Pages Navigation Menu

Sobre o plan director de portos deportivos de Galiza

Luita Verde denuncia o doble raseiro e a demagoxia mediática do Ente Portos de Galicia, onde por unha parte ven de anunciar que non se vai construir máis portos deportivos na costa galega polo seu impacto ambiental e por outra, polo que está a traslucir á opinión pública no Morrazo, si vai autorizar, un no concello de Bueu, onde non existe ningún porto deportivo construído na actualidade.
Luita Verde xa alegara ao proxecto de porto deportivo de Bueu o 25 de xuño de 2005, na fase de exposición pública, da cal nunca obtivo resposta por Portos de Galicia.

O porto deportivo de Bueu prevíase construír na zona de Pescadoira (como aínda se prevé), no centro urbano e afectaba directamente ás praias de Pescadoira e Petís. Consistía na construcción dun dique e contradique de abrigo de 101m. e 100m. respectivamente, cun recheo para explanada de servizos de 18.342 m2, un volume de dragado de 13.159 m3, a ocupación de 51.800 m2 de lámina de auga, para un total de 433 postos de amarre (que daquela se publicitaba como un dos tres meirandes de Galicia e chegara a ser anunciada a súa licitación polo anterior Conselleiro de Obras Públicas A. Nuñez Feijoo). Alegábase que o proxecto carecía do preceptivo Estudo de Impacto Ambiental, que provocaría a ocupación e posterior privatización do espazo público marítimo terrestre, que afectaría paisaxística e medioambientalmente a praia de Pescadoira, recheándoa e facéndoa desaparecer no extremo Este coa construcción da explanada de servizos e modificando grave e irreversiblemente a dinámica litoral e o aporte de areas, ó xustaporse o dique e contradique do porto deportivo co do porto pesqueiro nas proximidades, ocupando totalmente a fronte marítima diante da praia e deixando unha mínima bocana de entrada de augas, que tamén provocaría unha eutrofización das augas dentro dun “efecto cloaca”. Tamén se alegaba que suporía un prexuizo para a pesca e o marisqueo a través da afección das comunidades biolóxicas de flora e fauna bentónicas, e para o comercio e a hostelería locais, por canto promovía a construcción de servizos afíns dentro das propias instalacións, e que non se correspondía o elevado número de amarres co crecemento demográfico futuro no municipio

.Luita Verde polo tanto sigue rexeitando como de aquela este proxecto ou calquera novo de porto deportivo en Pescadoira e a cambio volta a solicitar unha vez máis que se proceda á recuperación real da praia co derrubo dos 100 metros de espigón de alongamento do porto pesqueiro, executados a finais da década dos anos 90 do século pasado polo propio Portos de Galicia cando era Conselleiro de Obras Públicas J. Cuiña., dentro dun concello, o de Bueu, que xa sufríu dabondo no seu litoral urbano, pois non moi lonxe, na zona de Beluso, Portos de Galicia tamén construíu outro porto mixto (onde xa existen máis de 60 postos de amarre de embarcacións deportivas) a comezos deste século e tamén cando gobernaba o PP na Xunta, sendo asimismo Conselleiro de Obras Públicas J. Cuiña, que provocou a perda inmediata de area diante da praia do lugar e o pequeno núcleo urbano de interese turístico.

Luita Verde denuncia que na actualidade sexan o BNG, dende a súa maioría abosoluta no goberno e o PSOE dende a oposición no concello de Bueu quen estexan a defender o porto deportivo para o municipio.

Noutros lugares de Europa, por exemplo, en Bretaña, despóis do elevado impacto que se provocou no litoral e o medio mariño coa construcción masiva de portos deportivos, na actualidade xa están a rexeitar este tipo de instalacións e como alternativa e ante máis demanda están comezado a ubicar as embarcación en naves en terra baixo cuberta. Por que en Galicia, e tendo en conta como excepcionalidade que as Rías son ecosistemas biolóxicos únicos a nivel mundial e moi fráxiles a calquera tipo de actuación no se seo, non se fai así, dado os topes de degradación ambiental aos que se ten achegado nas últimas decadas?

Leave a Comment

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.