Unha lousa sobre o Courel
AS MINAS DO CAPITAL
24.02.2008
Que trabucados estabamos! Co bipartito afianzouse o invasor, o neoliberalismo económico que, baixo disfrace de progreso e creación de riqueza, impón as súas regras.
HENRIQUE BANET
Ao achegarse ao Courel percíbese por que este é un lugar emblemático de Galicia. Non hai que ser un entendido para decatarse de que a Natureza se mostrou magnánima con estas terras, ás que dotou dunha biodiversidade única, na que se amalgaman especies mediterráneas e atlánticas nunha singular simbiose na que todas teñen importancia: castiñeiros, sobreiras, maceiras, nogais, aciñeiras…, mesturadas para, dende as alturas, ao pé dos castros, vixiar atentas o fondo cavorco por onde discorre alegre o río Lor.
Equilibrio
Os nosos antergos participaron dese equilibrio, xa que foron eles os que coas súas mans, tenacidade e constancia modelaron a paisaxe para adaptala, aos poucos, sen romper a harmonía, ás súas necesidades de subsistencia: aproveitaron o mel, as castañas, a leña para quentarse nos longos e fríos invernos, roturaron pasteiros para o gando, practicaron a caza e a pesca…, e foron eles os que construíron albarizas para protexer o mel da cobiza do oso, castros no alto das ladeiras para defenderse dos ataques dos invasores… E sempre, sempre, aproveitando os recursos que a Natureza lles ofrecía.
Equilibrio
Durante anos O Courel ficou esquecido. Diferentes gobernos foron deixando esta terra na marxe de calquera planificación para o seu desenvolvemento. A vida fíxose dura no Courel, e unicamente a tenacidade das súas xentes mantivo vivo este santuario para as seguintes xeracións. Foron eles e só eles os que loitaron para sobrevivir no esquecemento, e son eles os que, sen rancor por tanto desleixo, abren as súas portas e nos permiten gozar dese lugar privilexiado. A pesar do illamento, ou talvez debido a el, os coureláns son xentes nobres e loitadoras, acolledoras cos visitantes e dispostas a mostrarlles as marabillas forxadas para todos nós entre a Natureza e os antergos. Por iso moitos consideran O Courel como o Santuario Natural de Galicia.
Equilibrio
O que antano supuxo o grande atraso para O Courel podería ser agora unha vantaxe ao ofertar aos habitantes das devoradoras urbes, fartos de asfalto e de cemento, un anaco de Natureza virxe, de acougo relaxante, poñendo en valor unha cultura secular e permitíndolles aos seus habitantes unha vida de traballo digno, coa explotación racional de recursos, o mel, a carne, o souto, o turismo, a artesanía…, o que supoñería, ao tempo, unha xusta redistribución da riqueza. A culminación lóxica deste proceso sería a declaración de Parque Natural para O Courel, ou cando menos así o pensabamos moita xente en Galicia, confiando en que así o levasen a cabo os partidos da esquerda.
Desequilibrio
Que trabucados estabamos! Co bipartito afianzouse o invasor, o neoliberalismo económico que, baixo o disfrace de progreso e creación de riqueza, impón as súas regras: beneficio para poucos, moi poucos; e durísimas condicións de traballo para os máis. Deste xeito, empresas como Cupa Group -na que participa Caixa Galicia cun 20%- destrúen as posibilidades de futuro do Courel para obteren grandes beneficios económicos na explotación mineira máis depredadora -só se aproveita un 5 %: o resto é refugallo- e xogan con promesas de postos de traballo autenticamente escravizantes e sen futuro, que só van durar mentres haxa materias primas -que, por certo, son innecesarias xa que se trata de pedra ornamental, na súa maioría destinada á exportación.
Como escribiu Novoneyra: Eiquí síntese ben o pouco que é un home…
NAMCHE FILMS, CINE SOCIAL
‘Unha lousa sobre o Courel’ dá nome ao segundo traballo documental de Namche Films, creada pola actriz Mabel Rivera e Henrique Banet. Henrique é director de fotografía pola Escola Oficial de Cinematografía, realizador de TV e creador e presentador do programa SENDA VERDE, producido pola TVG até 2005. O documental denuncia a explotación de recursos limitados da canteira da Campa -Santa Eufemia, O Courel-, en contraste cun modelo diferente, sustentábel e de recursos inesgotábeis, como o do Parque Natural de Somiedo -Asturias. Segundo Namche Films “amosa a historia da manipulación informativa para xustificar e impor a depredación económica dunha comarca co apoio dos prexudicados, facéndolles crer que non hai outra solución”. Na mesma liña ía o primeiro traballo desta empresa de cine social, , sobre a loita cidadá contra a planta regasificadora de Reganosa en Ferrol.
+INFO: http://www.namchefilms.es/
No Comments
Trackbacks/Pingbacks