Verdegaia pide que se suspenda o concurso eólico

Verdegaia demanda, como xa o fixo anteriormente a Federación Ecoloxista Galega, que se suspenda o concurso eólico mentres non se elabore un novo Plano Sectorial Eólico e se amplíe a Rede Natura 2000. Ao se ter convocado o concurso sen fixar previamente límites ambientais adecuados á instalación de novos parques, a ampliación da potencia eólica en 2.325 MW provocará danos graves ao patrimonio natural galego.
Verdegaia entende e apoia a decisión da Consellería de Medio Ambiente de abandonar a comisión de valoración e esixe á Consellería de Innovación e Industria que sexa máis sensible á defensa do territorio e menos a certos intereses empresariais.

No que atinxe á conservación da biodiversidade e da paisaxe, a única mudanza positiva na política eólica autonómica introducida polo bipartito é a prohibición de construír novos parques en espazos da Rede Natura 2000, que en Galicia tan só ocupa un 11% do territorio. A Consellería de Innovación e Industria rexeitou todas as propostas presentadas por Verdegaia ao borrador de decreto eólico para compatibilizar a enerxía eólica coa preservación do territorio. A máis importante das cais era que se definise, de acordo coa Consellería de Medio Ambiente, un completo mapa de zonas de exclusión por motivos ambientais antes de outorgar novas autorizacións de parques, seguindo o exemplo doutras comunidades autónomas, caso de Asturias ou de Navarra.

A Consellería de Innovación e Industria está a actuar coa mesma falta de sensibilidade ambiental que a caracterizou cando gobernaba o PP. Por iso, quere repartir un novo pedazo da “tarta eólica” co mesmo Plano Sectorial Eólico aprobado polo Goberno anterior, e ademais incorporar no novo Plano Eólico aquelas zonas non incluídas no actual que interesen aos promotores eólicos. Coa nova política eólica, a diferenza é que a destrución ambiental asociada ao malo ordenamento dos parques eólicos terá probablemente maior participación empresarial de capital galego e menos de fóra do país.

No caso de se resolver agora o concurso eólico, Verdegaia reclama a máxima transparencia e que se explique detalladamente a xustificación da resolución e en que zonas se construirían os parques. Neste sentido, sería desexable que se divulgasen as actas das reunións da comisión de valoración.

Mesmo coa nova potencia eólica, as emisións de gases de efecto do invernadoiro do sector eléctrico aumentarán máis

Verdegaia lamenta tamén que a ampliación da nova potencia eólica vaia ter beneficios moi limitados en materia de loita contra a mudanza climática, ao non se enmarcar nunha política enerxética sustentable que priorice o aforro enerxético e a diminución da produción de electricidade nas centrais térmicas, especialmente nas de carbón. Por iso, e de acordo coas previsións da propia Xunta contidas na proposta do Plano de Acción contra a Mudanza Climática, as emisións de gases de efecto invernadoiro derivadas da produción enerxética en Galicia aumentarán o 16,85% no período 2008-2012 a respecto de 2007. Á Consellería de Innovación e Industria só lle importa que Galicia produza máis electricidade, tanto sucia como limpa, tanto para atender o crecente consumo interno como para exportar ao resto da Península Ibérica, con maiores beneficios económicos para Galicia pero tamén con maiores impactos ambientais a escala galega e global.

Máis información:

O novo decreto autonómico de aproveitamento da enerxía eólica non garante o respecto da natureza

Verdegaia propón un novo modelo eólico para a sustentabilidade

Leave a Comment

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.