Rede Galiza non se vende: cidadanía autoorganizada
por Xan Duro, coordenador xeral de Verdegaia
Aló polo mes de outubro do 2006 varias organizacións sociais galegas entraron en contacto para explorar novos xeitos de colaborar dende as súas particularidades, como xeito de avanzar un paso máis do tradicional localismo e curtopracismo das iniciativas cidadás ate o momento. Naquelas primeiras xuntanzas participaron colectivos das máis variadas castes que presentaron conxuntamente unha veraz radiografía da realidade asociativa galega: desde asociacións de afectados até plataformas colectivas, desde asociacións culturais até grupos ecoloxistas. Houbo quen tivo unha ollada global, viu que existía unha multiplicidade de luitas locais que tiñan muitos elementos en común e entendeu que era necesario estabelecer contactos entre todas esas entidades -locais e de ámbitos maiores, de diversos tipos e orixes- que defendían -aínda que en ocasións parcialmente- un ordeamento territorial ecoloxicamente sustentábel e socialmente xusto e, sobretodo, que resistían perante agresións de todo tipo: piscifactorías, portos deportivos, urbanizacións.
A realidade dese intre demostraba que as distintas loitas locais fronte ás problemáticas concretas a penas tiñan capacidade de trascender máis aló do seu ámbito nin tirar apoios para as súas reivindicacións. A desconexión entre os distintos problemas impedía ter unha visión global do que estaba a acontecer no país e o silencio cómplice dos medios de comunicación máis importantes colaboraba para tentar converter en anecdóticas ou caricaturizar as protestas cidadás.
Nese intre, as asociacións tiñan claro que chegara o tempo da cidadanía consciente, autoorganizada e independente. As estruturas tradicionais de poder non estaban a respostar aos problemas, mesmo promovían a súa existencia, ben por desleixo ben por convicción.
Na análise da realidade os colectivos entenderon que a deriva política no referido a ordenación do territorio, concepto moi amplo que abrangue dende o patrimonio natural até o etnográfico e histórico, en definitiva, que tipo de país queremos e como o queremos facer, non cambiou en gran medida nos gobernos que pasaron pola Xunta. A ausencia de canles de participación cidadá real e efectiva fronte a un lobby político-económico de extraordinario poder combinado con apostas “desarrollistas” propias dun sistema económico depredador e insustentábel, a ausencia dunha planificación territorial transversal e coherente baseada na xustiza social e na sustentabilidade ecolóxica e o desleixo e clara intención de non facer cumprir a lexislación estaban a converter Galiza nun terreo sen lei nin control onde as ilegalidades son moeda común e coas que estamos a desbaldir de xeito irrecuperábel un patrimonio do que somos a penas usufructuarios. Este uso insustentábel do territorio está a empobrecer a biodiversidade, está a empeorar a nosa cualidade de vida e a hipotecar a de xeracións futuras para lucrar a unhas poucas empresas.
O reflexo desta situación tradúcese nun urbanismo caótico, infraestruturas de transporte irracionais, piscifactorías, campos de golf, portos deportivos, encoros, parques eólicos indiscriminados, paseos marítimos e fluviais ríxidos, recheos, monocultivos de exóticas e invasoras, minaría a ceo aberto destrutiva, despoboamento do rural, instalacións que supoñen unha ameaza directa á poboación como Reganosa, etc. Sumamos a este panorama a persecución xudicial sobre o único recurso que lle queda á cidadanía, a protesta na rúa, e temos unha análise moi desalentadora da realidade galega e un futuro escuro.
Daquel encontro xurdiu a Rede Litoral Vivo que agrupou máis de corenta colectivos integrados directamente ou a través de distintas plataformas e foros. Esta Rede definíase como horizontal e entre os seus obxectivos estaba o intercambio de información, servir de altofalante para as problemáticas locais, aumentar a sensibilización social, ofrecer unha canle de participación e denuncia e xerar sinerxias que permitisen mellorar a capacidade tanto de presión sobre gobernos e empresas, como de elaboración de alternativas.
Co paso dos meses e ante o volume e extensión das agresións, a Rede Litoral comprendeu a necesidade de incorporar outros colectivos que compartían esas inquedanzas pero que non tiñan vinculación directa co litoral. Eis a transformación en Rede Galiza Non se Vende, baseada nos mesmos principios. Esta nova Rede vén de comenzar a súa andaina co lema “Terra viva e vida digna para tod@s” e a convocatoria dunha manifestación a nivel galego para o 17 de febreiro en Compostela. .
A preservación dos recursos naturaís da terra é urxente polas dimensións do daño no ambiente causado no noso territorio e o seu impacto no individuo, sobre o gozo dos seus dereitos fundamentais, incluindo o dereito á saude.