Pages Navigation Menu

Unha nova ameaza: o superporto Ártabros

 

Un destacado dirixente socialista, Manuel Cendán, afirmaba hai uns días que o proxecto “Superporto e Refuxio Ártabros” contimuaba a súa tramitación ante os correspondentes Ministerios. O Superporto Ártabros é un proxecto que data de 1991 e conta co patrocinio , entre outros, de Bbva, Ferrovial Agromán, Galp Enerxía, Iberdrola, Inditex Grupo, Sacyr-Vallehermoso (información da páxina http://www.artabros.es). Segundo os autores “Ártabros é un proxecto innovador que expón a construción en Galicia dunha gran área portuaria-loxística-industrial mediante un porto comercial de última xeración, de carácter privado, capaz de dar refuxio a calquera tipo e tamaño de buque”.

 

A construción deste megaporto efectuariase na ría de Ares, unha das poucas aínda virxes en instalacións industriais e contaminantes. Hai que lembrar que xa existen dous portos nas inmediacións desta ría: o de Ferrol e o de A Coruña. O superporto de Ares tería unha extensión de 6 km. de longo e 2 de ancho e estaría enclavado na entrada da ría de Ares e Betanzos. O lugar forma parte da Costa Ártabra e comprende diversos paraxes protexidos na rede Natura 2000. Amais, o feito de bloquear a entrada da ría suporía unha alteración das correntes mariñas cuxas consecuencias serían imprevisibeis para o hábitat mariño desta enorme superficie que abrangue a poboacións tan importantes como Ares, Pontedeume, Betanzos e Sada, moitas delas dunha grande riqueza marisqueira.

 

Por se alguén discute o impacto ambiental e altamente contaminante deste plan debemos engadir que o superporto Ártabros contempla a instalación dun gran polígono industrial de 7,7 Km² e como proxectos previstos están a construción de tanques sumerxidos de almacenamento de gas licuado e outros combustibles, porto refuxio para siniestros marítimos, plantas de biodiesel e bioetanol, planta de gas, planta de ciclos combinados, planta eólica e planta solar, complexo naval de reparacións e base de salvamento marítimo. En suma, procúrase a creación dun gran clúster portuario entre Ferrol, Ares e A Coruña.

 

Quen fala da necesidade de convertir a Galiza nunha potencia enerxética non ten en conta o alto prezo que supón transformar este país nun gran almacén de industrias contaminantes e perigosas, mudando e destruíndo a nosa paisaxe. Ao perigo que entraña a planta de gas de Reganosa en Mugardos hai que engadir o deste megaproxecto que contempla unha nova planta e almacenamento de gas somerxido así como o abrigo de buques en perigo que tan tristes lembranzas nos evoca o pasado (léase Prestige).

 

É a Administración galega, que chama a conservar o hábitat e os espazos protexidos da Rede Natura 2000, a que debe rexeitar con vehemencia esta idea empresarial que só busca un rédito económico privado a expensas da verdadeira riqueza de Galiza. Foron moitos os erros cometidos polos gobernos galego e español no relativo á concesión de proxectos que non atendían á necesaria conservación da riqueza natural das nosas rías e dos recursos económicos da nosa xente. Un novo atentado destas características demostraría o lonxe que están da sinceridade as manifestacións públicas dos políticos.

 

 

6 Comments

  1. Cito :

    “Conta Díaz Pardo que, nunha das súas viaxes á Arxentina, levoulle a Luís Seoane unha fotografía tirada dende Cabanas no ano 1956, con vistas da Ría de Ares e Pontedeume. As terras da labradío modelaban o relevo case a mollarse no mar. E apuntaba Díaz Pardo: “O conxunto tiña unha gran beleza, hoxe diminuída pola especulación e pola cerril eucaliptización do país”. Cando Seoane ollou para a fotografía, rompeu en saloucos. “Era unha situación comprensiblemente difícil”: o sentimento da propia terra entendida como paisaxe foi demasiado para aquel home rexo e sensible.”

