Verquidos contaminantes procedentes de Holanda no río Baa
A plataforma AETNA (Asociación Etnográfica e da Natureza Amigos do río Baa), que agrupa a un feixe de asociacións veciñais, grupos ecoloxistas e entidades culturais dos concellos de Cabanas e Fene ( A Coruña), ven de denunciar os verquidos de material bituminoso no entorno do río Baa, moi preto do polígono industrial de Vilar do Colo. A asociación, empeñada na defensa do patrimonio cultural e ecolóxico do río Baa e os montes Prismos, advirte do risco de contaminación dos acuíferos que subministran auga á poboación da zona.
O material procede de Holanda, onde foi refugado polas súas propiedades altamente contaminantes. Ata o de agora foron trasladadas ao lugar, desde o porto exterior de Ferrol, máis dun millón de toneladas. A presenza de maquinaria compactadota parece amosar a intención de montar un cemiterio permanente sin que se coñeza a aplicación de medidas de protección medioambiental.
Nos últimos tempos asistimos a un crecente deterioro ecolóxico dos ríos da comarca. Aínda lembramos os informes que, desde a Universidad da Coruña, alertaban da elevada contaminación que se está a rexistrar no río Eume. O Belelle corre un risco similar, co proxecto de apertura dunha mina de andalucita. Agora tócalle ao río Baa. Cal será o seguinte? A preocupación non é meramente ecolóxica, atinxe, ademáis, ás condicións de salubridade das augas que estamos a consumir.
Transcribimos o comunicado emitido por AETNA:
As entidades abaixo asinantes manifestan ante as diferentes administracións, organismos competentes e público en xeral o seu rexeitamento á actuación que se está a producir nas proximidades do Polígono Industrial de Vilar de Colo consistente en:
Depósito e compactación en parcelas forestais do Concello de Cabanas, limítrofes con Fene, a carón do río Baa, de grandes cantidades de materiais bituminosos procedentes de Holanda e rexeitados en orixe polo seu poder contaminante. Xa se trasladaron ao lugar máis dun millón de toneladas destes materiais cunha flota de camións que se encargan de achegalos desde o porto exterior de Ferrol. A maquinaria compactadora que opera no lugar amosa a intencionalidade de facer un cemiterio permanente, sen ningún tipo de medida medioambiental. De aí a nosa preocupación por un foco de contaminación dos acuíferos, de río Baa e finalmente da ría de Ferrol.
É polo que
DENUNCIAMOS ante todos os organismos competentes esta agresión, carente das mínimas garantias legais, para que exerzan as súas competencias, paralicen as obras, esixan responsabilidades a quen corresponda e establezan as medidas correctoras para recuperar a zona devolvéndolle o seu estado orixinal.
One Comment
Trackbacks/Pingbacks
- Reganosa Demolizón » Verquidos contaminantes procedentes de Holanda no río Baa | Contra reganosa - [...] Tirado de galizanonsevende.org: [...]
Está moi ben o de que Galiza non se vende,pero si que o fan os políticos de Galiza.Pero que ó menos saiban que hai xente que non traga con todo o que lles boten.
Grazas por o voso esforzo.