Verdegaia reclama un novo Plano Eólico respectuoso coa natureza

Ao igual que a Federación Ecoloxista Galega (FEG), da que fai parte, Verdegaia recibe de entrada como unha boa nova a suspensión do último concurso eólico, resolto pola anterior Xunta sen garantías ambientais e que iría agravar a deterioración do noso territorio. Mais, para asegurar que unha nova repartición eólica non implique tamén danos inaceptables ao patrimonio natural, cómpre aprobar antes un Plano Eólico que sexa obxecto dunha avaliación ambiental estratéxica rigorosa e estabeleza suficientes zonas de exclusión, así como ampliar a Rede Natura 2000, que hoxe só representa o 11,7% do territorio, a porcentaxe máis baixa de todas as Comunidades Autónomas.A anulación do concurso eólico non terá consecuencias ambientais positivas se non se aproba o antes posible un novo Plan Sectorial Eólico que exclúa do desenvolvemento eólico as zonas con maior interese ambiental. Verdegaia  entende que o anteproxecto de lei eólica mantén, cando menos até a modificación do vixente Plano Sectorial Eólico, a prohibición de construír parques eólicos nos espazos naturais da Rede Natura 2000 -o único avanzo ambiental  introducido polo Goberno bipartito-, aínda que isto resulta insuficiente para prevenir impactos ambientais graves. Verdegaia agarda que o PP non repita os erros do pasado, pois entre 1996 e 2005 autorizou desde a Xunta 50 parques eólicos en 15 espazos da Rede Natura 2000.

A xuízo de Verdegaia, o novo canon eólico non supón unha proba de sensibilidade ambiental por parte do actual Goberno, senón un recoñecemento dos importantes danos ao territorio ocasionados polas políticas ambientalmente inadecuadas de ordenamento dos parques eólicos seguidas polos sucesivos Gobernos autonómicos, froito da necesidade de procurar un instrumento recadatorio. Sería un exemplo máis de cinismo ambiental  que a Xunta gravase cun imposto ambiental unha enerxía limpa e renovable e, simultaneamente, non introducise criterios ambientais esixentes na planificación eólica e non fixese nada para que as elevadas emisións de dióxido de carbono (CO2) das centrais térmicas sexan fortemente penalizadas.

Cómpre un novo modelo eólico

Verdegaia propón un novo modelo eólico respectuoso coas zonas de maior valor ecolóxico, que priorice o repotenciamento sobre a construción de novos parques, que aposte non só polos grandes parques eólicos senón tamén pola eólica de baixa e media potencia e que deixe importantes beneficios socioeconómicos no medio rural. Unha política eólica que minimice os efectos negativos sobre o territorio e maximice os beneficios para a sociedade galega.

Asemade, a nova política eólica, para se converter nun elemento importante de sustentabilidade, debería encadrarse nunha estratexia enerxética que decreza o consumo de enerxía e diminúa drasticamente a produción eléctrica nas centrais térmicas, especialmente nas de carbón, as máis intensivas en emisións de CO2. Aínda que a enerxía eólica ten contribuído de xeito importante ao aforro de emisións desde Galicia, non foi suficiente para inverter a tendencia ao aumento das emisións dos gases causantes do quecemento global. Así,  entre 1996 -ano do inicio da “revolución eólica”- e 2006, as emisións  de CO2 e doutros gases de efecto invernadoiro asociadas á produción  e ao consumo de enerxía en Galicia non só non diminuiron senón que aumentaron en nada menos que nun 18% (de 24.084.600 a 28.351.460 toneladas anuais).

Máis información: Área de enerxía e cambio climático de Verdegaia

12 Comments

  1. E por qué temos que ter un Plan?, para non perder o liderazgo enerxético? Primeiro cómpre analizar as nosas necesidades enerxéticas, logo, estudiar formas de aforro, animando a diminuir o consumo, e, finalmente, explotar os recursos alternativos en función dunha “necesidade real”. Ah, e iso da sustentabilidade hai que deixalo para os programas electorais dos partidos, que queda moi ben (nós xa sabemos que non significa nada).

