Pages Navigation Menu

Proxecto de ampliación da Rede Natura 2000 de Galicia

Galiza Non Se Vende ven de presentar alegacións á proposta de ampliación da Rede Natura 2000 de Galicia elaborada pola Dirección Xeral de Conservación da Natureza, nos seguintes termos:

Galicia conta cunha media de 17,4 tipos de hábitats de interese comunitario por cada 100 quilómetros cadrados, máis do dobre da media da península ibérica, que se sitúa en 8,3 hic/100 km2. E no seu litoral acada os 35 hic/100 km2. Galicia é a terceira comunidade do estado en número total de tipos de hábitats de interese, só por detrás de Andalucía e Cataluña. A pesar destes datos, Galicia só aporta á Rede Natura o 11,8% da súa superficie terrestre, cando a media entre comunidades é do 24,5%, e o conxunto do estado protexe mediante esta figura o 27,2% do territorio.

 

 

 

  • Coaampliación proposta, a Rede Natura acadaría soamente o 15,2% da superficie terrestre de Galicia. Á luz dos datos anteriores, esta proposta tan escasa resulta incomprensible. Dada a riqueza ecolóxica de Galicia, os seus espazos naturais protexidos deberían acadar alomenos un terzo (33.3%) do seu territorio. E os espazos mariños protexidos deberían acadar unha extensión parella. Isto suporía multiplicar como mínimo por 2,8 a superficie actual da Rede Natura galega. Non se trata dun aumento desmesurado, trátase de que o nivel de protección actual é desmesuradamente baixo.

  • Para acadar esta superficie, a rede propón a inclusión dos terreos presentes no Rexistro Xeral de Espazos Protexidos, que foi creado en 1991 e que, dende a creación da Rede Natura, permanece nunha especie de limbo legal. Soamente na provincia de Pontevedra a inclusión destes espazos, que actualmente teñen a clasificación de solo rústico de protección de espazos naturais, significaría a adición de case 20.000 hectáreas ás 27.786 declaradas actualmente.

  • A superficie do Rexistro, con todo, sería insuficiente. Ademais de crear novos LIC e ampliar os actuais, é preciso a creación de corredores biolóxicos protexidos, que eviten que a rede sexa un arquipélago de illas afastadas entre si, e que aseguren a súa conectividade ecolóxica e súa viabilidade biolóxica.

Un exemplo: GNSV asume a proposta realizada dende a Plataforma pola Defensa dos Montes do Morrazo, consistente en crear un novo LIC chamado “Montes e Carballeiras do Morrazo”, que comunique a Rede Natura dos LIC costeiros de Cabo Home, Cabo Udra e a Enseada de San Simón co interior da provincia de Pontevedra, integrando os montes e serras máis sobranceiras da península morracense (Montes do Morrazo e Carballeira de Coiro, xa incluídos Rexistro Xeral de Espazos Protexidos, máis os montes de Lourizán, Outeiro de Campolongo/Monte Cernello, montes de Ardán, montes de Cela, serra da Magdalena, monte Borrallido, montes de Varalonga e montes do Hio) todos eles con hábitats naturais e fauna e flora de interese comunitario.

  • GNSV une a súa voz á doutras organizacións e reivindica especificamente a ampliación de varios LIC existentes, e a creación de novos LIC, que en total suman 23 espazos de interese, dentro do espazo bioxeográfico atlántico.

  • A alegación de GNSV describe 21 de estes espazos: Estaca de Bares, Ortigueira, Cabo Udra, Costa da Soavela, Enseada de San Simón, Illas Estelas-Monteferro, Costa Ártabra, Fragas do Eume, Xuvia-Castro, Betanzos-Mandeo, A Ramallosa-Foz do Miñor, Esteiro do Baixoi, Río Belelle, Río Sor, Río Baleo, Ría de Ferrol, Encoro das Forcadas, Montes e Carballeiras do Morrazo, Xunqueira do Lagares, Río Tea e Gándaras de Budiño, dentro do espazo bioxeográfico e climático atlántico.

  • Ademáis, Galiza Non Se Vende uniuse a un grupo de 40 asociacións e colectivos para asinar conxunta e solidariamente dúas alegacións específicas sobre outros dous espazos de enorme valor natural, arqueolóxico e etnográfico: a Serra da Groba e a Serra do Galiñeiro.

  • Pero a reivindicación de Galiza Non Se Vende non se limita a estes 23 espazos, senón que se extende a toda Galicia, baixo os criterios xa descritos: É preciso seleccionar todos os espazos de valor natural e acadar a protección de, alomenos, o 33,3% do territorio. Tamén é preciso manter e, no seu caso, rexenerar estes espazos, evitando a súa degradación, procedendo á súa reordenación sustentable, potenciando os seus valores e recursos naturais e recuperando as súas áreas degradadas.

Protexer o territorio e os seus espazos naturais nos termos descritos require unha conciencia clara do valor do medio como soporte de toda vida, como vínculo identitario, como legado interxeracional, como fonte de emprego sustentable e como fundamental inversión vital, cultural e socioeconómica a curto, medio e longo prazo.

Leave a Comment

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.