Pages Navigation Menu

O proxecto do polígono industrial do Barbanza: manual práctico de como non se deben facer as cousas

Verdegaia ven de presentar, diante da Consellería de Vivenda e Solo, alegacións ao Proxecto Sectorial do Parque Empresarial da Barbanza; solicitando a súa retirada polas graves carencias que presenta. Estas fan referencia á depuración das augas, ao seu subministro, á afectación e impermeabilización das concas naturais, á afectación da paisaxe e a contorna natural, e á falta de medidas preventivas da contaminación.

No que ás augas se refire:

  • non se contempla unha depuradora específica para o polígono, limitándose a mencionar a posible ampliación da EDAR existente
  • non se planea o subministro da demanda extra de auga que se vai precisar, especialmente nos períodos estivais, cando aumenta substancialmente a poboación na bisbarra
  • prevé impermeabilizar unha enorme superficie de terreo, sen ter planificado un sistema axeitado de recollida das augas pluviais
  • vai estragar cinco nacentes do río Esteirón nunha lonxitude de 500 metros cada unha.

Da lectura do proxecto, e da abundancia de normas referidas a centros comerciais para a zona de servizos, despréndese a intención de crear unha gran área comercial no punto de maior impacto paisaxístico, na zona de Moldes, de gran valor etnográfico. Nesta zona, permítese a máxima altura de construción, e carece totalmente de zonas verdes no límite do parque que sirvan de apantallamento natural. A creación dunha zona comercial, nin está xustificada, nin entra dentro dos obxectivos dun polígono industrial. Este tipo de centros comerciais corresponden a un modelo de comercio obsoleto e descentralizado que non contribúe ao desenvolvemento das pequenas empresas locais, e que fomenta o uso do automóbil privado como medio de transporte. De ser este o destino previsto para estas parcelas, deberíase informar con claridade aos posibles sectores afectados (pequeno comercio e hostalería local).

O proxecto non contempla medidas eficientes de aproveitamento de enerxías renovables, de reutilización das augas ou aproveitamento da chuvia, e déixase o aforro de enerxía en mans do empresariado, falando de que “o aforro en electricidade depende en gran medida dun consumo responsable“.

A mobilidade no parque garántese soamente mediante o uso do automóbil privado; e a única medida que se contempla para fomentar o uso do transporte público é a “reflexión” (non se indica por parte de quen). Finalmente o control da contaminación atmosférica déixase tamén na man da industria, a quen soamente se prevé inspeccionar unha vez cada dous anos.

Xulgamos que o modelo de parque industrial proposto atenta contra o modo de vida das xentes da Barbanza, xa que podería ter un impacto moi negativo na incipiente (pero tamén dun gran potencial) actividade turística da zona, e na pesca e o marisqueo de toda a Ría de Arousa, que hoxe en día dá traballo a miles de persoas. Tamén atenta contra a biodiversidade, xa que unha actuación irresponsable podería afectar ao Parque Natural de Corrubedo e ás augas da Ría de Arousa.

Verdegaia está pola sustentabilidade do Barbanza, mais miramos cara un futuro que vai máis aló das vindeiras eleccións, porque a nós tamén nos preocupa o futuro das nosas netas e netos; e porque, onde vivimos, a nós si nos importa.

3 Comments

  1. Pareceme que Verdegaia non se ten informado correctamente. No proxecto do parque empresarial aparece unha partida de 2,5 millóns de euros para a construción dunha depuradora, como así se ten confirmado públicamente e en sede parlamentar por responsables da Consellería de Vivenda. Esta pendente de concretar con Augas de Galicia, que son os que teñen as competencias,o lugar oportuno onde colocala, ben no propio parque ou nas proximidades da xa existente e así recoller tamen os verquidos do actual polígona da Tomada. O proxecto conta cunha infraestructura novedosa, un laminador para augas de choiva, unha especie de lagoa que recolle as augas de choiva da superficie do parque e as vai deitando aos ríos pouco a pouco e así evitar crecidas. Antes de pasar ao laminador as augas pluvias pasaran por un decantador e filtrador, cousas novedosas nun parque empresarial.Non vai estragar ningunha naciente de ningún rio, vanse respetar as fontes e o caudal existente, evidentemente as augas de escorrentía que nacen na zona coa construcción do parque irán ao laminador e despois aos cauces polo que non se perde caudal. Malamente vai afectar ao Parque de Corrubedo unha actuación que está situada na vertente que da á Pobra e Palmeira. En fin, un pouco máis de veracidade. En todo caso, recoñecer que unha actuación de este tipo sempre supón unha afectación moi dura e irreversible no territorio e dende logo que engade máis problemas a xestión medioambiental na zona. Pero somos moitos os que pensamos que os beneficios que pode aportar esta actuación compensan.