  2. Completamente dacordo co comentario anterior.
    Non se entende que moitos ecoloxistas cedan diante de cafradas como o Plano eólico (novos parques) ou o TAV. Son negocios privados altamente destrutivos para o medio natural e para a vida das nosas aldeas. A única xustificación debe estar baseada (digo eu) no interese particular. E a día doxe só se pode fundar nun reposicionamento político desas organizacións, causado pola caida en desgracia do Bipartito.

    Compañeiras de GNSV hoxe máis ca nunca precisamos un amplo chamamento ás bases individuais e colectivas, unha ASEMBLEA ABERTA para que non nos pase coma sempre que os políticos nos levan para o rego do seu interese. Goberne quen goberne… terra viva!

  3. Non hai enerxía que chegue. Non hai posibilidade de manter este ritmo de crecimento infinito, do que o capitalismo precisa para non entrar en recesión, nun planeta redondo de recursos finitos. Non hai sustentabilidade posibel.

    O sistema de producción de muiños de vento precisa de enormes cantidades de recursos fóseis para a súa manutención. Dizer que a enerxía eólica e limpa é unha verdade, dizer que os muiños son limpos ou que son unha alternativa aos combustibeis foseis é unha media mentira.

    Non hai plano eólico nin alternativas renovabeis ao consumo enerxético das nosas sociedades “avanzadas”. Hai que apostar fortemente polo decrecimento, como Verdegaia fai a miúdo.

    Saúde.

  4. Cumpre um Plano para nom seguir com o caos que temos, para que nom se podam construir parques eólicos em qualquer lugar.

    Cumpre umha estratégia energética orientada ao decrescimento no consumo e à diminuiçom das emissões de CO2.

    Cumpre minimizar impactos ambientais e maximizar os benefícios sociais.

    Isto pom no comunicado de Verdegaia, que é bem claro, acho.

  5. Vivimos nun mundo-ficción ao borde do colapso ( económico, enerxético, ecolóxico…). A crise sistémica é inevitábel. Probablemente xa temos superado o ” pico do petróleo”, e sabemos que consecuencias terá iso para a nosa ” sociedade avanzada”.

    Sen petróleo non poderemos desenvolver alternativas tecnolóxicas a este. E a nosa dependencia do petróleo non é o único problema. Un outro e que moramos máis de 6.000 millóns de persoas no planeta, población que aumentou exponencialmente dende a revolución industrial e que é imposible de manter sen a axuda do petróleo.

    Máis non é isto do que se fala nos telexornais. A realidade é disfrazada a golpe de balonpé. E a xente prefire pensar no gol de ronaldiño no canto de pensar neste inevitable colpaso. Non me estrana.

    E moi complicado tentar explicarlle a alguén que, en trinta anos como moito, de sobrevivir a esta catástrofe, teremos que viver cos meios dos que contaba a xente hai apenas tres xeracións, e iso sendo optimistas, porque parece que esta tendencia autodestructiva xa non se pode revertir.

    Así que é millor loitar por un outro plano eólico, orientado ao descrecimento no consumo, a minimizar impactos ambientais e maximizar beneficios sociais… Perder o tempo.

    Que non se me entenda mal, cada quen perde o tempo como millor lle parece, eu tamén teño as miñas formas. Pero namentres a ver se imos engadindo esta preocupación polo colapso aos nosos discursos e estratexias.

    Non vaia ser que o colapso veña dun dia para outro, de sopetón, e nos colla a tod@s en panos menores.

  6. Non queremos ningún Plano para a explotación privada dos montes de todos.

    Non precisamos ningunha estratéxia enerxetica que non conte coas nosas necesidades e intereses reais: alleos por completo ás necesidades e intereses da mafia eólica coa que tratan os políticos no noso nome.

