Pages Navigation Menu

Verdegaia paraliza novamente a construción dunha pista da concentración parcelaria de Covas

 

Verdegaia paraliza novamente a construción dunha pista da concentración parcelaria de Covas por afectar a un dos humidais que integran a Rede Natura 2000. As obras serán denunciadas ante a Fiscalía de Medio Ambiente, sen descartar a posibilidade de presentar unha queixa ante a Comisión Europea para que retiren os fondos FEOGA cos que se financia a parcelaria.  O pasado mércores, compañeiros e compañeiras de Verdegaia-errol paralizaron as obras de construción dunha pista da concentración parcelaria na parroquia ferrolá de Covas, promovida pola Consellería de Medio Rural, ao verse directamente afectado un dos humidais que integran a Rede Natura 2000; nomeadamente, o L.I.C. “Costa Ártabra” e a Z.E.P.A. “Costa de Ferrolterra-Valdoviño”. Previamente, os feitos foron denunciados verbalmente ante a Delegación Provincial da Consellería de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible, persoándose máis tarde no lugar dous gardas do Servizo de Conservación da Natureza de dito organismo para a elaboración do correspondente informe sobre as obras.

Se hai varias semanas paralizáronse os traballos de desbroce previos á construción de novas pistas na zona de Ponzos (Z.E.P.A. “Costa de Ferrolterra-Valdoviño”), por afectar tamén a unha zona húmida, desta vez paralizáronse os mesmos traballos noutra zona húmida de Santa Comba. Ademáis, constatouse que varias moreas de entullos foron depositados ao longo do novo trazado para consolidar o seu firme. A construción deste novo vial conlevaría tanto a alteración do nível freático como a fragmentación do humidal afectado, mermando o seu potencial biolóxico. No momento de marcharen os gardas da Consellería de Medio Ambiente, “casualmente” apareceron dous veciños afectados polo proceso parcelario que tiveron un enfrentamento verbal, en ton ameazante, cun activista de Verdegaia. Este, evitando en todo momento calquera enfrontamento físico, advertiulles a ambos veciños que emprendería accións xudiciais contra deles se a súa integridade física chegase a verse ameazada. Finalmente todo ficou nunha breve pero intensa discusión “acalorada”.

A pesares de que existen informes da Consellería de Medio Ambiente que poñen de manifesto diversas irregularidades detectadas na tramitación e execución do proxecto parcelario que se creou específicamente para as zonas costeiras de Santa Comba, Sartaña, Ponzos e As Cabazas (técnicamente denominados subperímetros); como pode ser non someterse o proxecto a unha Avaliación de Impacto Ambiental, por exemplo. E pese ao compromiso das Consellerías de Medio Ambiente e de Medio Rural de evitar a construción de novas pistas nas zonas costeiras incluidas na Rede Natura. Semella que ambos organismos, en petit comité, decidiron seguir adiante coa desfeita para atender así os intereses particulares e partidistas de proprietarios/as de terreos afectados e de políticos locais, respectivamente, ante a proximidade das elecións autonómicas. Con esta atitude, a Xunta de Galicia está omitindo as suas funcións de velar pola salvagarda dos intereses xerais; que neste caso son a preservación dos espazos que integran a Rede Natura 2000, dacordo coa Directiva 92/43/CEE de “Hábitats”. En calquera caso, Verdegaia vai denunciar os feitos ante a Fiscalía de Medio Ambiente e mesmo, de ser necesario, presentar unha queixa ante a Comisión Europea para pedir que se retiren os fondos FEOGA cos que se está financiando a concentración parcelaria, ao vulnerarse tamén a normativa comunitaria.

Por outra banda, insistimos na necesidade de que tanto o Ministerio de Medio Ambiente como a Xunta de Galicia se fagan coa titularidade dos terreos incluidos na Rede Natura 2000 afectados pola concentración parcelaria; moi especialmente as zonas dunares e os humidais en distinto grado de evolución que se atopan nas zonas costeiras de Sta. Comba, Sartaña, Ponzos e As Cabazas

Leave a Comment

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.