Pages Navigation Menu

Un rodaballo quente en Corrubedo

308.000 metros cadrados de cinismo político. A imposición do controvertido Plano de Acuicultura de Galiza como Plano de Goberno por parte do bipartito, muda en Corrubedo nun proxecto tripartito grazas ao apoio indirecto, pero moi efectivo, do Partido Popular á destrución da Laxe Brava.

Corrubedo, 29/10/2008-. Un non deixa de abraiarse coa capacidade dos políticos que nos malgobernan para sorprendernos a cotío co esperpento institucional máis indecoroso. O Plano Acuícola, ese que vai levar por diante 2,8 millóns de metros cadrados de virxindade na costa exterior galega, resume coma ningún outro os xeitos de proceder cos que a clase política –nin ten clase nin exerce a política, senón un gorentoso xogo de poder– do país noso, despreza día a día a soberanía cidadá. Sen miramentos. Deste xeito, o sistema que rexe os destinos do público nin é democrático, pois o pobo non goberna nada, senón que é obrigado cada catro anos a escoller quen lle vai mandar; nin é representativo, pois eses profesionais que cobran copiosas nóminas soportadas cos cartos da cidadanía tampouco representan aos do común, senón aos seus partidos e marcas electorais.

O proxecto máis contestado e rexeitado do “goberno do cambio”, xa o dixen, foi parido por Fraga e dado de mamar por Touriño. Quintana apuntouse a última hora para sosterlle o teto ao presidente, pois de tal quefacer depende se cadra ese nocivo trocar de cromos –dáme dependencia, toma rodaballos; dáme muíños de vento, toma portos deportivos…– que as dúas partes do bigoberno practican para deixar facer ao outro sen importarlles as consecuencias. Sen importarlles o país.

O último capítulo –que non derradeiro– viviuse o luns pasado (27/10/2008) no pleno municipal de Ribeira, concello que xestiona interesadamente –a marca Corrubedo vende moito–, e de xeito manifestamente tenebroso a vida e milagres da egrexia parroquia de Corrubedo, obxectivo inmorredoiro da cobiza industrial e urbanística por mor do seu lugar de privilexio no medio natural galego. Mágoa que non esteamos destruídos xa, para non ter que ver como nos destrúen!

Debatíase unha proposta do BNG local para iniciar os trámites de declaración do cabo Corrubedo como Espazo Natural de Interese Local, figura que prevé –polo visto até hoxe só no papel– a Lei de Conservación galega (9/2001). A fórmula era acaída, xaora que o decreto que regula a dita figura de protección (124/2005) dispón que a posta en marcha dun plano de conservación para ese espazo –sempre por iniciativa municipal– paralizaría de súpeto calquera plano sectorial ou urbanístico na costa virxe do cabo ao que cantou Bouza Brey.

Resultado da votación: PSdG e BNG a favor da protección. PP en contra.

O esperpento, froito se cadra dunha esquizofrenia política que se espalla coma un andazo de difícil cura pola terra nosa, polo mundo noso, vén dado polo feito de que os que promoven e impoñen o plano de fábricas de peixe artificial dende a Xunta (PSdG e BNG), din estar en contra a nivel local; e os que se opoñen á desfeita da Laxe Brava no Hórreo (PP), favorécena no Concello. Admítense gargalladas.

Entre o rosario de despropósitos que rodea a teimosa imposición deste destrutivo plano sectorial –oposición cidadá case unánime, informes en contra de varios departamentos da propia Xunta, laídos dende a comunidade científica, trocos nos proxectos de conservación do malgoberno para deixar sitio ás fábricas, etc.– lembremos, por exemplo, que o binomio PSdG-BNG votou no Parlamento contra dunha proposta do PP para excluír a Laxe Brava do plano sectorial, polo que o posicionamento do BNG local, malia que poida ser franco, en ningún caso se pode separar do feito de que a organización –partido xa– que o lexitima é un dos causantes da existencia deste vergoñento macroproxecto de corte neoliberal. Os galegos sómosche así, cando o mundo está a cuestionar a validez deste sistema ultracapitalista que esgana a humanidade, vamos nós e o potenciamos dende “a esquerda”. Cousas veredes!

