Pages Navigation Menu

Suspenso en ecoloxía para o 2007

O 2007 foi o ano do fin de “tregua” medioambiental ao bipartito. Plan Acuícola, parques eólicos ou canteiras irregulares, entre o máis criticado. Lido en A Nosa Terra

As concesións de parques eólicos en espazos de gran valor ambiental, as medidas do plan acuícola da Xunta, a baixa recuperación dos terreos afectados por incendios forestais, o mantemento dos problemas de xestión de residuos, a crise da posta en marcha de Reganosa ou as desfeitas dalgúns plans de ordenación urbanística son, en opinión das organizacións ecoloxistas, as principais eivas do balance do 2007.

“O balance xeral é de pouca xestión e de escaso interese pola proliferación e defensa dos valores naturais que son patrimonio de todos”, sinalan dende a Fundación Germán Estévez de protección da natureza, que critican materias pendentes como que non chega ao 2% a porcentaxe de comunidades que fan labores de xestión selvícola.

Para Adega, os problemas derivados do Plan Acuícola que está a realizar a xunta figuran entre os grandes déficits do ano. Verdegaia, pola súa banda, “castigou” aos titulares das consellarías de Medio Ambiente e Innovación polas concensións ás canteiras que operan en Rede Natura.

O 2007 foi un ano activo en materia medioambiental. De feito, e tras a “tregua” dos primeiros anos de bipartito, os colectivos sociais puxeron en marcha diferentes accións críticas, e naceu a rede “Galiza non se vende”.

Espazo de reivindicación

“Trátase de ocupar ese espazo de reivindicación que eles (PSdeG e BNG) abandonaron de maneira traidora e flagrante”. Deste rotundo xeito definía a actriz Mabel Rivera as bases da rede “Galiza non se vende”, suma de máis de 60 colectivos ecoloxistas cun lema esencial: “Por unha terra viva e unha vida digna para tod@s”. SOS Caurel, Salvemos Monteferro, Verdegaia, Amigos da Terra, Fusquenlla ou o Colectivo Ecoloxista do Salnés, entre outros, forman parte da rede cívica creada no mes de novembro.

Manifestación o 17 de febreiro

Os únicos que non están invitados: partidos políticos e organizacións sindicais.
O día 17 de febreiro, cunha gran convocatoria de manifestación en Santiago de Compostela, será unha cita clave para este colectivo.

 

 

Leave a Comment

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.