Pages Navigation Menu

Un río que agoniza

Unha nova concentración tivo lugar o pasado sábado, 9 de agosto, en Ombre (Pontedeume) pola Sociedade de Pescadores de Caaveiro. A negativa da Consellería de Medio Ambiente ás demandas de peche do couto efectuadas polos pescadores e a súa inoperancia ante os graves problemas de contaminación que aqueixan ao Eume, que están a provocar a morte de numerosos reos, atópanse na orixe desta protesta. Mentres os pescadores alertan dos altos índices de acidez rexistrados en varios puntos do río, o departamento autonómico atribúe as variacións de ph “ás características xeolóxicas da canle e ás variacións pluviométricas”, ao tempo que minimiza a elevada acidez das augas, que considera característica “histórica” do río.
Desde o mes de xuño, cando apareceron os primeiros exemplares mortos na zona de Ombre, vénse observando unha elevada acidez ao longo do río. Os pescadores, tralo mostraxe das augas, detectaron alomenos dous focos: un deles no río Chamoselo, 34 km. río arriba, cun ph de 3,07, a 50 m. da autovía Ferrol-Vilalba, a onde deberon chegar, arrastrados polas choivas, materiais procedentes das obras. Limos de cor amarela e metais disoltos xa foran descubiertos o ano pasado e o Concello de As Pontes en tres ocasións alertou á Consellería das condicións claramente adversas para a fauna no afluente do Eume, advertencias que a Consellería desoiu.
Un segundo foco foi localizado nas proximidades do encoro da Capela, a 10 km. de Ombre, onde o ph é de 4,74. O posible valeirado do fondo do encoro por parte de ENDESA, a empresa explotadora, estaría na orixe deste segundo foco, como demostra a presenza de limos preto do aliviadoiro do encoro.

Leave a Comment

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.