Tampouco podemos esquecer, que malia que o PP de Ribeira disque pretende presentar un contencioso administrativo contra a instalación da megafábrica de peixes de Corrubedo, todos sabemos, e despois do pleno máis aínda, que a fórmula é pura fachada. O contencioso, se é que ao final é presentado, vai custar unha boa chea de cartos públicos, vai estenderse no tempo e mentres se clarifique neses labirintos xudiciais de dubidosa independencia, non garante a paralización cautelar do inminente estrago do cabo da vida. Da vida do cabo. É máis, aínda que as posibilidades de gañalo son ben miúdas, de conseguilo sería de seguro –os tempos na xustiza sonvos así– despois de que a Laxe Brava sexa acernada e sepultada con formigón transnacional. E institucional. Teríamos xa que logo que soportar unha indemnización millonaria da Xunta, pero sen Laxe Brava xa que salvar.

A conclusión que a tire cadaquén. A nosa, por se interesa, fala de desvergoña política, de demencia ideolóxica e mais de descaro e prepotencia institucionais. Non cabe outra cousa que pensar que aos políticos galegos, a terra e a xente que a vive impórtanlles un carallo, por falarmos na nídia lingua dos que non viven do señorial exercicio do poder nesta Galicia Bilingüe. Mergullados nas súas leas dialécticas, coa ollada sempre posta única e exclusivamente nas estratexias para conservar ou acceder a ese poder, todos e cada un dos partidos galegos están contribuíndo á destrución do cabo verde. Por acción, ou por omisión.

Dende Corrubedo non aceptamos ese cínico discurso que, amparado en supostos movementos de cara á galería dos outros, esquécese de que o realmente importante está aí, vivindo os seus últimos –estes si derradeiros– intres de gloria natural fronte o océano que nos fixo como pobo. O rodaballo quente de Corrubedo vai así pasando de man en man, para ver quen pode levar as culpas ou resultar menos afectado o día en que a cidadanía, privada de soberanía e burlada unha vez máis, acuda guiadiña ás caixas de cristal para, entre outras cousas inútiles, avalar o esperpento. Pero que cara teñen todos!

[Manoel Santos-Plataforma Medioambiental de Corrubedo]

4 Comments

  1. Manoel vaite tocar o piano co señorito!!!. En Corrubedo xa estamos cansos de ti, o único que queremos e que nos paguen como se debe os terreos.

  2. “Toma el dinero y corre” non era de woody allen ?

  3. Os terreos serán vosos pero os espazos naturais son de todos e a degradación dos ecosistemas, da auga e do ar e algo que ningún particular debería permitir )tamén pertencen os vosos fillos e netos

