando, como no bar intergaláctico de “La guerra de las galaxias” todo tipo de especímenes, desde mexicanos de camiño a Xerusalén en santa peregrinación ata árabes con pintas de dedicarse ao tráfico de armas e outras especies. Ninguén me explica nada pero eu tamén estou retido, non entendo o dioma do país e non teño papeis. Agora comprendo un chisco máis os africanos que chegan ás nosas costas.

Laila vai entrando e saíndo de varios interrogatorios e de vez en cando déixana vir conmigo, así ata que na quinta visita ao kafkiano aparato sionista, obrígana a abrir o seu correo e descobren ao que realmente vimos, momento no que nos amezan con botarnos do pais e obríganme a entrar na sala de interrogatorios.

Eu canso, farto e de mala hostia, decido que se me van botar polo menos que sexa con clase. Mensaxes e chamadas ao consulado e a Edu, que está fóra esperándonos coas maletas, aos primeiros para pedirlles axuda (cousa que non serviu para nada) e ao segundo para que fuxa e se esconda (cousa que tampouco funcionou porque el decidiu que, se nos botan, solidariamente, regresa con nós).

Total, que entro e decido sentarme nunha cadeira que queda baleira, iso si, está ao fondo e na esquina do cuartucho, cousa que cabrea moito a señora e nun inglés vomitado bótame unha berradura e dime que me arrime, ao que eu lle contesto coa miña estudada frase “sorri ai an non espikin inglis”. A señora -de mala hostia- responde que non me preocupe, que ela sabe español, pero eu entendo o contrario e respondo que “eso yes is a problem”, e a señora responde que o problem o teño eu e moi big, vamos que Faemino e Cansado estarían felices de copiar estes diálogos.

Logo mándame buscar o billete de volta en papel, cousa moi anticuada porque xa fai tempo que todo isto funciona por Internet. Dígollo e ameaza con botarme do país. Ademais empeza a berrar que non temos billete, e eu a dicirlle que si, que está en Internet, e ela a dicir que non temos billete e que nos bota. Despois dun anaco de ping – pong finalmente mándame mirar o meu correo, así que movo a pantalla para min e a paisana móvea para ela, eu para min ela para ela, e a quinta vez deste valse dos idotas cabréase tanto que nos bota da habitación. Home, era o que faltaba que fora eu abrir alí diante desa represora o meu correo.

Cinco horas despois da nosa chegada, estabamos libres. Isarel é un estado ilegal e ademais maleducado que non entende que as persoas somos seres vivos e non pezas dunha cadea de montaxe. Se chegan a saber que eu me apelido Fernández e que, posiblemente, algún antergo meu lle prendeu lume a algunha casa de xudeos no Medievo español, ao mellor aínda seguiamos alí encerrrados.

Na porta hai un enorme cartel que pon “Welcome a Isarel”, e eu penso que deberían engadir: “As autoridades isarelís infroman que ser persoa neste país prexudica seriamente a súa estadía nel”.

——————————————————————————————————————–
Segunda crónica de Pallasos en Rebeldía dende Palestina
Por Iván Prado

Yenin foi a vila máis atacada polos israelís durante a segunda intifada. Foi lugar de dor e masacre. Os cans de ferro dos xudeos non daban abasto botando abaixo casas e declaracións dos dereitos humanos.Yenin, durante eses anos, converteuse na tradución ao árabe do inferno: nenos chorando nús polas rúas mentras o tiroteo lles facía a raia ao medio.

Metáfora de sufrimento e esquizofrenia colectiva.

Durante a nosa viaxe no 2003 intentamos ir actuar alí pero non o conseguimos. De feito, a anterior caravana anterior á nosa de Pallasos Sen Fronteiras acabou apedreada polos propios rapaces. 6 anos máis tarde chega o meu primeiro traballo nestas terras de dignidade e xenocidio.

A xente do circo palestino lévanos a traballar en dous centros, un para mulleres maltratadas, violadas e torturadas. Esta guerra é así. Non hai medias partes nin descanso para as máquinas do terror. O outro grupo é de xente nova que leva un tempo practicando con eles as artes circenses como xeito para fuxir da barbarie.

O día anterior, durante case unha hora adoutrínanme sobre as grandes dificultades para traballar con estes grupos. Elas son moi tímidas, non se van tirar ao chan , non van brincar non van correr, nin sequera se agochan a recoller os malabares cando caen ao chan. Porén, sempre segundo a xente do circo, os novos son moi violentos, están moi tensos e pertencen a familias moi machacadas.

