Sabado 18, Roteiro contra o parque eólico no Morrazo
Este sábado 18 de xuño a Plataforma en Defensa dos Montes do Morrazo organiza un roteiro para dar a coñecer a zona afectada polo proxecto de parque eólico que a multinacional italiana Enel Green Power España, pretende construir no Morrazo.
O roteiro que será circular sairá as 10 da mañá desde o parque forestal de Chan de Arquiña unha zona de enorme valor social, ecolóxico e patrimonial e transcorrerá durante 5 quilómetros por pistas forestais cun bo pavimento e unha dificultade baixa. Partirase desde unha altura de mais de 500 metros para ir subindo pouco a pouco até os altos de Monte Faro de Domaio, a mais de 600 desde onde se observarán unhas extraodinarias panorámicas da Ría de Vigo ata as Illas Cíes e tamén se poderá ver monte Formigoso onde poderían ir unha parte dos muíños proxectados.
O roteiro seguirá cara o Coto do Home, o punto máis alto da peninsula do Morrazo, cos seus 624 metros de altitude e permitiranos contemplar as Rías de Pontevedra, Arousa ata o Barbanza e tamén poderemos ver a serra de Domego onde irían outra parte dos muíños proxectados. Do outro lado tamén observaremos en toda a súa plenitude a enseada de San Simón.
Voltaremos pola zona afectada de Pedras Negras, con amplas vistas da ría de Vigo e a serra do Galiñeiro en fronte, tamén ameazada por un proxecto de parque eólico.
Durante o percorrido ademais das vistas cara as rías galegas os e as asistentes poderán observar tamén o enorme impacto visual doutros parques eólicos xa instalados na serra do Barbanza, serra do Suído e monte Faro de Avión.
A duración do roteiro será de 2 horas aproximadamente, e é conveniente levar calzado de trote, roupa lixeira, ademais de auga, sombreiros e protectores da pel para protexerse do sol.
Lembramos que o proxecto co nome de Pedras Negras afecta tres zonas, a propia de Pedras Negras entre o monte Faro e Coto do Home, o monte Formigoso e a serra de Domego, onde se pretenden instalar arredor de 25 aeroxeneradores de máis de 100 ms. de altura e 50 de pás para unha potencia de 42 MW. As tres zonas afectadas están integradas de cheo no espazo natural dos Montes do Morrazo protexido como solo rústico de espazos naturais a nivel provincial. Dunha gran importancia xeolóxica e paisaxística, pola existencia de fauna e flora salvaxe de interese comunitario máis de hábitats naturais prioritarios, este espazo ten as condicións bioxeográficas necesarias para entrar dentro da futura ampliación da Rede Natura ou incluso como parque natural. Tamén ten unha gran importancia a nivel arqueolóxico coas mámoas de Chan de Arquiña e de Chan de Armada nas proximidades.
No Comments
Trackbacks/Pingbacks