Pages Navigation Menu

Sábado 20 de Abril: Ricardo Mella, libertario, daquí, da ría

Ricardo Mella Cea foi un topógrafo e librepensador vigués recoñecido a nivel internacional, mais que na súa cidade natal é, para a maioría da cidadanía, un nome baleiro…para uns, unha escola; para outras, unha avenida. Por iso, este próximo sábado 20 de abril celebraremos unha velada artístico-literaria para recordarmos o seu discurso. Un discurso lúcido, subversivo e exemplar que, ante todo, avoga pola soberanía persoal e polo dereito a satisfacer por igual as necesidades fisiolóxicas, intelectuais e morais de toda a humanidade. Di Mella: Eles non ven, non queren ver no home un animal que come, sente e pensa, prefíreno coma cidadán que vota, obedece e traballa. Por iso, a súa lóxica é a da propiedade individual, do privilexio político e da suxestión relixiosa.

Se queredes saber máis tendes unha cita, o 20 de abril. Primeiro, ás 18:00 horas no Bou Eva estrearemos a mostra plástica de Emilio Cabezas Lumpenproletariat e teremos un coloquio con Xosé Manuel Pereiro e Antón Fernández. Así, por unha banda recordaremos o extenso traballo xornalístico de Mella e, por outra, o seu pensamento humanista. Despois deste coloquio, como ben sabemos que, en realidade, todo está roto sairemos a berrar e a bailar cara ao Bar Berlín e o Torreiro da Festa onde a partir das 22:00h. poderemos gozar de música, poesía e circo. Comezaremos cun acústico do Leo de Matamá que se estrea no Berlín e continuaremos no Torreiro da Festa coa poesía de Silvia Penas, o circo de AsSircópatas, o Shaishakarraskaise de Igmig e pecharemos cun sistema de son con García MC ao micro e Cristal Arts aos pratos.

Así é como se loita, non deixando ningún carreiro nin ningunha matogueira ao adversario, cercándoo por todas partes. Se sodes guerrilla, xa seredes exército. Voso será o triunfo. Ricardo Mella en Acción Libertaria, núm. 18. Xixón, 14 abril 1911

http://ricardomella.org/

http://acboueva.blogaliza.org/

www.arianonsevende.org

Leave a Comment

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.