Seis empresas son responsables da metade da achega de Galicia á mudanza climática

Verdegaia insiste na urxencia de reducir de forma sostida as emisións galegas de Gases de Efecto Invernadoiro (GEI) causantes da mudanza climática global. Galicia presenta unhas elevadas emisións por habitante de GEI, a metade das cais son atribuíbles a só seis empresas, que gozan de importantes complicidades e apoios por parte dos poderes públicos: ENDESA, UNIÓN FENOSA, REPSOL, ALCOA, FERROATLÁNTICA e SOGAMA.

Galicia, que co 0,04 % da poboación xera o 0,12% das emisións mundiais, presenta unhas emisións de GEI por habitante de 12,4 toneladas/ano, superiores incluso ás emisións medias do Estado español (9,9) e a UE (10,4). Tan só seis empresas, cinco delas transnacionais privadas (ENDESA, UNIÓN FENOSA, REPSOL, ALCOA, FERROATLÁNTICA) e unha galega semipública (SOGAMA), son as responsables da metade das emisións (datos referidos ao 2006). Á cabeza sitúase ENDESA, coa súa central térmica de carbón das Pontes, a maior “fábrica de mudanza climática” de España, que emite máis CO2 que as comunidades autónomas de Estremadura ou de Navarra.

A xuízo de Verdegaia, os datos anteriores amosan que a solución á cada vez máis preocupante crise climática require dunha mudanza profunda do modelo de produción e consumo, o que implica, entre outras cousas, a reconversión das industrias ligadas aos combustibles fósiles ou moi intensivas en consumo de enerxía e materiais, e un forte desenvolvemento de actividades orientadas ao aforro enerxético, ás enerxías e os materiais renovables, á reutilización e á reciclaxe, á rehabilitación de edificios ou ao transporte colectivo.

Asemade, é preciso abandonar a incineración do lixo, falsamente presentada como unha solución contra as alteracións climáticas polo decepcionante Plan de Acción contra o Cambio Climático 2008-2012 deixado polo Goberno bipartito, que prevé un aumento das emisións de GEI do 37% en 2012 a respecto de 1990, cando en 2006 eran un 20,5% superiores.

As grandes produtoras de mudanza climática

En 2006, último ano para o que se dispón de datos oficiais, emitíronse desde Galicia un total de 34.585.350 toneladas (t) de CO2 equivalente[1]. As seguintes empresas foron responsables en conxunto dunhas emisións de 17.324.984 t, é dicir, do 50% das emisións totais.

ENDESA. A súa central térmica de carbón das Pontes emitiu 9.122.201 t de CO2 no ano 2006. ENDESA foi a empresa máis beneficiada pola moi xenerosa atribución de permisos de emisión de CO2 que lle outorgou o Goberno español -co apoio de gobernos autonómicos como o galego- ás centrais térmicas de carbón no primeiro período de aplicación do comercio europeo de emisións (2005-2007). Desde 2008 esta central usa só carbón de importación procedentes de lugares tan afastados como Indonesia.

UNIÓN FENOSA. Esta empresa eléctrica é a propietaria da segunda central térmica de carbón situada no noso país, a de Meirama, en Cerceda. No ano 2006 emitiu 3.847.539 t de CO2. Todas as Administracións públicas apoian a continuidade das centrais térmicas galegas de carbón, malia seren pouco eficientes e moi intensivas en emisións de CO2. A de Meirama tamén usa exclusivamente carbón importado desde 2008. O enorme investimento público nos portos exteriores de Ferrol e da Coruña destínase, en moi grande medida, a facilitar a descarga de carbón para as centrais térmicas (ademais do transporte de petróleo e derivados). UNIÓN FENOSA tamén é propietaria da central de fuel de Sabón, que en 2006 emitiu 306.551 t de CO2.

REPSOL. A principal empresa petroleira española emitiu desde a súa refinería da Coruña 1.528.693 t de CO2 no ano 2006. As medidas dos poderes públicos orientadas á redución do consumo de petróleo son moi débiles, especialmente no sector do transporte. Ademais, as políticas en materia de ordenamento do territorio e de infraestruturas de transporte contribúen a consolidar o dominio case absoluto do coche e do camión, a pesar da súa ineficiencia enerxética.

ALCOA. As instalacións en Galicia (San Cibrao e A Coruña) da multinacional líder mundial en produción de aluminio emitiron 1.520.000 t de CO2. O principal consumidor de electricidade de Galicia -o seu complexo de San Cibrao consome moito máis que todos os fogares galegos- benefíciase dunha tarifa eléctrica moi reducida (1,5 céntimos/kWh), máis de 7 veces máis barata que a tarifa social para consumidores domésticos. Ademais de CO2, Alcoa emite tamén gases fluorados con efecto invernadoiro.

