Pages Navigation Menu

Soberanía alimentaria

1. GADIS

Entendemos por S.A. o dereito que teñen tódolos pobos a producir os seus propios alimentos. Algo tan elemental, sen embargo pódelles soar a moit@s a cousa romántica, rara, nacionalista. Ben, pois digámolo doutro xeito; un pobo, para alimentarse, ten dúas opcións: a primeira, á que nos acabamos de referir como S.A, sería producir os seus propios alimentos; mentres que a segunda é a que se lle ven impoñendo á práctica totalidade das sociedades, e consiste en depender, para a súa alimentación, da produción e da importación que realizan unhas pocas, moi poucas empresas, os amos deste gran negocio que é a alimentación, e que chegan ao consumidor a través das grandes superficies do ramo: Corte Inglés, Carrefour, Eroski, GADIS …
Cando un país produce o seu propio alimento está xerando e distribuíndo riqueza entre a súa poboación, reactivando a economía rural e o comercio de proximidade con todo o que isto significa para a sustentabilidade, a defensa activa contra os incendios forestais, a redución da contaminación, o aforro enerxético, e algo moi importante: a defensa da saúde, xa que é o mellor xeito de garantir unha produción sa e que ésta chegue ao consumidor en óptimas condicións.
Cando un país depende para alimentarse das importacións que realizan dúas ou tres empresas, podemos afirmar que o seu rural está xa morto ou moribundo, e que as empresas importadoras son responsables directas desta destrución. Empresarios coma o Sr. Tojeiro, propietario de GADIS, en connivencia cos políticos de turno (que os premian facéndoos fillos predilectos de tal ou cal capital de provincia) están colaborando a socavar as bases do que podería ser unha economía florecente, ao traer ao noso país o abandono e a destrución do tecido rural, empregando para iso os cartos públicos, os cartos de tód@l@s cidad@ns, porque, de que outro xeito podemos entender a globalización?. Estas empresas que importan practicamente todo o que venden:

é que acaso non contaminan, non consomen enerxía no transporte? E iso, quen o paga?;
quen paga as grandes infraestruturas portuarias que necesitan para almacenar e descargar os seus contedores?;
quen paga as mastodónticas vías de comunicación polas que circulan a diario centos de camións?;
cantos postos de traballo se destrúen no noso rural a cambio doutros poucos de baixa cualificación?.

Así ben se entende que nas súas campañas publicitarias GADIS presuma de que “o prezo non é un problema”: claro, como gran parte do gasto pagámolo entre todos!

2. REGANOSA

Sabido é que aos empresarios-modelo o único que lles interesa é o diñeiro; pero nin sequera eles poden xustificalo todo por razóns económicas. Non cando se está poñendo en risco non só o modo de vida, senón as propias vidas de milleiros de cidad@ns cunha instalación regasificadora para a que agora pretenden duplicar a capacidade (de DESTRUCIÓN?).
E se pouco lles preocupan as vidas e facendas d@s que estamos ao seu carón, moito menos lles van importar as d@s habitantes de Nixeria, de onde se calcula que procede o 15 % do GNL que se transporta aos países europeos, nun mercado altamente especulativo do que tamén nós, ben ao noso pesar, temos que responder dos riscos (a subida das tarifas eléctricas ten relación directa coa precariedade deste mercado). Ademais, no Delta do Nixer está tendo lugar a maior desfeita ecolóxica e humana de toda a historia do petróleo: destrución de poboados, xente abatida por mercenarios, exhaustación de gas á atmosfera, marismas queimadas por escapes incontrolados, etc., etc.  Esta situación terrible fixo que unha das grandes compañías petroleiras a nivel mundial, a Shell, fose levada a xuizo por abusos nestes campos de extracción de gas. Así, esta multinacional angloholandesa senta no banco dos acusados perante un tribunal de Nova Iorque para responder dunha acusación sen precedentes: dúas demandas por complicidade nos abusos cometidos contra os dereitos humanos do pobo Ogoni de Nixeria, mentres operaba nese país. Execucións sumarísimas, torturas, detencións ilegais ou trato inhumano son algúns dos delictos polos que a compañía está acusada de complicidade. Entre os executados figura un célebre poeta e activista ambiental nixeriano: Ken Saro-Wiwa, un dos fundadores do Movemento pola Supervivencia do Pobo Ogoni, a quen o Goberno do dictador Sani Abacha mandou aforcar en Novembro de 1.995 xunta outros oito activistas, por levaren a cabo unha campaña non violenta para denunciar a destrución do seu ecosistema e modo de vida como consecuencia da explotación das petroleiras.