    Cumpre minimizar os impactos ambientais botando para abaixo todos os parques eólicos xa que non supoñen unha alternativa (unha redución efectiva doutras enerxías xeradas no país).

    Os benefícios sociais só poden vir se esa sobreexplotación enerxética que hoxe xa existe en Galiza revirte no erario público e iso non acontecerá xamais cos negocios privados.

    Compre que impidamos novamente que os partidos políticos metan os fuciños na loita común pola terra de todos.

  7. Ala rapaces, a seguir vivindo nas verzas e de cando en cando darlle un pulo ás propostas do PP. As declaracións de Rajoy e Feijóo sobre o apoio do ecoloxismo galego (algúns desnortados da FEG e chiquilicuatres varios) non teñen prezo. Xa tivestes a vosa portada en La Voz, agora pedide o carné do PP, verdegaios e demáis fauna coprófaga!
    Cousas veredes…

  8. Chegará o día en que certas persoas, en fase pensadora tan virtuosa na que estiman que todo o que se move á súa esquerda vota á extrema dereita, se dean conta de que por extensión do mesmo argumento todos os votantes do BNG tamén votan á extrema dereita, xa que logo están politicamente máis próximos.

    Se GZNSV e os radicais extremistas ecoloxistas e o PP son a mesma merda, ¿entón cal é a diferencia entre o BNG (que está no medio dos dous) e o PP? ¿Entón o PP é ecoloxista? ¿E se HB, FPG e EA son marxistas, entón o PP é marxista? ¿Os votantes do PP en realidade votan a EuskalHerritarrok? ¿Se o PP e GZNSV son a mesma merda, entón o BNG é o mesmo que GZNSV e tamén é ecoloxista?

  9. Non se engane ninguén, os partidos políticos nunca van defender a terra. Os partidistas demostran sempre a súa verdadeira face cando gobernan e non fan máis ca protexer os intereses do capital (das mafias que destrúen o noso medio natural e social primixenio). A dereita voraz destrúe o planeta co apoio dos partidos políticos e as organizacións institucionalizadas da esquerda.

    Así que se perdestes as eleccións ide a chorarlle ao cacique que mantivestes ben feliz co voso goberno reganoso, eólico e apestoso. E o mesmo para os “ecolos” vendidos que nos falan de sustentabilidá e de fandangas coa empresa enerxética. Moito unto é o que hai!!!

  10. Non hai alternativa ao colapso, non hai solución ás crises enerxética e climática que non pase, entre outras cousas, por máis renovábeis. Tan ilusorio é pensar que chega só coas renovábeis como que co decrecemento abonda. No caso de Galiza, cómpre reducir o consumo enerxético, si, pero tamén desenvolver máis as renovábeis, incluída a eólica.

    En Galiza non só temos que atender (e reducir) as nosas necesidades enerxéticas, senón tamén cortar as emisións de CO2, que son moi altas, en boa parte porque ENDESA e UNIÓN FENOSA continúan producindo electricidade da forma máis ineficiente e sucia que se pode facer, en centrais de carbón Eu prefiro máis eólica e menos carbón.

  11. Pois a ver cando vas obter ese compromiso por parte da industria capitalista!!! O Plano eólico que propuñan os valedores do reformismo político tampouco incluía nada diso, senón máis e máis parques eólicos nos nosos montes para negocio privado. Eu en calquera caso prefiro menos produción enerxética e por iso me opoño a aumentar o negocio.

  12. Moita xente agarda algún xesto por parte de GNSV. En particular unha nova convocatoria aberta para debatir e decidir. Para tomar parte colectivamente nos asuntos que temos por riba, para que a voz cantante non a leve esta ou aquela asociación, para que haxa debate e se vislumbre ata que ponto en GNSV estamos contra a política mafiosa que o poder de onte e de hoxe está a facer na/coa nosa terra, ata que ponto non nos vendemos.

Deixa una resposta a leo Cancelar a resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.