Tres activistas de GNSV detidos pola Garda Civil

Os nosos compañeiros Tiago e Sangabriel do Foro Social de Cangas e Aurelio do CS A Revolta foron detidos está mañá en Cangas pola Guarda Civil cando protestaban pacificamente diante das obras do porto deportivo.
Parece que se lles acusa de coaccións aos traballadores da empresa constructora.
Están detidos nas dependencias da Guarda Civil á espera de ser trasladados ao xulgado de garda.

Esta parece ser a resposta á manifestación realizada onte en Vigo na que se protestaba polas agresións ao litoral. Dende aquí exiximos a inmediata posta emn liberdade dos nosos compañeiros por entender que só facían uso dun dereito legalmente recoñecido como é pronunciarse a favor da conservación das nosas costas, fonte de vida e riqueza.

Ante os feitos que se están producindo en Cangas, que conduciron á detención de tres compañeiros na mañá de hoxe, convócase unha CONCENTRACIÓN para esta tarde (luns 1 de xuño) ás 18:30 en Cabo Balea.

A convocatoria foi feita polos mariñeiros de Cangas e, por suposto, conta co apoio da rede A Ría Non se Vende.

Todas e todos os que podades acudir á cita non deixedes de facelo.

Porto deportivo NON
O Salgueirón non se vende
Cangas non se vende
A Ría non se vende
Galiza non se vende

Última hora: Os tres compañeiros detidos en Cangas xa están en liberdade. Pesan dobre eles unha acusación de coaccións e outra de desobediencia grave á autoridade.

6 Comments

  1. non se vende, pero, polo q se ve, cómprase
    é para botarse a chorar…
    as detencións non foron ao azar, non

    boh…

  2. Esta e unha das consecuencias dun país tomado polas mafias político-inmobiliarias, dun modelo de especulación salvaxe e depredador que nos levou a esta profunda recesión, de tanta cacicada, marbellización e da corrupción sistémica e falta de xustiza ambiental efectiva denunciada no propio INFORME AUKEN que recentemente aprobou dun xeito aplastante o Parlamento Europeo!
    Non se detén aos verdadeiros delincuentes que arrasan e teñen Plans para acabar ca nosa costa, espazos protexidos ou co noso patrimonio cultural e que xa non respectan nin os sitios máis sagrados da nosa terra: os tramos virxes ou naturais da Costa da Morte, O Ortegal, os derradeiros paraisos das Rías Baixas, Os Cañóns do Sil, O Courel, Os Ancares, A Serra da Capelada da Faladoira, O Xurés,a Terra Chá…; que rechean e contaminan as nosas rías con total impunidade destruíndo a súa riqueza pesqueira e marisqueira; que impoñen empresas ou actividades perigosas, tóxicas ou contaminantes ao lado da poboación, enfermándoa e ata poñendo en serio risco a integridade física de tantos milleiros de persoas para satisfacer os intereses dos caciques; que destrúen a biodiversidade, os endemismos e hábitats prioritarios; que destrúen o medio rural e o sistema de vida tradicional e pretenden en nome dun falso “progreso” a substitución da economía produtiva por outra especulativa que só serve a intereses particulares, caciquís ou propios violando a normativa ambiental, comprando as leis ou a súa aplicación, confundindo os intereses xerais cos privados e apoiando incluso, con total descaro aos políticos corruptos.
    E, aínda por riba, pretenden que lles votemos.
    Que lles voten os promotores e as multinaciones ás que serven tan ben!

  3. Isto todo podería solucionarse seo o BNG e o PSOE municipal quixese. Un mando do cuartel da garda civil dixo propiamente que se podería evitar todo este embolado se a alcaldesa Clara millán fixese unha simple chamada á subdelegación e dixese que non fan falta forzas da orde. Pero como non quere iso nin asina-la paralización aínda tendo todolos documentos pertinentes na mesa, pois así estamos. Que agochará o BNG en todo este entramado con Caixanova??
    Non o sabemos, o que si sabemos é que se veñen de cumprir os 20 anos dunha revolta popular sen precedentes.

  4. Efectivamente, as forzas políticas con reprtesentación parlamentaria xa non son representativas do sentir cidadán. Despois de moitos anos de goberno foron “abducidas” polo poder económico e como tal a ese poder lle sirven.
    Os intereses empresariais son os únicos que o BNG e o PSOE entenden. Iso si, o BNG exixe que sexa capital galego. E sabemos que os intereses do capital son contradictoriso coas necesidades da sociedade.
    Urxe unha nova forma de opoñerse a este caos.

  5. As aspiracións potestativas do BNG non deixan de ser antigas e desfasadas. Saben explotar o filón de que, nun marco capitalista que comparten e admiten, élles de proveito aludir aos intereses do capital propio “de raza”, en confrontación co españolismo ou internacionalismo do resto dos partidos.

    Iso xa o fixo Convergencia e PNV dende a restauración borbónica, hai máis de 100 anos. Eles aínda se atopan nese punto e pronto afundirán no mesmo ámbito político que a dereita rexionalista, desestimada xa a vontade independetista que nalgún intre se plantexaron.

    Son o que son, partidos de políticos profesionais, igual que o PSOE e PP, sucursais do capital de raza, franquicias ideolóxicas do galeguismo e o consevadurismo (na verba, con xeito progre, polo de agora) que certas corporacións empresariais autóctonas souberon copar visto que eran aínda virxes na financiación privada.

    Polo demáis, aínda terá que aparecer unha ERC galega, dentro de 20 anos, unha esquerda abertzale galega dentro de 40 e algún partido ecoloxista dentro de 50. Para iso xa estaremos a anos luz do resto do mundo. Pero é o que hai, Galiza é atraso político, e o BNG é unha causa e unha consecuencia á vez.

  6. É democrático un sistema que encarcela aos que libremente expresan a súa opinión en contra dos atentados ao medio ambiente e a territorio?
    É democrático un país que contempla con total indiferencia os máis graves casos de corrupción e por riba os encausados son protexidos pola clase política?
    Carecemos dunha tradición democrática que outros países eurpeos xa acadaron. Mais os partidos que supostamente son de esquerdas non fan nada para saír desta situación. Que a alcaldesa de Cangas, do BNG, amose unha actitude complaciente cos especuladores e coas forzas represivas (xa sei que isto soa a rancio pero é así) vén corroborar o dito.

Deixa una resposta a lirondiño Cancelar a resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.