Pages Navigation Menu

Touriñán, unha cortiña de fume para agochar a legalización de centos de construcións irregulares

Verdegaia denuncia que o suposto pacto da lei do solo e a falsa polémica arredor da posibilidade de instalar ou non unha piscifactoría en Touriñán non é máis que unha manobra para agochar a pretensión de facilitar a regularización de construcións ilegais anteriores a 2003.A disposición adicional terceira desta reforma permite a legalización das edificacións edificacións e construcións realizadas sen licenza ou sen a autorización autonómica preceptiva, existentes con anterioridade ao 1 de xaneiro de 2003, respecto das cales a administración non tivera adoptada ningunha medida dirixida á restauración da legalidade. Mesmo se permite a súa legalización se están emprazadas en solo rústico de protección de costas, de augas ou de espazos naturais.As pretendidas medidas introducidas que permitirían salvagardar Touriñán non son tales, senón simplemente a aplicación da lexislación vixente baseada na Directiva Hábitat, xa trasposta ao ordenamento xurídico galego. Así recolle que […] En todo caso, nos espazos que forman parte da Rede Natura 2000, non se poderán autorizar estes usos cando, trala súa avaliación ambiental, se constate que se afectan de xeito apreciable a hábitats ou especies prioritarios e/ou comunitarios catalogados conforme a directiva Hábitats (directiva 92/43/CEE).

Ca modificación da Lei do solo non cambia nada. A directiva e os distintas leis e regulamentos dela derivada levan anos vixentes e por suposto que son de aplicación. O problema é que non se aplican ou a súa aplicación faise de xeito torticeiro, pagando as empresas estudos de impacto ambiental que poderían ser redactados por un estudante de secundaria coa aquiescencia da administración: so é preciso ollar espazos de rede natura inzados de parques eólicos, Cabo Vilán, cunha das maiores piscifactorías de Galiza ou O Courel coas canteiras.

A Rede Natura ocupa o 11,59% do territorio galego (Madrid por exemplo ten o 39,80% en RN), a comunidade autónoma con menos territorio protexido do estado. Non se entende que movéndonos nestas cifras de protección, e tendo o 88,49% sen protexer, teimemos en estragar o pouco territorio que temos con particularidades ambientais que o fai único.

O lamentábel espectáculo que na pasada semana veñen ofrecendo o PP e o PSOE non é máis cun reflexo do caos lexislativo e normativo no que se ten embarcado o goberno Feijoo, desenvolvida a golpe de lobby e intercambio de favores. Están en marcha ou aprobados catro planos sectoriais, un plano de ordenación e unha modificación da lei do solo, en fase de redacción unha nova lei do solo e unha nova lei de montes sen ter aínda aprobadas as Directrices de Ordenación do Territorio, a “Carta Magna” do territorio galego1.

A ordenación do territorio e as actuacións del derivadas son un asunto fundamental e de difícil volta atrás polo que definir e regulamentar os usos, prohibicións e autorizacións do conxunto do territorio esixe rigor, mesura, reflexión e participación pública real. Cumpre definir de xeito ordenado que país queremos para as vindeiras décadas e definilo entre todos e todas mediante procesos de participación pública eficaces.

Por iso, dende Verdegaia, queremos denunciar de xeito claro e rotundo a falta de seriedade da clase política e esiximos que deixen de enganar á cidadanía. Estas modificacións á Lei do Solo legalizan o caos urbanístico, causa e efecto da crise inmobiliaria e posterior crise económica e social. As responsabilidades son claras daquelas persoas e entidades que por desleixo ou outros motivos que cumpría investigar non actuaron nin actúan contra as construcións ilegais que esnaquizan o territorio e destrúen un patrimonio do que apenas somos usufructuarias temporais. Os partidos do arco parlamentar non deben sancionar unha reforma de lei que legaliza o caos derivado da corrupción e da pasividade á hora de aplicar as leis.

———————————————————-

1 Está en marcha o proceso administrativo de aprobación do Plan Sectorial de Solo Empresarial de Galicia. Tamén está nas súas primeiras fases o Plan de Ordenación do Litoral que obviamente terá que adaptarse ao aprobado xa no Plan Galego de Acuicultura que regala nada menos que 3,5 millóns de m2 de litoral ás empresas acuícolas. A FEGAMP e a Consellería do ramo están a discutir xa unha nova Lei do Solo para finais da lexislatura. Xa está aprobado o Plan de Mobilidade e Ordenación Viaria Estratéxica de Galicia 2010-2015, e a reforma do decreto eólico, con implicacións territoriais claras. A maiores, dende a Consellería de Medio Rural estase a anunciar xa unha nova lei de montes.

No Comments

Leave a Comment

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.