Verdegaia e Ecologistas en Acción esíxenlle a Costas a paralización de rexeneración de praias

A antropización da costa galega é a máxima responsable dos supostos “problemas” da perda de area das praias. Ante isto, as autoridades “competentes” soamente atopan unha solución: sacar a area doutros sitios (praias, area que está baixo a auga, canteiras…) para encher as praias que perden volume de area. A grandísima maioría das praias que agora mesmo están “rexeneradas” ou cun proxecto futuro ou en execución de “rexeneración” en Galicia, perderon ese volume de area debido á ocupación con elementos artificiais que lle afectaron á retirada e á achega natural de sedimentos (portos deportivos, espigóns, paseos marítimos…).Chega con botar unha ollada en calquera sistema de fotos por satélite para decatarse do problema. Convidamos a todo mundo a miralo: Foz, Moaña, Vilagarcía de Arousa, Nigrán (sobradamente coñecido polos escándalos urbanísticos), Baiona, Corcubión, Muros, Malpica, Rianxo, A Coruña, Oleiros, Cedeira, Boiro… sen esquecer, por suposto, que xa hai moitos anos que na praia de Silgar, en Sanxenxo (tamén sobradamente coñecido polas anulacións dos seus PXOM´s sistemáticas e os xuízos anuais polo mesmo motivo) botan anualmente camións de area procedentes doutros lugares, especialmente a partir da ampliación do porto deportivo, que lle afectou gravemente á achega de sedimentos.

Non é preciso ser un/unha experto/a para saber que todas estas zonas soportan unha ocupación humana excesiva e que a construción de casas, portos deportivos, paseos marítimos, etc., superou hai moito tempo o límite da sostibilidade e do equilibrio ecolóxico da zona.

Resulta curioso, por outra banda, ver o nome destes proxectos (rexeneración) e que non se analizan en ningún momento as causas do “problema”. Se segundo as autoridades o problema é que as praias perden area, o que afectará ao turismo da zona (excusa principal para facer estas rexeneracións artificiais), Verdegaia e Ecologistas en Acción saben que o problema é precisamente a ocupación humana, sobre todo enfocada a ese turismo insostible que crea a perda de area por limitar as correntes mariñas naturais que achegan e retiran sedimentos, ademais de provocar outros problemas ambientais respecto á fauna e á flora dos areais, aumento de residuos, etc. Isto quere dicir que a rexeneración artificial é precisamente un parche do problema real: insostibilidade, ocupación de zonas areosas e limitación de correntes naturais.

Se todo isto é evidente e non soluciona ningún problema, máis escandaloso aínda resulta ver polo miúdo o que se quere facer nalgúns proxectos.

Foz: Aquí o proxecto di que se se achegará un volume de area de 31.095,34 metros cúbicos á praia. Iso si, logo farase un talude e un retranqueo que farán retirar 70.000 metros cúbicos de terras e, por suposto, farán un paseo peonil de 900 metros.

Moaña: Aquí, ante todo, di o proxecto que hai que retirar o campo de fútbol (que está na praia), un vial rodado de acceso ó porto, que tamén está sobre a praia… e, por suposto, rehabilitar a praia. É dicir, primeiro construíron todo enriba da praia.

Dragado da canle do ferry internacional A Guarda: Aquí queren retirar 70.000 metros cúbicos de area para deixar calado para o ferry, que irán precisamente para as praias de Vilagarcía de Arousa, Nigrán, Baiona, etc.

Cedeira: Este proxecto consiste en extraer 351.220 metros cúbicos de area da enseada do Esteiro e poñelos na praia da Magdalena. Isto é, desvestir un santo para vestir outro.

Corcubión: Neste proxecto queren usar area extraída de canteira, iso si, acompañado de prolongar o espigón.

Muros, praia do Castelo: Esta praia, definida como “deficitaria en area” segundo o proxecto, rexenerarase para a “afluencia de bañistas en época estival” e tamén irá acompañada da construción dun paseo peonil entre a zona portuaria de Muros e Louro, nun tramo de costa de “inmejorables vistas sobre la ría” e da mellora de accesos ó litoral para permitir “un disfrute del entorno por los ciudadanos acorde con las notables características medioambientales y paisajísticas de la zona, para lo cual se procurará emplear materiales nobles como es el caso de la piedra, atendiendo también a la proximidad del casco histórico de la villa de Muros, cuyas calles están pavimentadas con piedra de granito.”. Desde logo, non van solucionar o problema da area en absoluto, senón agravalo con máis ocupación humana, pero iso si, parece que vai quedar moi ben o granito da vila coa pedra que poñan na praia.

Rianxo: Este proxecto consiste en engadir area de extracción mariña ou de canteira e facer obras de contención, como espigóns de madeira (é dicir, intentar que a area non se mova de alí).

Boiro: Aumento da praia seca con 322.066 metros cúbicos de area de canteira e dragar e estender 10.000 metros cúbicos de area “da propia praia” para a rexeneración dos bancos marisqueiros cando rematen as obras. Isto é, primeiro botamos area á praia, porque non ten e logo volvémola sacar para “rexenerar” bancos marisqueiros, que antes estragamos coas obras.

Como se pode apreciar, todos estes proxectos non son outra cousa que un despropósito e a continuación de actuacións insostibles e incoherentes co que se supón que queren conseguir.

Xa que a Dirección General de Sostenibilidad de la Costa y el Mar semella esquecer certos datos importantes, vémonos na obriga de lembrarllos:

1. Existe un Plan Nacional de Adaptación ao Cambio Climático na costa, que esixe cartografiar e desocupar as zonas máis sensibles a transformarse ou desaparecer pola subida prevista do nivel medio do mar.
2. O artigo 44.2 da Lei de Costas di: Deberán prever a adaptación das obras á redonda na que se atopen e, se é o caso, a influencia da obra sobre a costa e os posibles efectos de regresión desta.
3. O artigo 44.4 da Lei de Costas di: Para a creación e rexeneración de praias deberase considerar prioritariamente a actuación sobre os terreos lindantes, a supresión ou atenuación das barreiras ao transporte marítimo de áridos, a achega artificial destes, as obras somerxidas no mar e calquera outra actuación que supoña a menor agresión á redonda natural.
4. A Dirección General de Sostenibilidad de la Costa y el Mar inviste máis do 60% do seu orzamento en rexeneración de praias e habilitación de paseos marítimos, é dicir, subvenciona o negocio dunhas poucas persoas e empresas e leva a poboación costeira ao temporalismo laboral e, nos últimos tempos, ao paro.
5. Moi recentemente, o Goberno central anulou a prohibición da venda de casas situadas na costa e que tiñan soamente o dereito de goce como vivenda durante unha serie de anos.
6. O último Goberno galego (PSOE e BNG) lexislou unha distancia mínima de 500 metros ata o mar (distancia maior que a contemplada na Lei de Costas), pero que non fixo cumprir en absoluto. De feito, foi o primeiro que a incumpriu (a bautizada como Villa PSOE na Illa de Arousa é o mellor exemplo).

Por todo isto, a Verdegaia e a Ecologistas en Acción soamente nos queda solicitarlle a esta dirección xeral a suspensión de todos os fondos para a rexeneración de praias e instala a cumprir a Lei de Costas e a desenvolver a Estratexia de Sostibilidade da Costa e o Plan Nacional de Adaptación ao Cambio Climático na costa, para solucionar verdadeiramente os seus problemas.

Leave a Comment

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.