As mulleres recíbenme na distancia. Van tapadas da cabeza aos pés aínda que por baixo dos traxes levan zapatos de tacón, o mellor calzado para unha sesión de risoterapia. Non as podo tocar nin mirar moito. As directoras do centro retíranme a man de forma cortés para saudarme cunha man no peito… Ben, o caso é que xa estou aquí e formo parte dunha internacional da risa revolucionaria que cre fondamente que, sen esperanza, os pobos non podemos conseguir a liberación, así que me lanzo ao traballo sen rede de protección nin paracaídas. Que sexa o que Alá queira.

Iniciamos o obradoiro con mestras mirando sentadas mentras fan calceta e as mulleres participantes a dez metros de distancia de min. Rematamos con elas abrazadas, bailando, saltando chorando e rindo como nunca o fixeran na súa vida. Ao final, ata as mulleres mesmas viñan saudarme e falar conmigo.

Eu non traballo a risoterapia senón a humanoterapia, abrirse de arriba a abaixo, demostrar o poder do ridículo, desvelar as enerxías que nos unen e, finalmente, visualizar o potencial que aniña nos nosos soños.

3 horas que, segundo os organizadores e incluso os reponsables políticos dos programas culturais de Yenin, cambiaron as vidas destas mulleres. As palabras que máis sairon neste obradoiro foron liberdade e revolución. Así me agradecian a ínica virtude que posúo como dinamizador de grupos, a verdade radical coa que me lanzo nestas experiencias humanas.

Pola tarde e co subidón da experiencia nuclear que acabamos de vivir, imos ao segundo lugar de traballo. Polo camiño, a xente do circo palestino, que non o pode crer, non deixa de comentar a experiencia. Están tan agradecidos que os seus ollos, cando falan conmigo alumean coma faros.

Empezamos o segundo obradoiro con dez rapaces. Eu abórdoos nas escaleiras, métome con eles, fágolles chistes… Ao final acabamos bailando as súas danzas tradicionais, sacándonos fotos, abrazándonos comos se fosemos veciños de toda a vida. Xente cunha dor terrible pero capaz de acollerme coma o seu irmán.

Mentres nos cambiamos na parte de atrás dun ultramarinos, comezan as historias. Un fálame da súa familia maltratada pola ocupación e outro de como fai un par de anos, mentres xogaba un partido de fútbol, veu como un helicóptero isarelí mataba diante dos seus ollos un rapaz que coma el apenas pasaba dos 12 anos. O seu delito era xogar ao fútbol e non chamarse Ronaldinno nin Raúl, senón simplemente Mohamed.

Esta guerra contra a vida ten coordenadas moi claras. Os israelís mantéñense en Palestina a costa de matar, torturar e humillar a poboación civil que ten como horizonte o Mediterráneo e as súas oliveiras. Mentres tanto, os nosos gobernantes fan reunións nas que negocian a canto sae o cadáver de neno palestino no mercado de valores.

Cando marchamos para Ramala, unha das mulleres que nos acompaña dime cunha mirada vidrosa que nunca na sua vida vira rirse dese xeito a esta xente. Será que a rebeldía fai que o amor entre os seres humanos sexa tan radical e trasnformador que ata a ocupación asasina se difumina durante unhas horas. Que poderiamos facer se en vez de exércitos bélicos armasemos guerrillas da risa activa e comprometida?

3 Comments

  1. Me ha parecido muy interesante lo que contais en vuestras crónicas y, sobre todo, creo que demostráis un gesto impagable con
    el pueblo palestino que tantos años lleva
    soportando sufrimientos que seguramente ningún otro pueblo del mundo soportó jamás.
    !Animo! y seguir llevando ilusión y esperanza
    a personas que tanto lo precisan.
    Otro mundo es posible con personas como vosotros.
    UN SALUDO.

  2. Noraboa a Pallasos en Rebeldía polas crónicas e o seu maravilloso traballo nas terras onde hai tanta inxustiza e, polo tanto rebeldía!
    A derradeira frase “Que poderiamos facer se en vez de exércitos bélicos armásemos guerrillas de risa activa e comprometida?” é no fondo revolucionaria e ten unha enorme forza concienzadora e de acción en todo o mundo neste tipo de casos.
    Fóra exércitos bélicos e adiante os exércitos de risa e de solidariedade!
    Abaixo os xenocidas e tiranos que terán que responder das súas fechorías un día máis cedo que tarde!

  3. Este Ivan Prado é unha persoa da que ninguén sabe nada, un tanto estrano apareceu, non se sabe como.En Euskal Herria, tivo que sair por patas…

Deixa una resposta a pepe Cancelar a resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.