  4. O esperpento político hai tempo que se instaurou en Galiza e só os que non o queren ver non o recoñecen.
    Os 3 partidos galegos con representación parlamentaria pertecen ao mesmo modelo de desrución ambiental e territorial como lles dixemos os ecoloxistas galegos ao mesmo representantes do BANCO EUROPEO DE INVERSIÓNS e de POLÍTICA REXIONAL da Comisión Europea na cidade coruñesa hai máis de 3 anos e llo demostramos cas nosas denuncias orais así como escritas xa que recibiron probas de abondo e documentación que o demostraba.
    Entre esas denuncias e documentos ía o precedente terrible( xa lles advertimos que iría ma máis) do PLAN ACUÍCOLA, A DESTRUCIÓN DO CABO VILÁN con todos os informes das distintas administracións favorables, incluído o da D.X. de Costas, algo co que alucinou ata o propio Seprona cando comprobou a nosa denuncia pois dicían que non podían dar permiso para iso, que era un dos mellores espazos naturais protexidos de TODO O LITORAL ESPAÑOL QUE DENDE O ANO 1933 FOI DECLARADO “SITIO NATURAL DE INTERESE NACIONAL”.POIS BEN, NINGUÉN INTERVIU ENTONCES, NIN A FISCALÍA, NIN A COMISIÓNS EUROPEA NIN O PROPIA ADMINISTRA-
    CIÓN DO ESTADO QUE TIÑA O DEBER DE PARAR ESA CRIMINAL DESFEITA OU SERÁ QUE O ESTADO ESPAÑOL DEIXOU DE EXISTIR OU QUE GALIZA DECLAROUSE UN ESTADO INDEPENDENTE?
    ISTO NON SUCEDE EN NINGÚN OUTRO PAÍS
    EUROPEO, mais a Comisión ollou para outro lado e non fixo cumprir o dereito comunita-
    rio aínda que nos recoñecu nun escrito que estaba para iso e que era a súa obrigación Facelo cumprir.
    Seguramente se a Comisión estivese formada por técnicos independentes e se lle parasen os pés aos lobbies a situación sería diferente.
    Todo isto demostra a corrupción xeneraliza-
    da en que vivimos,que é de índole sistémico, que as Directivas Ambientais que son de obrigado cumprimento como calquera Directiva “casualmente” non se fan cumprir, non hai control do diñeiro que se dá a este país e seguen concedendo ” alegremente” fondos europeos unha e outra vez para destruir o patrimonio natural e cultural do noso pobo, como xa denuncimos hai anos algunhas entidades e lembramos que ´o diñeiro do pobo europeo.
    Por certo, naquela xuntanza nos comentara o representante valenciano da Comisión que certos nomes éran “coñecidos” aá polas denuncias. Nós tamén os imos coñecendo ben e cómo están rehéns dos lobbies poderosos como o das grandes multinacionales da acuicultura ou do sector da construción e inmobiliario ao que o B.E.I. chegou a subvencionar e dar créditos para facer ata MACROURBANIZACIÓNS OU PELOTAZOS URBANÍSTICOS ONDE NON DEBEN, como nos enteramos con posterioridade e outras cousas peores.
    Despóis “pararon “a destrución do Cabo Touriñán ( desa forma, xa que queren destruilo con parques eólicos..)mais parece que os Cabos son importantes segundo haxa eleccións, dependendo de quen goberne no concello, dos pelotazos futuros que pensan facer nel a medio prazo ( recoñecido ata por un xefe da Consellería de Pesca ” “PREFIRO UNHA MACROEMPRESA DE ACUICULTURA QUE 269 CHALETS”, manifestou un día diante de testigos )E HAI POUCO NOS ENTERAMOS QUE EXISTE UN DIRIXENTE QUE FUNCIONA COMO INTER-
    MEDIARIO, NA MESMA CONSELLERÍA DE PESCA QUE ESTÁ TENTANDO CONVENCER AOS VECIÑOS/AS POLOS POBOS QUE LLES VENDA OS SEUS TERREOS A STOLT SEA FARM E ISO QUE VAN EXPROPIALOS…
    Todo isto, despois DE TANTA POLÉMICA QUE SE DESCUBRIU CANDO ESA EMPRESA CHEGOU AACOSAR AOS VECIÑOS DE DISTINTAS LOCALIDADES e lanzar incluso ameazas de que se non o facían eles os ían a expropiar, como se foran a propia Administraciñón , feito que denunciou numerosos veciños/as de Carnota, Porto do Son ETC.).
    Así que é “lóxico” que tendo previsto a medio prazo ou cando xa non sexa rendible esta actividade urbanizar con vivendas ou moles eses terreos en lugares únicos,toda vez que se destruíron irreversiblemente e xa perderon os seus valores ambientais (é tamén a conclusión que quitamos do noso dossier que elaboramos con documentos dende o ano 2002) non respecten moitos dos mellores tramos da costa virxe que quedan, incluso os que están no medio do único parque natural costeiro de Galiza, COMO É ESTE CASO DE LAXE- BRAVAQUE É UN DOS PEORES CASOS, que desclasificasen a REDE NATURA e deixasen eses buratos xustamente alí onde planeaban esas macroempresas ou ampliacións(entre outras posibles salvaxadas), non escollerarn espazos xa degradados,e moi especialmente non respectasen a franxa litoral dos 500m e ata Costas despois de prohibilo PORQUE VIOLABA A PROPIA LEI DE COSTAS NOS SEUS ARTIGOS 25 E 32 ESPECIALMENTE cambiara de idea, (ver EL PAÍS 3-2-2007), E NON RESPECTASEN O VALIOSO PATRIMONIO QUE HAI CATALOGADO OU NON O QUIXESEN CATALOGAR NOS DIVERSOS LUGARES SELECCIONADOS.
    Agora, a U.E. plantea sacrificar milleiros de cormoráns nas zonas acuícolas polas
    “grandes perdas económicas” que dan segundo as multinacionais . A Comisión xa aprobou unha resolución nesta liña sobre estas aves” protexidas”pola DIRECTIVA AVES en perigo de extinción.
    O plan (ven na prensa destes días) leva ímplícito o tiroteo para acabar con elas aínda que non o indica explícitamente.
    ASÍ PROTEXE EUROPA OS ESPAZOS E ESPECIES PROTEXIDAS!

Deixa una resposta a carmen Cancelar a resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.