Pages Navigation Menu

Proxecto de trazado da A-76: 133 km de destrucción ambiental

Verdegaia ven de presentar alegacións ao Estudio Informativo da Autovía A-76. Ponferrada-Ourense nas que demanda a anulación do proxecto pola importancia das afeccións tanto cualitativas como cuantitativas que a súa construción significaría antendendo a paisaxe, á flora, á fauna, aos recursos hídricos e xeolóxicos e ao patrimonio cultural, así como a insustentabilidade dun modelo que reitera a aposta polo automóbil privado e o transporte por estrada como a opción cuase hexemónica de transporte.

As afeccións abranguen 4 puntos de interese xeolóxico , 13 redes hidrográficas , 56 especies de flora, algunhas delas de alto valor ambiental, salientando a Petrocoptis grandiflor, endemismo rexional incluído na Lista Roja de la Flora Vascular Espapola con categoría de vulnerable e que foi a causa de que se proibira a escalada na Serra da Lastra; 132 especies de fauna, moitas delas vulnerables ou de interese especial(Falcón peregrino, bufo real, armiños, lontras, lobo, aguaneira, morcegos . . ), 12 corredores biolóxicos e zonas de especial valor de paso e de asentamento de especies animais e 37 zonas protexidas ou de especial interese (salientar a afección a zonas que forman parte da Rede Natura 2000) como a Zona de Especial Proteción de Aves (ZEPA) e Lugar de Interese Comunitario (LIC) da Serra da Enciña da Lastra ( ZEPA ES1130009, LIC ES1130009) que a demáis conta coa figura de protección de Parque Natural, ademáis do LIC Ancares-Courel , LIC Río Cabe e LIC Canón do Río Sil.

A este listado de desfeitas ambientais que resultarían da construción desta infraestrutura, cumpre engadir as afeccións paisaxísticas. Este proxecto abrangue aproximadamente 133 quilómetros, o ue fai que pase por sitios moi diferentes entre eles, pero case todos eles valorados como fráxiles (en escala segundo o estudo de pouco fráxil, fráxil ou moi fráxil). De todas as unidades paisaxísticas que fai o estudo (serras, grandes vegas e tramos fluviais encaixados), soamente “grandes vegas” queda na clasificación “pouco fráxil” (<2) con 1.33/ na categoría de “fráxil” (de 2 a 3.5) temos “serras” en cumios e zonas altas chás, tramos fluviais encaixados en vales interiores. Finalmente na categoría “moi fráxil” (igual ou máis de 3.5) temos as serras, zona de ladeira (3.6) e tramos fluviais encaixados por desfiladeiros (3.6).

Por último, temos que mencionar o impacto sobre bens culturais e patrimoniais dos que a A-76 afectaría a xacementos e elementos datados desde a Idade do Bronce ate a época contemporánea. En concreto Verdegaia identificou 132 elementos afectados.

A construción de máis infraestruturas para o tráfico rodado, só pode supoñer un incremento deste polo denominado “efecto chamada”: a desconxestión que supón a apertura dunha nova infraestrutura invita ao seu uso por un número cada vez maior de usuarios que antes optaba por outras alternativas, chegando nun horizonte de 15 anos novamente a niveis de saturación importantes. A propia UE no seu informe Transport 2000 recoñeciá que que a maioría dos países europeos tiñan sobrepasado o punto no que calquera incremento do tránsito resulta contraproducente: a suma de efectos negativos anula os posíbeis beneficios. Así mesmo, no Green Book of Urban Enironment, afirma que “unha vez construídas as infraestruturas, o tráfico aumenta até atinxir de novo os anteriores níveis de conxestión”.

No contexto actual de crise financeira e de elevación dos prezos do petróleo, a construción de grandes infraestruturas de transporte por estrada como ésta representa, máis que nunca, un inxustificable desperdicio de diñeiro público coa única finalidade dotar de negocio ás grandes empresas construtoras.. Cómpre apostarmos en primeiro lugar por medidas que reduzan a necesidades de desprazamento, en segundo lugar por un cambio modal cara a aqueles modos de transporte máis sustantébeis e en terceiro lugar por medidas de corrección e mellora das infraestruturas xa existentes.

pdf Documento de Alegacións á A-76

2 Comments

  1. Esa autoestrada é só para sacar a lousa de Valdiorras e do Courel e pasala oa porto de Vigo, así o acordaron os empresarios con Touriño en xullo do 2007

  2. Ola, Kepa. Diches no cravo! As alegacións están feitas sobre o Estudo de Impacto Ambiental, pero se les as resposta de todo o mundo (Concellos, asociacións de veciños, etc.) verás que están os de Trives, Castro Caldelas e todas esas zonas que demandan que o que se faga sexa o corredor 3 e non o 1 precisamente por sacar a lousa a Vigo. Vese que fóra o que fóra a intención final, efectivamente, era sacar a lousa a Vigo.
    Chapeau!

Leave a Comment

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.