Testing O Courel: grande festa da biodiversidade no 6 de setembro

Verdegaia, o colectivo S.O.S. Courel e Insectarium Virtual organizan o 6 de setembro unha Xornada Fotográfica Testing no Courel.

Unha xornada de testing consiste en agrupar a un grande número de persoas para que nunha zona establecida tomen o maior número de fotos dixitais. Durante todo o traxecto vanse facendo fotos da flora e a fauna invertebrada (conforman o 80% da biodiversidade). Posteriormente, un grupo formado por máis de 100 expertos categoriza a información, clasifícaa e catalógaa. Mediante esta acción os colectivos organizadores queren reivindicar a protección efectiva dunha das zonas con maior biodiversidade de Europa, gravemente ameazada polo desleixo da administración e a voracidade das empresas mineiras.

Dende a asociación ecoloxista Verdegaia, o colectivo S.O.S. Courel e Insectarium Virtual convidámosvos a participar connosco nesta xornada fotográfica.

 

A Serra de O Courel é un Espazo Natural Protexido, cuns valores culturais, naturais, xeolóxicos, paisaxísticos e científicos únicos en Europa. Ten como límites naturais o Camiño de Santiago polo Norte, o viciño León polo Leste e o cauce do río Sil polo Sur. Na súa superficie, de aproximadamente 20.000 hectáreas, multitude de ríos descenden dos altos cumios formando uns fermosos vales coas típicas devesas, bosques de vexetación autóctona que acadan no Courel a súa maior expresión.

Desas elevadas montañas descenden numerosos cauces fluviais que dan lugar a variados ecosistemas, entre os que destaca o río Lor, que percorre toda a comarca desde o seu nacemento no Cebreiro até a desembocadura no río Sil, ao seu paso por Augasmestas. Os diversos afluentes do Lor forman, ao seu paso, os típicos vales de O Courel.

Estamos nunha das zonas menos poboadas de Galiza, cunha densidade aproximada de 15 habitantes/Km2, a maior parte dos cais traballan no sector primario. As explotacións forestais e de pizarra son tamén unha importante fonte de ingresos.

 

Flora. Debido ás condicións climáticas e a estas diferenzas de altura entre cumios e vales atopámonos perante unha das reservas botánica máis importantes de Galiza. Nas beiras dos diversos cauces fluviais, atopamos as devesas, que acadan a súa máxima expresión na Devesa da Rogueira. Castiñeiros, carballos, aciñeiras, teixos, bidueiros, acivros,… Un verdadeiro paraíso para o amante da natureza. De entre todos destacamos o castiñeiro, sempre presente en tódolos nosos percorridos e auténtico recurso para todo.

 

Fauna. Esta grande cantidade de ecosistemas diferentes que existen no Courel provocan que a diversidade faunística sexa moi ampla. Todos eles teñen o seu sitio no Caurel. Desde as árbores, seremos observados polo bufo real. No ar, desfrutaremos cos maxestuosos voos da águia real e a albela, ademais do miñato e varias especies de tartarañas.

 

TESTING

 

Insectarium Virtual quere apoiar este tipo de iniciativas en defensa dos valores ecolóxicos de O Courel fronte ás ameazas da industria mineira pizarreira que se cernen sobre este espazo.

 

Unha xornada de testing consiste en agrupar a un grande número de persoas para que nunha zona establecida tomen o maior número de fotos dixitais. Durante todo o traxecto vanse facendo fotos da flora e a fauna invertebrada (conforman o 80% da biodiversidade). Posteriormente, un grupo formado por máis de 100 expertos vai categorizar a información e clasificala e catalogala.

 

A idea é involucrar o maior número de xente na criación dunha base de datos con tódalas especies.

 

Os grupos dividiranse para cubrir 4 rotas e 3 covas:

 

 

1. Devesa da Rogueira. O Courel de influencia Atlántica. Roteiro: Alto do Couto-As Augas-Moreda. Bosques interesantes con teixos (Taxus baccata), acivros (Ilex aquifolium) e capudres (Sorbus aucuparia).
2. Arredores Do Castro de Vilar. O Courel de influencia Mediterránea. Roteiro: Froxán-Vilar-Vilamor. Os soutos de castiñeiros (Castanea sativa). Interesante mostra de coleópteros e formigas.
3. O Río Pequeno.O Caurel intermedio e a actividade humana. Roteiro: Paderne baixando até Seoane. Soutos e reboleiras (Quercus pyrenaica).

4. Val da Moura. De interese xeolóxico (para a parte de espeleoloxía). Formacións pedrosas de interese científico. Xunto coa mostraxe da cova do mesmo nome “Val das Mouras “, na Ferrería Vella

 

 

 

5. As covas (espeleoloxía): “A Cova do Eixe” de Mercurín, a de “Longo de Meo” en Moreda

¿Que farías se unha das zonas consideradas de maior índice de biodiversidade de Europa,
fora arrasada impunemente por un Goberno en conivencia cunha multinacional?
UNETE A NÓS NESTE TESTING FOTOGRÁFICO

porque

GALIZA NON SE VENDE

CRONOGRAMA:

O sábado día 6 de setembro tódolos participantes do testing O Courel 2008 reunirémonos ás 09:30 h no centro de Seoane para configurarmos os grupos de mostraxe. Desde alí partiremos os grupos xa conformados cos seus respectivos guías aos diferentes roteiros para comezarmos a mostraxe ás 10:00 h. Esta actividade durará todo o día, de xeito que cara á tardiña reunirémonos todos para intercambiarmos experiencias e pasarmos un rato de convivencia.

 

O domingo día 7 quedaremos na Casa Da Aria en Froxán, ás 10:30 h, para facer a proxección dalgunhas das fotos tomadas, e sobre as 13h cada un marchará ao seu lugar de orixe.

Xa que moitos dos participantes son de fóra de Galiza, todos aqueles que así o decidan quedaremos o día 5 ás 20:30h-21:00h en Folgoso, e desde alí dirixirémonos ao Bar-restaurante O Pontón, onde cearemos e faremos as presentacións oportunas (o prezo da cea é de 12 euros) Todo aquel que participe nesta cea debe indicar con antelación se é vexetariano ou omnívoro. Inscricións:antonio@insectariumvirtual.com

One Comment

  1. en primeiro lugar agradecer as persoas que toman a iniciativa e o traballo necesario para montar as actividades
    sen embargo gostariame plantexar unha suxerencia: a realizacion de actividades na zona seara-devesa do cervo, (fervenzas do cervo, fócaro e vieiros,montñas de pia paxaro, montoto, collado dos maragatos)
    teño a impresion de que a xente esta identificando courel con concello de folgoso ( e, de certo, ahi debe de estar a xente mais dinámica e pode que tamen canalicen mais axudas)
    As xentes da zona seara, pertencente o concello de quiroga, teñen a impresión de que os estan abandoando e que “todo vai para folgoso” -frase que escoitei a unha señora maior- (a culpa pode ser do propio concello que invirte moi pouco)tamen de que non hai establecemntos de turismo rural (hai, eso si,a taberna A Seara que ten seis habitacións dobres) e tamen o albergue da federación galega de montañismo que o parecer esta moi ben e que calquera pode utilizar chamando previamente a federacion -986424331-
    hi queda a suxerencia: actividades nesa zona

Leave a Comment

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.