Recurso de Alzada contra a autorización para o funcionamento da E.D.A.R. en Ponte Baixoi (Miño)
Verdegaia interpón un Recurso de Alzada contra a Resolución de Augas de Galicia que autoriza o funcionamento da E.D.A.R. en Ponte Baixoi (Miño). Pide que se anule a autorización de vertido polo impacto que ocasionarían os efluentes sobre a Marisma de Baixoi e a Praia Grande de Miño. Reitera, ademáis, a necesidade de trasladar a depuradora a outro lugar da Ria de Ares-Betanzos, afastada da marisma.O Núcleo Comarcal de Verdegaia ven de interpoñer un Recurso de Alzada ante a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas contra a Resolución de Augas de Galicia que autoriza o verquido de augas residuais procedentes da Estación Depuradora de Augas Residuais (E.D.A.R.) construida recentemente no lugar de Ponte Baixoi, Concello de Miño (Clave: DH. V15. 20248), ao considerala unha ameaza para a riqueza biolóxica da Marisma de Baixoi, para a calidade das augas de baño da Praia Grande de Miño e para os recursos marisqueiros de ambas.
No Recurso apresentado, Verdegaia reitera que o lugar escollido para a construción da E.D.A.R. non é o máis axeitado desde o ponto de vista ambiental, posto que os efluentes verteríanse directamente á Marisma de Baixoi a través do cauce fluvial do mesmo nome. Pese aos controis de calidade das augas esixidos por Augas de Galicia na autorización de vertido, existe un risco real de contaminación do citado humidal e de alteración da calidade das augas de baño da Praia Grande de Miño (bandeira azul). De feito, segundo un informe da Consellería do Mar do 13/08/2007, o cal obra no expediente, afirma que “(…) o asentamento elixido, con proximidade do vertido a unha marisma, no que ademáis están presentadas diferentes iniciativas e pretensións por parte da D.G. de Costas de acometer actuacións de adecuación ambiental do entorno, choca coa filosofía conservacionista que xenéricamente se outorga a estes humedais, o cal condiciona que deberían extremarse as condicións, control e características do vertido de tal xeito que se asegure calquer tipo de afectación ambiental”.
Verdegaia opina que a depuradora debería situarse noutro lugar da Ría de Ares-Betanzos onde as correntes e a existencia dun maior caudal deste medio receptor permitisen asimilar con maior facilidade os efluentes previamente tratados. De feito, no informe aludido anteriormente conclúese que “(… ) o asentamento elixido non parece moi axeitado xa que o punto de vertido emprázase nun entorno onde confluen multiplicidade de usos que requiren esixencia de calidade de augas (…) Se considera que os principais efectos potenciais produciranse na fase de funcionamento e a sua magnitude/intensidade virá determinada, entre outros factores, pola eficiencia depurativa da planta e as características do vertido ao medio receptor”.
Por outra banda, a E.D.A.R. de Ponte Baxoi está situada a menos de 2000 metros dun nucleo habitado; neste caso do núcleo de Bañobre. No Recurso tamén advertimos que o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no mes de novembro do 2006, declarou ilegal a depuradora de Ourense por non estar suficientemente separada das vivendas. No fallo de dito Tribunal, entre outras cousas, alegouse que “El que la depuradora preste un servicio público ineludible, no significa, como con error parece considerar el ayuntamiento, que su instalación pueda realizarse en cualquier lugar”.
Tamén lembramos que a depuradora foi construida de xeito irregular, dado que o proxecto construtivo non se someteu a información pública no seu día. Este feito xa fora denunciado en anteriores ocasións despois de que Verdegaia consultara o expediente o 04/02/2008 no Concello de Miño, no cal non achou documentación algunha que acreditase o sometimento das obras (por certo, moi avanzadas naquela data) a dito trámite. Na resposta ás alegacións formuladas por Verdegaia ao expediente de Autorización de vertido, reflictida na Resolución de Augas de Galicia, recoñécese (dun xeito eufemístico) que “… efectivamente, na data nomeada (04/02/2008) na que Verdegaia consultou o expediente no Concello, este estaba incompleto …” O feito de que a instalación conte con licencia da Deputación desde o 2 de marzo do 2009 (un ano despois de denunciárense os feitos), ven reafirmar que as obras executáronse de xeito irregular. Ademáis, o outorgamento de licenza por parte da Deputación non exime o requerimento doutras autorizacións.
Verdegaia considera, ademáis, que o expediente da E.D.A.R. en Ponte Baixoi debería someterse ao trámite de Avaliación de Impacto Ambiental pois, ainda que a instalación ten unha capacidade de tratamento inicial de 10.000 habitantes-equivalentes, non obstante, no proxecto prevese duplicar dita capacidade de tratamento até 20.000 habitantes-equivalentes coa incorporación da urbanización “Costa Miño” ou “Costa Anácara” e do Polígono Industrial de Vidrieiro (Pontedeume); polo que entendemos que a depuradora sí se incluiría no Anexo II, Grupo 8. d “Plantas de tratamento de augas residuais superiores a 10.000 habitantes-equivalentes” da normativa aplicable. De feito, nos informes da Dirección Xeral de Recursos Mariños da Consellería de Pesca de datas do 09/01/2008 (Rexistro de Saída: 11/01/2008) e do 03/11/2008 estímase necesario, cando menos, remitir a documentación á Consellería de Medio Ambiente para que, si o estima convinte, someta o proxecto a unha avaliación de impacto ambiental.
No Recurso tamén denunciamos que a Marisma de Baixoi, pese a estar integrada por diversos hábitats naturais e especies de interese comunitario, dacordo coa Directiva 92/43/CEE do 21 de maio, co R.D. 1997/1995 do 7 de decembro e coa Lei 42/2007, do 13 de decembro, non forma parte de ningún espazo da Rede Natura 2000. Descoñecemos o motivo polo que a Consellería de Medio Ambiente decideu non incluir no seu dia a Marisma de Baixoi no L.I.C. Betanzos-Mandeo, a pesares de que os límites deste espazo natural chegan até a cercana Praia da Riveira (Miño). Tampouco prevé a sua incorporación futura, dacordo coa proposta de ampliación de dita Rede Natura polo que, ao noso entender, supón unha flagrante vulneración da Directiva 92/43/CEE do 21 de maio, do R.D. 1997/1995 do 7 de decembro e da Lei 42/2007 do 13 de decembro
A escasos km desa situación hai outra EDAR, situada a menos de 100 metros de núcleos de poboación que nunca funcionou dende que se instalou. Bastante máis grave.
Por se é de interese, claro.