Romasanta in memoriam
“Esixir o cumprimento da lei, é un acto revolucionario.”
Enrique Romasanta Rodríguez
Os conxurados
“No centro de Europa están conspirando. O feito data de 1291. Trátase de homes de diversas estirpes, que profesan diversas relixións e que falan en diversos idiomas. Tomaron a estraña resolución de ser razoables. Resolveron esquecer as súas diferenzas e acentuar as súas afinidades. Foron soldados da Confederación e logo mercenarios, porque eran pobres e tiñan o costume da guerra e non ignoraban que todas as empresas do home son igualmente vás. Foron Winkelried, que se crava no peito as lanzas inimigas para que os seus camaradas avancen. Son un cirurxián, un pastor ou un procurador, pero tamén son Paracelso e Amiel e Jung e Paul Klee. No centro de Europa, nas terras altas de Europa, medra unha torre de razón e de firme fe. Os cantóns son agora vintedous. O de Xenebra, o último, é unha das miñas patrias. Mañán serán todo o planeta. Poida que o que digo non sexa verdadeiro, oxalá sexa profético.” |
Jorge Luis Borges
Romasanta foi un deses homes razoables dos que falaba o gran Borges. Guerrilleiro, loitador incansable, teimudo nas súas ideas ata rifar duramente con quen fose, comprometido na defensa do ben público, litigante indómito e defensor de causas tan xustas como perdidas, das que sabía sacar petróleo. Temible como inimigo. O sistema declaroulle a guerra e él non se arredou, botouse fóra e guerreou con ferocidade contra él. Adicou a súa vida a defensa do común, do que é, ou debería ser de todo o mundo, poñendo especialmente a súa alma na Ría de Vigo.
Nesa loita de David contra Goliat, axionllou moitas veces a Goliat, prácticamente só, coa súa tirafonda certeira mentras nós os seus, acumulábamos pedras para que non lle faltase munición. Él só, foi quen de botar abaixo a DEUP do porto de Vigo simplemente esixindo o cumprimento da lei. A súa preparación autodidacta superaba á de moitos prefesionais, o que engrandece ainda máis a súa figura.
Pero na distancia curta Romasanta, o loitador, era outra persoa, peculiar e único, entrañable, cariñoso, empático, colaborador, xeneroso, desinteresado, traballador incansable, sempre preocupado polos seus. Simpático, maestro en destilar a gracia da desgracia e contaxiar aos demáis. Sempre disposto á festa, porque todos os guerreiros precisan de tempo de paz.
O sistema tratou de acabar contigo. Goliat argallou a trampa para gañar esa última batalla vital. Pensaba que gañándoa estarías derrotado. Pero o sistema nunca poderá acalar a túa voz nin a túa herdanza.
Xa non estás connosco, irmán, amigo, e o oco que deixas non se pode encher. Teremos que aprender a vivir sen ti. Agradecidos por coñecerte, polo aprendido e polo compartido que non esqueceremos, tentaremos facer como poidamos o que ti facías como nadie.
Só agardamos que como dicía Borges, o teu exemplo sexa semente e que:
“Mañán sexa todo o planeta. Poida que o que digo non sexa verdadeiro, oxalá sexa profético.”
As túas compañeiras, as túas irmáns de A Ría Non se Vende.
Comentarios recentes