Pages Navigation Menu

Un artigo en Galicia-Hoxe: O posicionamento ecoloxista tras o decreto do carbón

 Cando a opción de futuro é controvertida. O ecoloxismo atópase nunha encrucillada ó defender o peche das térmicas por ser a opción “máis xusta” ambientalmente cando socialmente supón a perda de centos de postos. Fronte ás críticas, mesmo internas, por posicionarse nestes intres contra a queima do carbón, o movemento denuncia intereses partidistas e das eléctricas, ás que lles reclaman un modelo enerxético máis sostible

O futuro do planeta pasa polo peche das centrais térmicas de carbón. O seu peso no fenómeno do cambio climático, por seren as centrais eléctricas máis intensivas en emisións de dióxido de carbono, pon sobre a mesa a necesidade de trocar a queima de combustibles fósiles -limitados ademais de contaminantes- pola xeración de enerxía a partir de fontes renovables e limpas. Esta é unha reivindicación histórica do ecoloxismo a escala planetaria, que se viu intensificada nos últimos tempos ante a evidencia de que o cambio climático xa está aquí e os seus efectos son irremediables.

As térmicas galegas das Pontes -propiedade de Endesa- e Cerceda -de Gas Natural Fenosa- son, dende hai anos, un branco continuo do movemento ecoloxista galego, por seren as principais responsables da mudanza climática -o 30% do dióxido de carbono que lanzamos á atmosfera provén das súas chemineas-, elevar a nosa pegada ecolóxica, degradar a calidade do aire e acentuar a nosa dependencia enerxética, ademais de ser ineficientes e, polo tanto, innecesarias. A última vez que esta esixencia saltou ós medios foi o 24 de abril deste mesmo ano cando a maior parte dos colectivos ambientalistas do país reclamaron nunha andaina en Cerceda con motivo do Día da Terra o peche das centrais, ademais dunha aposta polas renovables, un transporte limpo e un rural máis vivo.

Mais cando a postura “máis xusta” se volve a máis controvertida, ¿cal é o posicionamento correcto? Coa aprobación do Decreto do carbón por parte do Executivo central, que afecta negativamente ás térmicas galegas ó primar a queima de carbón autóctono, o ecoloxismo do país entra nunha encrucillada. ¿É beneficioso, ou mesmo ético, defender o peche das térmicas nun momento no que as dúas centrais galegas ven ameazada a súa supervivencia e, con ela, centos de postos de traballo? A maior parte dos colectivos ecoloxistas téñeno claro: a resposta é si. Pese ós debates e críticas internas e mesmo a desafección dunha parte dos socios dalgúns colectivos -como foi o caso da delegación de Ferrol da Sociedade Galega de Historia Natural- e dalgunhas asociacións -como Lucerna en Cerceda-, o movemento ambientalista decidiu dar un paso adiante e “ser fiel ós seus principios” promovendo o manifesto Dez razóns para pechar as térmicas de carbón, que xa foi apoiado por relevantes persoeiros do país. “Nun contexto de crise climática, o apoio ás térmicas é impensable. Os beneficios por desbotar o carbón son tres veces superiores ós custos sociais. E se nos preocupa o medio é porque nos preocupa o benestar humano”, afirma Xosé Veiras, responsable da área de enerxía e cambio climático de Verdegaia e un dos encargados de dar a coñecer o manifesto.

O texto, asinado por Amigos da Terra, Ecoloxistas en Acción, Federación Ecoloxista Galega, Greenpeace, Rede Galiza non se Vende, Sociedade Galega de Historia Natural e Verdegaia foi obxectivo de suspicacias pola ausencia a título individual da asociación ecoloxista máis importante de Galicia, Adega, cunha coñecida vinculación co BNG -que no conflito polo decreto decidiu apoiar as reivindicacións das térmicas galegas para continuar coa súa actividade-. Para saír do paso, Adega emitiu ó día seguinte un comunicado posicionándose contra a actividade das térmicas cun texto independente do manifesto pero que seguía a mesma liña.

A presentación pública do documento coincidiu co inicio da “marcha negra” promovida polos traballadores das térmicas e os transportistas dos carbóns, que foi apoiada unanimemente por todos os partidos políticos e sindicatos do país. Unha unidade que dende o movemento verde é definida como o “partido do carbón” e ó que se lle achaca a súa escasa preocupación xa non só polo clima, senón polo noso futuro. Por iso, e a pesar de recoñecer o factor humano do conflito, demandando solucións económicas, sociais e laborais para os afectados, dende o ecoloxismo galego denuncian intereses partidistas do PPdeG, PSdeG e BNG na campaña orquestrada a favor das térmicas galegas. “Ante a importante repercusión mediática deste conflito, os partidos tratan de ver quen queda como o “verdadeiro defensor dos nosos” e rabuñar uns cantos votos, moi necesarios para decidir o control das deputacións provinciais e dalgunhas grandes cidades e vilas”, afirman dende a Rede Galiza non se Vende. Xunto ós políticos, os ecoloxistas denuncian tamén a presenza de intereses ocultos por parte das operadoras eléctricas donas das térmicas, ás que acusan de preocuparse unicamente por engordar a súa conta de resultados, sen importarlles a perda ou non dos postos de traballo. Para o movemento “verde”, son Endesa e Fenosa as que terían a obriga de dar solucións e garantir os empregos, tras anos de inxentes beneficios e subvencións á conta non só de explotar o carbón do país, senón boa parte da rede fluvial e da ocupación do litoral coa construción de macroinfraestruturas portuarias.

Neste contexto, a reivindicación ecoloxista é promover de forma inmediata un cambio de modelo enerxético apostando polo aforro, a suficiencia e a eficiencia enerxética, coas renovables como base, ó tempo que se promova unha reconversión dos traballadores que dependan da actividade da térmica a unha máis sutentable. En definitiva, un futuro no que non teña cabida a queima do carbón.
A CERNA

O conflito dun sector condenado a desaparecer

“A Historia recoñece os líderes que se adiantan ós seus tempos, non ós que se rexeron dende unha óptica populista ou local”. Estas foron as palabras coas que Serafín González, presidente da Sociedade Galega de Historia Natural, pediu un cambio de actitude definitiva no tema do carbón. A súa esixencia é xustificable se temos en conta que este combustible, contaminante independentemente da súa orixe, é un recurso finito, polo que a industria térmica está condenada a desaparecer. Adiantarse a ese momento, favorecendo unha reconversión de todo o sector enerxético que ademais sexa respectuosa co medio e beneficiosa coa sociedade poría a Galicia á vangarda. Algo que podería facerse destinando as axudas das térmicas a este cambio.

R. FERNÁNDEZ SANTIAGO

2 Comments

  1. creo que esquerda unida non apoiou a marcha negra

  2. Certamente, EU non apoiou a marcha. É máis, a posición maioritaria dentro da nosa organización é a favor do peche das centrais térmicas de carbón. Temos en conta o problema dos postos de traballo, pero todos sabemos que isto se pode resolver con iniciativas públicas. Actualmente se está chantaxeando ao estado coa escuxa dos postos de traballo para subvencionar empresas privadas.
    Para nós, calquera solución viable para garantir o suministro eléctrico e reducir as emisións de CO2 pasa pola nacionalización do sector, así como de políticas que fomenten a redución do consumo.
    O sector enerxético debe estar totalmente desvinculado dos intereses empresariais e de mercado.

Leave a Comment

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.