FERROATLÁNTICA. Os tres centros de produción de Ferroatlántica en Galicia (Cee, Dumbría e Sabón) emitiron en 2006 un total de 641.000 t de CO2.

SOGAMA. A incineradora de residuos urbanos que posúe esta empresa participada pola Consellaría de Medio Ambiente e UNIÓN FENOSA en Cerceda -a maior de España- emitiu 359.000 t de CO2. A achega real de SOGAMA á mudanza climática sería aínda maior se se contabilizasen as emisións asociadas ao transporte do lixo até a incineradora desde os 277 concellos de toda Galicia adscritos a SOGAMA.

Fontes:

Os datos de emisións das empresas obrigadas a participaren no comercio de emisións (ENDESA, UNIÓN FENOSA, REPSOL) proceden da web da Consellería de Medio Ambiente (http://www.siam-cma.org/cambioclimaticogalicia/Descargas/resumoemisions%202006.pdf). Os restantes proceden do Rexistro Estatal de Emisións e Fontes Contaminantes do Ministerio de Medio Ambiente e Medio Rural e Mariño (
http://www.mma.es/portal/secciones/calidad_contaminacion/ipcc/eper/index.htm).

[1] O  “CO2  equivalente”  (CO2  eq)  expresa  a  eficacia  no  aumento  do  efecto  invernadoiro  dos  diversos  gases  que  inducen o cambio climático, usando como referencia o principal deles, o dióxido de carbono (CO2).

11 Comments

  1. falla o enlace das fontes a consultar.
    apertas.
    ¡goberne quen governe galicia non se vende!
    ¡planta de gas fora da ría!

  2. fantástico post de verdegaia

    engadiría un par de cousas, xogando coas cifras e as realidades do sector enerxético galego.

    En época de crise, fálase sempre de postos de traballo. Tendo en conta que catro das seis empresas citadas pertencen ao sector enerxético, e aínda que o sector enerxético supón ao redor do 8% do PIB galego, tan só produce o 0,5% do emprego.

    Polo tanto os beneficios sociais que aporta este sector son insignificantes se os comparamos cos estragos que provoca no medioambiente e na saúde pública.

    A central das Pontes subministra a enerxía para que funcione ALCOA en San Cibrao, se pechamos ALCOA sobraría a metade da producción da central da pontes, e polo tanto aforraríamos dunha tacada 6 millóns de toneladas de CO2 anuais.

    por outra banda, se pecharamos sogama e reciclaramos boa parte do lixo que alí se queima, as emisións de CO2 desta instalación.

    As emisións de CO2 de Repsol débense, polo que me contaron hai anos, á enerxía que disipa a refinería como consecuencia do proceso industrial, enerxía que sería suficiente para alimentar os fogares de toda a cidade da Coruña. Se esta enerxía se introducise no mercado aforraríanse as emisións equivalentes necesarias para producila: máis de 1,5 millóns de toneladas de co2.

    total de aforro, racionalizando a relación entre producción e consumo de enerxía, pechando ALCOA e reciclando e tratando os RSU como merecen, aforraríamos 8 millóns de toneladas de emisións de CO2 anuais, perto dun 25% das actuais emisións de CO2, co que os galegos “emitirían” unhas 9,5 toneladas por habitante e ano, por debaixo da media española, que é o que nos corresponde polo feble desenvolvemento industrial do país.

    o artigo de verdegaia pon en evidencia que somos unha especie de república bananeira, pero en vez da United Fruit Company, eiquí mandan Repsol, Endesa e Fenosa.

    aproveito para recomendar un libriño que ilustra ben estes temas: “a pegada socioecolóxica do sistema enerxético galego” editado por Sotelo Blanco.

