Sabía vostede qué…?
DECENAS DE MILES DE HECTAREAS DE TERRITORIO GALEGO PERDEN A SÚA PROTECCIÓN AMBIENTAL
Co motivo do aparentemente inofensivo documento de inicio para a avaliación ambiental estratéxica do Plan Director de Conservación da Rede Natura 2000 en Galicia estámonos a decatar da proxectada desaparición de decenas de miles de hectáreas de espazos naturais protexidos.
Hai que facer un repaso no tempo das distintas leis europeas, estatais e autonómicas que foron regulando a designación e normativización dos espazos naturais para visualizar esta desprotección de zonas ate o momento protexidas e que nos dá unha idea da magnitude da destrución ambiental que estamos a sufrir, que podemos cualificar de histórica.
En 1989 aparece a lei estatal 4/89, do 27 de marzo, sobre conservación dos espazos naturais da flora e fauna silvestre.
Como aplicación en Galicia aparece o decreto 82/1989 do 11 de maio, que regula a figura de espazo natural en réxime de protección xeral. Este decreto é emitido pola Consellería de Agricultura da Xunta de González Laxe e crea o Rexistro Xeral de Espazos Naturais de Galicia.
Coa publicación da Orde do 3 de abril de 1991, a Consellería de Ordenación do Territorio e Obras Públicas (José Cuíña) se dispón a entrada en vigor dos proxectos de revisión das Normas Complementarias e Subsidiarias de planeamento das provincias da Coruña, Lugo, Ourense e Pontevedra. Estas normas entraron en vigor segundo resolución desa consellería do 10 de xaneiro de 1990 e foron publicadas nos DOG núm. 13, 15, 16, 17, 18, e 20, do 18, 22, 23, 24, 25, 26, e 29 de xaneiro respectivamente, e incluían a definición, cartografía e normativa dos espazos naturais protexidos pertencentes ao Rexistro Xeral de Espazos Naturais de Galicia. O artigo 28 desas normas considera como usos permitidos nos espazos naturais:
“No ámbito de aplicación desta norma non se autorizará a construción de ningunha clase de edificación, permitíndose a explotación racional dos recursos vinculados ao medio que non atente contra os valores esenciais que se protexen”.
A Rede Natura 2000 é creada segundo a directiva 92/42/CEE do Consello, de 21 de maio de 1992, relativa á conservación dos hábitats naturais de fauna e flora silvestre. A lei 9/2001, do 21 de agosto, de conservación da natureza, (Manuel Fraga), articula de xeito novo os espazos naturais, creando a Rede Galega de espazos protexidos, partindo de cero e sen definir qué sucede co antigo Rexistro. A Resolución do 30 de abril de 2004, da Dirección Xeral de Conservación da Natureza (Diario Oficial de Galicia número 95, do 19 de maio) dispón a publicación, no Diario Oficial de Galicia, da cartografía onde se recollen os límites dos 73 espazos naturais declarados zonas de especial protección dos valores naturais polo Decreto 72/2004, do 2 de abril (Diario Oficial de Galicia número 69, do 12 de abril). En este decreto aparece a proposta de LICs e ZEPAs para formar parte da Rede Natura 2000, declara estes mesmos espazos como Zonas de especial protección dos valores naturais ZEPVN e os fai entrar na Rede Galega de Espazos Protexidos. Segue sen aparecer por ningures o Rexistro nin os espazos nel citados.
Coa Decisión da Comisión de 7 de decembro de 2004 (DOCE L387 de 29/12/2004). , a Comisión Europea aproba os LICs e ZEPAs propostos, que entran a formar parte da Rede Natura 2000.
O documento de inicio actual móstranos a Rede Galega de Espazos Protexidos formada polas 384.108,7 Has das ZEPVN (LICs e ZEPAs) mais 8.495,8 do Parque Nacional das Illas Atlánticas, 40.894 de parques naturais, 308,5 de monumentos naturais e 7.749 de humedais protexidos, o que da un total sen solapamentos de 389.856,5 Ha.
Qué foron dos espazos do Rexistro Xeral de Espazos Naturais de Galicia?
Que foi da protección ás 6.880 Ha da Serra de Argallo e A Groba, entre Baiona e A Garda?
Que foi da protección ás 4.482 Ha da Serra do Suido, entre as provincias de Pontevedra e Ourense?
Que foi da protección ás 3.735 Ha dos Montes do Morrazo e ás 542 da Carballeira de Coiro?
Que foi da protección ás 1.100 Ha das Penas de San Cibrán de Salceda (Porriño, Salceda, Ponteareas)?
Por qué deixan de ter calquera tipo de protección 110 Ha na Ramallosa (Val Miñor), 474 Ha en Monte Aloia, 248 Ha na Enseada de San Simón, 478 na península do Hio e a costa de Darbo en Cangas, 113 en Cabo Udra (Bueu) etc,etc..?
Máis de 20.000 Ha (hai 38.553 Ha declaradas LIC) que perderían toda a súa protección só na provincia de Pontevedra nun prazo de quince anos dende a súa declaración.
Sigo pensando o mesmo que pensaba cando os incendios do verán: mentres non teñamos acceso a un REXISTRO PUBLICO ON LINE e podamos coñecer de xeito gratuíto os cambios de titularidade nos terreos afectados polas modificacións… estaremos sempre pensando que nola estan dando pero seguiremos sen poder sentar a ninguén no banquiño do xulgados: prevaricar é ditar a mantenta unha resolución inxusta ou que favorece a alguén co que temos trato de favor.
Pero o anonimato e os testaferros sempre permitirán seguir facendo negocios a 25 anos vista sen máis problemas que deixar pasar o tempo e confiar en que os cambios sucesivos nas administracións da Xunta e dos Concellos vaian deixando esquecidas as protestas e as denuncias que se fan EN XERAL.
Se Galicia NON se VENDE… deberamos poñer os medios para EVITAR QUE HAXA QUEN A COMPRE !!!