  2. Olá, Bautista.
    Non sei se leches ou non o proxecto do que falas. Eu si.
    Respecto á depuración, na páxina 23 di, textualmente: ” A rede conducirá as augas xeradas no ámbito ao punto baixo da actuación onde se formula a conexión cun colector exterior que levará as augas residuais ata o colector de augas residuais recentemente construído.
    O proxecto sectorial reserva unha partida económica para ampliar as instalacións de depuración existentes en A Pobra. Garántese así o aproveitamento das infraestructuras existentes (colector de augas industriais, emisario submarino) e evítase a dispersión da explotación das instalacións de depuración”
    Como ves, fálase de ampliar a EDAR existente, sen q se explique moi ben como. Foi iso o q entendemos nós, e foi iso o q entenderon as persoas da Pobra q presentaron alegacións; así como os outros grupos políticos q hai unhas semanas se reuniron con Daniel Pino para expresarlle o seu malestar respecto ao tema. Daniel Pino prometeulles que esa ampliación se traduciría nunha depuradora nova.
    Pero iso é só unha promesa. Non figura como tal nos papeles que extiveron a exposición pública.
    Por outra parte, na páxina 56 do informe de sostenibilidade, podes ver un cadro no que se valoran os efectos sobre cada un dos factores valorados.
    Fíxate que, no que ao ciclo hídrico se refire, aparece un -2 como unha catedral; -2 que equivale, segundo as persoas que elaboraron dito informe, a un “impacto negativo relevante”. É dicir, O MAIOR GRAO DE IMPACTO QUE SE CONTEMPLA NO ESTUDO.
    E fai referencia ao primeiro apartado do ciclo hídrico, que é a afección ás canles.
    Así que me parece que non nos inventamos nada…no que á afección ás canles se refire, limitámonos a copiar os datos do informe de sostenibilidade…
    Pero as nosas alegacións non se baseaban só neste apartado, senón que contemplaban tamén outros aspectos que nos parece que quedan coxos no proxecto: medidas de aforro enerxético -irrisorias, as que aparecen no proxecto-, medidas para paliar o aumento de mobilidade que suporá a presenza dese parque -estas xa non son irrisorias, son inexistentes-, medidas para paliar a afectación á paisaxe, que tamén no informe aparece como relevante…
    Non me extendo máis, se che interesa ler o documento de alegacións, está á túa disposición, pásocho cando queiras.
    Tamén che podo facilitar o proxecto e o informe de sostenibilidade. A nós, tanto en Ribeira como en Santiago, foinos imposible de conseguir; dicíannos que tiñamos que ir alí consultar o documento!!! Foi na Pobra onde nolo facilitaron en formato dixital.
    Parece mentira en plena era da información e da comunicación, non si?
    Un saúdo, Bautista

  3. Eu penso que Verdegaia si se ten informado correctamente, a pesar dos atrancos que puxo a Xunta e o Concello de Ribeira a facilitar a información tal como sinala Marinela.

    No proxecto do parque industrial NON hai unha depuradora. Ti mesmo estás a recoñecelo cando dis que pode instalarse no propio parque ou nas proximidades da existente. É dicir, polo de agora non se someteu a información pública nada en relación con dita depuradora. É as cousas non se fan así. Ou é que ti queres que se faga o parque e que as empresas alí instaladas se poñan a verquer directamente, que despois xa se fará unha depuradora cando estea toda a Ría estragada? Coido que non é o xeito de facer as cousas, e por iso creo tamén que Verdegaia está a facer ben as cousas.

    E non me veñas conque xa existe unha depuradora na Pobra, porque dita depuradora xa ten un monte de problemas precisamente porque as empresas do polígono industrial da Tomada están a depurar as súas augas tamén alí, sen que apenas haxa control sobre ditos verquidos industriais nunha depuradora de augas residuais urbanas.

    E certo que o proxecto conta cun laminador de augas, mais eu non estou seguro de que sexa suficiente para recoller as augas dun polígono dun millón de metros cadrados. Son moitos metros de dios, eh?

    En canto ao que dis do decantador e filtrador, eu mesmo lles preguntei aos técnicos por este tema, pois parecíame que podería ser unha solución doada, mais eles recoñeceron que non existía tal decantación ou filtración. Se ti o viches no proxecto, rógote que nos indiques onde.

    Coas nacentes que SI se van estragar sucede o mesmo. E así se recoñece no informe ambiental. Ou ben che informaron mal, ou estás a mentir. Veciñas e veciños da Pobra tamén interpuxeron un recurso por este mesmo motivo, pois o proxecto non indica se van ser soterradas ou simplemente destruídas.

    Finalmente, Verdegaia non dixo en ningún momento que as augas residuais vaian a afectar DIRECTAMENTE ou parque de Corrubedo. O que si está claro é que un polígono industrial deste tamaño, sobre o que apenas se contemplan medidas de control de emisións de gases, situado a soamente 5 quilómetros do parque nun espazo case completamente de monte e pastos, vai ter influenza negativa no parque de Corrubedo. Lamentablemente o estudo de impacto ambiental, non fai referencia á afectación dos corredores aéreos das aves que estacionalmente ocupan o parque de Corrubedo.

Leave a Comment

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.