“Spam” contra os monocultivos forestais
![]() |
O pasado 21 de setembro, co gallo do Día Mundial contra os Monocultivos forestais, a Federación Ecoloxista Galega promoveu unha ciberacción en contra do continuísmo no fomento e promoción dos monocultivos de eucalipto en Galiza. Esta ciberacción contou co apoio de máis de 4000 persoas, que esixiron á administración o fomento dos usos ambientais e sociais e a diversificación de productos do monte.
Porén, grande parte dos correos foron devoltos, ao ser marcados como “spam” polos filtros da Administración. |
Os monocultivos forestais supoñen unha ameaza á biodiversidade, tanto pola destrución de ecosistemas como pola ocupación de terreos adicados á produción de alimentos, mais tamén a desaparición dunha cultura como a nosa que en gran parte, e ate non hai tanto tempo, xiraba entorno ás fragas e á sua riqueza.
Logo de 50 anos de monocultivo de eucalipto, Galiza é un exemplo da degradación ambiental, social e económica que supón a transformación de monte en monocultivo ao servizo da industria da pasta de papel, coa conseguinte transformación dunha paisaxe rica e variada nun deserto verde monótono e pobre.Conscientes deste feito, e do feito de que a Administración galega desenvolve unha política baseada no mantemento e promoción dos monocultivos, fundamentalmente do cultivo de eucalipto, ao servizo das industrias de transformación, a Federación Ecoloxista Galega (FEG) en colaboración coa ONG alemana Rettet den Regenwald (Salva la Selva) promoveu unha ciberacción para facilitar o envío de correos electrónicos aos responsábeis destes feitos da administración galega (Conselleiros de Medio Rural e Medio Ambiente, Presidente da Xunta de Galicia).
A FEG valora positivamente esta ciberacción, xa que ate hoxe máis de 4000 persoas apoiaron esta ciberacción e enviaron as súas mensaxes aos nosos responsábeis políticos.
Este apoio contrasta coa actitude das nosas administracións, que axiña bloquearon as súas contas de correo, marcaron como “spam” as mensaxes de protesta, e amosaron unha vez máis que son inmunes ao sentir da cidadanía.
A FEG está composta por 16 colectivos ecoloxistas do país e desde o ano 1990 leva traballando a favor da nosa biodiversidade e contra un modelo forestal baseado no eucalipto.
Comentarios recentes