O Movemento pola Supervivencia do Pobo Ogoni fundouse nos anos 90 para denunciar a devastación ambiental que a explotación do petróleo estaba causando nas terras dos Ogoni: destrución do contorno debida á combustión do gas e aos verquidos de petróleo pola rotura dos oleoductos; ríos contaminados e mortandade de peixes; chuvias tóxicas e contaminación de colleitas; modos de vida destruídos. E pobreza, unha absoluta pobreza. Mesmo na actualidade, máis do 57 % d@s nixerian@s viven por baixo do umbral da pobreza, moi lonxe de ter parte nos inxentes beneficios que o petróleo e o gas lle reportan ao oitavo exportador no ranking mundial.

O gas natural licuado que periodicamente recibe REGANOSA, a planta regasificadora situada na outra banda da nosa fermosa e ameazada Ría, procede desa devastada zona. Sería de xustiza que a Xunta de Galicia aplicase aos seus socios neste negocio unha esixencia ética mínima: non comerciar en zonas onde @s cidad@ns e o medio ambiente son masacrados para obter o produto que sexa. O pobo Ogoni non quere a riqueza petroleira das súas terras: quere as terras para traballalas e poder alimentarse dos seus produtos. Eles din: “our land is our life” (a nosa terra é a nosa vida). O mesmiño ca nós.

Por unha terra viva e unha vida digna para tod@s,

pola nosa soberanía alimentaria, GALIZA NON SE VENDE

3 Comments

  1. Moi linda mensaxe para nacionalistas reduccionistas: “Se é galego, é bo”.

    Voto porque o redactor houbera de poñer que a soberanía alimentaria non é territorial, a soberanía corresponde á corporación de capital que posúe o alimento.

    E como demostración de que non é cuestión da nacionalidade senón da globalización, no resto do mundo desenvolvido existe o mesmo problema coa “deslocalización” alimentaria, pero ben sabemos que Alemaña, Francia, EEUU teñen un grande sector agrícola.

    O texto parece un panfleto do PNV ou do BNG.

