Verdegaia entrega o seus Premios Semente / Cemento 2007 á Mellor e Peor Actuación Ambiental do ano
Un ano máis, Verdegaia fai entrega dos seus Premios Semente e Cemento 2007 cos que pretende recoñecer o traballo positivo en favor do medio ambiente e sinalar aquelas actuacións que atentan gravemente contra o mesmo.
Este ano, a Plataforma Veciñal Cruceiro de Meá foi merecedora do Premio Semente pola súa decidida actuación contra a instalación da Planta de Gas de REGANOSA na Ría de Ferrol, exercendo a cidadanía dende a responsabilidade, a implicación solidaria e a conciencia colectiva, na súa esixencia nonviolenta do cumprimento da legalidade e servindo de exemplo a todos e todas os que traballamos día a día na procura da sustentabilidade ecolóxica, a xustiza social e a paz
Unha vez máis, o Premio Cemento á Peor Actuación Ambiental concedeuse a unha Administración Pública, neste caso ao Consello da Xunta personificado en Fernando Blanco, Conselleiro de Innovación e Industria e Pachi Vázquez, Conselleiro de Medio Ambiente por seren os máis directos responsábeis de conceder autorización administrativa á canteira “A Campa”, ubicada no Courel, propiedade de CUPIRE- PADESA que leva máis dunha década funcionando de maneira ilegal, sen autorización municipal, cun estudo de impacto ambiental falso e cunha orde de paralización de actividade emitida pola propia Consellería de Política Territorial que foi reiteradamente incumprida destruíndo parte da conca do Río Lór no Courel. Esta canteira está situada en solo rústico de protección de espazos naturais segundo o Decreto 82-1989.
Esta resolución da Xunta supón unha burla á cidadanía e as empresas que cumpren a legalidade e supón o paso definitivo que abre un dos espazos de maior biodiversidade de Galicia á rapiña e ao expolio de empresas sen escrúpulos, que ven nesta canteira un exemplo a seguir de como saltarse a normativa co beneplácito dos responsábeis? Políticos.
Os premios entregaranse no decurso dun xantar que se celebrará este sábado día 1 de decembro as 14:00 no restaurante La Nueva Frontera (Estrada A Cabana, 29-31. Ferrol).
Suscribo plenamente o Premio Cara de Cemento!
E propoño seguir ‘premiando’ a quen o merece: de cara ás vindeiras eleccións podería ter interes a información sobre os estilos electorais na rede dos nosos políticos:
http://wiki.chuza.org/wiki/Politica
Se alguén quere botar unha man xa sabedes!!!
a min parécenme moi acertadas ambalasdúas candidaturas. As mulleres de Mehá son un exemplo de coraxe e teimosía na defensa do territorio. Noraboa tamén a Verdegaia pola elección.
a min parécenme moi acertadas ambalasdúas candidaturas. As mulleres de Mehá son un exemplo de coraxe e teimosía na defensa do territorio. Noraboa tamén a Verdegaia pola elección