Rexeitamento social ao proxecto de pasos subterráneos en Pontedeume
PP, PSdG e BNG tamén cuestionan o proxecto de Fomento. O portavoz nacionalista no Congreso, Francisco Jorquera, presentou unha iniciativa na que reclama a Fomento que “desbote” o seu proxecto porque “afectaría gravemente a Pontedeume, tal e como denunciaron os veciños”.
Recentemente dabamos conta nesta páxina da intención do Ministerio de Fomento de instalar dúas rotondas á entrada da vila de Pontedeume. Estas obras incluirían uns pasos subterráneos para peóns para comunicar entre sí as dúas zonas nas que quedaria dividido o casco urbano. O colectivo Fusquenlla denunciou dende o primeiro momento que o proxecto atentaba contra o patrimonio arquitectónico de Pontedeume pois obrigaba aos cidadáns a adentrarse baixo terra nun casco medieval declarado Conxunto Histórico Artístico. Ademais o proxecto de Fomento, imposíbel de adecualo á lei, incumpre a normativa á que obriga o propio Ministerio. O proxecto debe expoñerse ao público durante un mes e debe contar cun informe de impacto ambiental que non existe. No lugar onde se pretende abrir os pasos subterráneos pode haber restos dunha antiga muralla que cercaba á vila e da porta de entrada á mesma, o chamado Arco de Maldonado.
Non é caer na esaxeración afirmar que os pasos subterráneos que Fomento e o Concello van instalar á entrada de Pontedeume é un dos maiores desatinos que a nosa vila vai soportar. E éo por dobre razón. Se por unha banda as rotondas non garanten a solución ao problema do tráfico, os pasos subterráneos son a antítese do modelo urbanístico que reclamamos para Pontedeume.
O cada vez máis numeroso parque automobilístico pode deixar obsoletas as rotondas en cuestión de meses. A vixente idea de ateigadas estradas cruzando as vilas debe ser erradicada dos planeamentos urbanísticos do futuro. A aspiración a unha maior calidade de vida para os residentes das vilas e para os propios automobilistas significa desviar o tráfico do núcleos urbanos, implantando vías alternativas como son as estradas de circunvalación e autoestradas. No noso caso, a liberalización da peaxe no tramo de autoestrada ao seu paso por Pontedeume e a construción dun enlace en Campolongo sería a solución máis sensata e xusta. Este enlace serviría para dar servizo ao único polígono industrial que existe en Pontedeume.
Agora, conscientes da impopular medida aprobada polo ministerio, os partidos políticos PP (goberno local), PSdG e BNG amosan o seu descrédito con respecto ás obras aprobadas. O deputado nacionalista Francisco Jorquera, presentou unha iniciativa no Congreso dos Deputados na que reclama a Fomento que “desbote” o seu proxecto porque “afectaría gravemente a Pontedeume, tal e como denunciaron os veciños”.
Comentarios recentes