    E digo eu:

    Só un insensible pode ser tan insensato como para non comprender o que é o patrimonio da paisaxe. Non chego a entender o que sería convertir o golfo dos ártabros nunha megalópole industrial tipo Shangai. Se isa é a intención do goberno da Xunta só podo dicir que xa lles toca a cicuta. É psicopatía, alienación, insensibilidade, corrupción e dereitismo (e.g. progresismo industrializante, alias exaltación do capitalismo caramelizado cos postos de traballo, e nalgún “bloque” nacionalismo feito coa cuna do patrón da empresa, que subiugará á clase traballadora no mellor dos casos ou que logo a venderá ás multinacionais no peor). Aposto a que o fundamental para os nosos sabios rexentes é que o porto o xestione capital galego. O problema da nacionalización de calquera asunto é que valida eticamente calquera premisa. Todo no nome da patria.

  2. Oes, pois eu vexo a foto e digo (como diría algún personaxe que compón calquera dos partidos de centro dereita na Xunta)…

    “Que ben quedaría isto cheo de chemineas, barcos mercantes e polígonos industrais con capital galego. Arrepíame ver tanto verde e azul, dame noxo, ule a bosta e cheira a mar. Que non quede un carballo en pé, carallo. E se temos que facer o maior superporto do mundo, pois moito mellor, que logo digan por ahí que os galegos teñen o ese máis grande do mundo (estamos orgullosos delo, olé!

    Se temos que contaminar, que sexa contaminación galega!

    Se temos que joder a terra máis bonita do mundo, fagámolo os galegos!

    Sexamos insensatos, pero galegos!

    Sexamos insensibles ao sentimento da paisaxe, pero sexamos galegos!

    Planta de gas ilegal, pero galega! )”

    Longo etc., dóeme a alma.

  3. Con isto os nosos actuais gobernantes móstranse fieis herdeiros do pensamento de don Manuel que soñaba con transmutar “a Galicia rural e subdesenvolvida nun país moderno e das multinacionais”. Estamos a comprobar que os soños de don Manuel, como os dos deus fillos, producen monstros

  4. Estes promotores tiveron diversos encontros cos alcaldes da comarca para venderlles o produto. O certo é que ningún deses alcaldes deu información sobre estras actividades e témome que unha vez máis estase a fraguar unha aberrante operación a espaldas da cidadanía

  5. E que facemos? Témome que como a cidadanía non tome medidas, ninguén o fará.
    Non se pode permitir, non o queremos.
    O que mais me mosquea desta xente é o ocultismo que practican. Xa vai sendo hora de polos no seu sitio, que a terra é do pobo que vive nela.

  6. Na Bitacora do Nordes deféndese o porto artabro como saída para botar a planta de gas da ría de ferrol, e metela na de Ares!
    Pero é que a Planta de Gas non é necearia, nin dentro nin fora da ría. Hai que pechala e punto. Como decía un amigo o outro día, enchela de ínonfesivo chiculate quente e poñer grifos en tódalas casas da comarca.

    A planta de gas non é necesaria para a sustentabilidade enerxética de galiza. E necesaria só para o negocio de fenosa e endesa. Sobra e apuntala a actividade das térmicas que máis contaminan do estado no entorno dun área de medio millón de habitantes.
    Por certo, no primeiro intento de presentación do proxecto, alá polo mes de xaneiro deste ano, algúns alcaldes e outros cargos institucionais deixaron plantado ao promotor, ademáis de colexios profesionais…
    así que nin porto nin planta, nin dentro nin fora. Un pouco de coherencia, por favor.

Trackbacks/Pingbacks

  1. Polémica na Rede sobre o Superporto Ártabros « Bitácora do Nordés - [...] para opinar e difundir ideas e reflexións. No meu caso, modestas. Hai quen me cualifica como destacado dirixente socialista,…

Leave a Comment

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.