  3. En Galiza séguese a mexar por riba dun e hai que dizer que chove!!!…

    O que non entendo é como so é atrativa a política polo que poida sacar un proveito.. así está chea de mafiosos (en todo o mundo, pero o pior e que sempre hai máis corrupción onde hai máis fame)

    Teño un problema, estoume castelanizando… penso cada vez máis en que os galegos son unhas bestas de carga, e só se lles pode tratar a paus… penso que os galegos funcionan millor a paus e cun dono simpático que de cando en vez lle bote unhas berzas.. así o galego e capaz de soportar os paus, a escravitude laboral, e burlas humillacions de todo tipo… igual que fai 200 anos, espero que outras xerazóns teñan a bontande de trocar isto

    A situación dos galegos na atualidade é paralela a realidade do idioma… negrísima… aquí imos notar a crise a longo prazo debido a que non houbo tanta recesion no 2008-2009 coma noutras comunidades. A nosa dependencia das comunidades mais ricas levaranos tras delas na recuperación… o pitiño máis feble e o que menos come e acaba por morrer

  4. Hola.
    Hola. Queriamos comunicarvos que nos admitiron a canción Romance incompleto (Fuco Pérez) no concurso “Foundation Reggae Festival” que se fai en Culleredo (Coruña). ¡Para gañar precisamo-la vosa axuda!.
    Entra na seguinte ligazón e VOTA POR NÓS NESTA PÁXINA:
    http://www.foundationreggaefestival.org/poll/index.php

    Para escoitar ós grupos que participamos entra NESTA ligazón:

    http://www.foundationreggaefestival.org/index.php?option=com_content&task=blogsection&id=10&Itemid=107

    Moitas grazas.

    Dsskartes Band (banda solidaria pola causa de Galiza non se vende).

  5. “As centrais térmicas de carbón son fábricas de morte. Pechémolas”. É o título dun artigo de James Hansen, o primeiro científico que alertou no Congreso dos EEUU do perigo das alteracións climáticas:

    http://www.cospesnaterra.info/blog

  6. O comentario de miguel reimundez destaca algo moi importante, que as seis empresas que máis cambio climático producen son moi intensivas en consumo de recursos naturais e en emisións contaminantes e pouco intensivas en emprego.

    Supoñendo que as interesantes medidas que plantexa no seu comentario se puidesen levar a cabo, seguiriamos tendo unhas emisións moi altas e aínda nos quedaría moito que reducir. A min non me parece que Galicia sea unha “república bananeira”. Entre outras cousas, porque aquí temos moitísimos coches (a “segunda empresa galega” que máis dióxido de carbono emite), ou porque aquí non é preciso que veña ningún país estranxeiro a protexer as nosas “United Fruit Company”, xa lles chega cos apoios internos de todo tipo. Aquí só queremos “compensacións”.

  7. o da república bananeira referíase á que vivimos nun territorio cheo de industrias-enclave, como as térmicas, alúmina, reganosa, ence, repsol, químicas… empresas que ninguén quere no seu territorio e que campan por galiza adiante como nun país do terceiro mundo, afectando gravemente á saúde das persoas. Empresas que tampouco aportan emprego nin riqueza ao país, empresas de capital externo, de productos de baixo valor engadido… propias do terceiro mundo.
    Por certo, algué coñece algún estudo epidemiolóxico amplo sobre o perxuizo de Repsol na Coruña ou de Endesa en todo o norte das provincias de Lugo e A Coruña?

    Certo, para ter unhas emisións máis razoables deberíase desenvolver o transporte público, seguramente responsable do 30% das emisións e do consumo de enerxía fósil.

    pero resulta máis rentable políticamente subvencionarnos para que merquemos máis automóviles e facer liñas de AVE.

  8. Sobre o asunto, no Blog de Ártabra 21, hai un link cun Informe Completo de Ramón Varela Díaz

    – Galiza contamina máis do que lle toca: “As grandes contaminantes na Galiza”-

    O Blog é unha análise de Ramón Varela Díaz sobre as compañías que máis gases tóxicos expulsan á atmosfera, facendo-nos duplicar a media estatal de emisións por quilómetro cadrado.

    Tono

  9. Aquí vai o link co Blog:

    http://espazo-galego.blogspot.com/

  10. Polo que eu entendo, a meirande parte da industria contaminante de Galiza concéntrase no norte da provincia da Coruña.

    Considero que Artabra 21, ou Galiza non se vende, debería esixir xa á Consellería de Sanidade un estudio de como afecta esto á saúde dos máis de 700.000 galegos e galegas que viven nestas áreas.

    un saúdo.

  11. Non vexo eu nin que Galiza sexa terceiro mundo nin que centrais térmicas, refinerías ou celulosas sexan tan do terceiro mundo. Por exemplo, hai moitas centrais de carbón en EEUU ou en Alemania.

    De Ramón Varela Díaz gustaríame poder ler algunha opinión sobre a xestión do seu camarada da UPG Fernando Blanco como conselleiro de Industria. Supoño que preferirá dar a súa opinión en círculos privados. A “lealdade nacionalista” pesa máis que o ecoloxismo.

Deixa una resposta a miguel reimundez gonzález Cancelar a resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.