  2. Benquerido Un, ou comunicante anónimo escondido tras unhas siglas,
    temo que, ou moi mal me expliquei, ou non entendiches nada: deixo ao teu discernimento a explicación ao teu comentario.
    Tampouco eu entendo, e gustaríame que mo explicases, iso de nacionalismo reduccionista, panfleto do PNV ou do BNG, porque nada máis lonxe do meu ideario cás liturxias de certos partidos. Aínda así, eu non criminalizo a ningún, e mesmo penso que todos teñen cousas boas, cousas non tan boas e cousas rematadamente malas. Se ti coñeces algún (partido) que posúa e exerza a verdade absoluta, agradeceríache que me digas cal é para podelo compartir, xa que eu non milito en ningún precisamente por non estar dacordo coas políticas neoliberais que todos aplican.
    O concepto, e quero aclaralo moi ben, de soberanía alimentaria é aplicable a calquera lugar do mundo, pero, e este matiz quéroo subliñar moi ben, sempre e cando a competencia establecida sexa de igual a igual, e espero que entendas ben o que isto significa: que as empresas, tan liberais elas, asuman os gastos que xeran, que no lle-los teñamos que pagar entre tod@s.
    Se eu produzo no meu país (pois claro que me refiro a Galicia, porque son de aquí e é aquí onde teño a obriga de aportar ideas e esforzos, e, por suposto, críticas, antes que facelo na China, por poñer un exemplo), teño menos gastos de transporte e consumo menos enerxía; polo tanto, contamino menos, preciso menos infraestructuras, etc., etc., porque, como defendemos dende a FUNDACIÓN GALICIA VERDE, as vendas irradiarán, maioritariamente, a uns 50 Kms. As empresas que queiran producir fóra, deben asumir os gastos que orixinan, e que coinciden co que aforramos producindo localmente. Imaxina que a unha desas grandes empresas lles dá por producir en Marte: teriamos que pagarlle o campo de lanzamento, o transbordador, etc., etc.?
    Ademais, e como efecto COLATERAL, cando con cartos PÚBLICOS (insisto: DE TOD@S) favorecemos a política de determinadas empresas que producen fóra (podes chamalo globalización ou mesmo universalización) estamos contribuíndo a arruinar o sector correspondente deste país (insisto: sexa o país que sexa, chámese Galicia, Galiza, ou Alemaña), entendes?
    E iso de que cada un pague os seus gastos non é nin proteccionismo, nin reduccionismo, nin farrapos de gaita, a non ser que defendamos o salvaxe liberalismo económico que, apoiado polas nosas democracias, depreda todo, mesmo vidas humanas, para enriquecerse.
    Non pretendo polemizar, aínda que estou disposto a facelo sempre e cando saiba con quen falo, xa que non estou dacordo en que se utilice este medio para lanzar mensaxes anónimas.
    Sen embargo considero que, tanto esta cuestión coma o resto das que nos ocupan na Rede GNSV, son decisivas para o futuro do noso País, polo que deberían ter a máxima difusión entre a sociedade (galega e planetaria). Debatamos, polo tanto, dando a cara e con honestidade para que as xentes mediten sobre o auténtico significado tanto da soberanía alimentaria coma doutros conceptos, e os intereses que moven aos seus detractores.
    Un cordial saúdo,
    Henrique Banet (FUNDACIÓN G.V.)

  3. Referíame a que no contexto actual falar de soberanía en termos territoriais non ten senso, ao igual que non ten senso propór inciativas desta índole por impracticabeis (globalización) no sistema actual. Se hai que cambiar o sistema é outra cousa.

    A soberanía alimentaria é hoxe en día privada e transnacional, o que provoca a acentuación dos problemas (desigualdades de todo tipo).
    Polo tanto falar de soberanía galega ou non galega non ten sentido cando no sistema actual, de se implantar a proposta de Fundación G.Verde, a soberanía sería sempre empresarial, e non por ser de “boa raza” (como o pode ser o grupo Tojeiro, anque usando materia prima foránea) garantiremos unha mellora sustancial das condicións de vida galegas, se ben saberemos que se potenciará a oligarquía autóctona co incremento da producción agropecuaria. Por iso incidía aquí na mensaxe simplista (e por elo reduccionista, mala reducción por suposto) que se transmite dende partidos maioritarios onde lles é suficiente cambiar a sé do empresariado (Madrid->Santiago) ou que, nun pasiño máis, también cambian a orixe da materia prima (Mundo->Galicia). Porque a segunda parte de todas estas mudanzas debería ser, con corrección e neste contexto, a conta bancaria da corporación de turno, sexa de accionariado galego ou foráneo.

    A revindicación da miña mensaxe só era de tipo estructural, pedindo máis palabras cara a necesidade de mudar o sistema económico para garantir que medidas deste tipo non vaian contra a natura da propia globalización. A globalización precisamente crea a situación contraria, nun contexto de libre mercado non se poden implantar esas medidas. E de facelo, seguiriamos se garantir a igualdade, iso si, entre Galicia e o resto. E coido que é o pecado máis usual nas revindicacións nacionalistas, a industrialización (xa non agraria) como sistema de potenciación do país propio fronte ao dos demáis. No capitalismo falar de potenciación do país é falar de potenciar unha media aritmética das desigualdades internas fronte á media internacional.

Leave a Comment

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.