Pages Navigation Menu

Vivendas protexidas ou construtores protexidos

A Xunta de Galiza, por medio do seu vicepresidente Anxo Quintana, acaba de anunciar que nos próximos 9 anos se construirán na nosa comunidade 45.000 vivendas protexidas. Deste xeito trátase de paliar a crise económica promovida polo parón inmobiliario, xenerando 2.500 millóns de negocio e creando 300.000 empregos segundo o vicepresidente nacionalista.

O pasado mes de xaneiro a conselleira de vivenda, Teresa Táboas, anunciaba a venda de 6 millóns de metros cadrados de solo público aos promotores para construír vivendas protexidas. Complementando estas declaracións, Touriño afirmaba que Galiza pasará á historia no 2008 como promotora do maior investimento en obra pública, 1500 millóns de euros. Medidas estas que poden catalogarse como unha claudicación do goberno galego ante a presión exercida polas empesas da construción e a Federación Galega de Municipios. Foron estas entidades as que ameazaron cunha grave crise laboral e económica se non se atendían as súas reivindicacións. Tanto Anxo Quintana como Teresa Táboas coincidiron en afirmar que o proxecto ten como obxectivo “atender as necesidades actuais e urxentes da comunidade galega”. Cremos nós que se referían á comunidade de construtores, preocupada pola diminución dos escandalosos beneficios con orixe na especulación inmobiliaria. Foi esta voraz ansia de diñeiro o que imposibilitou o acceso a unha vivenda digna a gran parte dos galegos, incapaces de pagar os altos prezos dos pisos en construción. Ademais os 6 milóns de metros cadrados prometidos por Táboas en xaneiro pasan a ser agora 8,7 millóns.

Unha característica deste proxecto promocionado polo goberno galego é a facultade que este ten para implantar nos concellos as urbanizacións que acollerán as 45.000 vivendas, independentemente dos planes de urbanismo que os concellos teñan aprobados no seu planeamento xeral. Quere isto dicir que espazos protexidos do urbanismo salvaxe polos PXOM municipais poden ser declarados agora zonas residenciais polo executivo galego, conculcando así os planeamentos urbanísticos e a soberanía dos concellos galegos.

Mais as necesidades dos galegos en materia de vivenda non pasan pola construción a mansalva de vivendas e a cementación do territorio galego senón pola rehabilitación dos cascos históricos, unha política efectiva de alugueres, a ocupación das numerosas vivendas baleiras e o saneamento dos núcleos rurais, tan necesitados de infraestruturas básicas. Hai que ter en conta que actualmente hai en Galiza aproximadamente 300.000 vivendas baleiras, unha cifra esaxeradamente alta orixinada pola construción caótica dos últimos anos. No ano 2001 xa sobraban 230. 000 vivendas, o que non foi impedimento para seguir levantando monstruosas urbanizacións que non colmaron as necesidades de vivenda dos galegos. Por outra banda, o escaso crecemento vexetativo da poboación galega, dato non tido en conta por este “Plano Sectorial Galego de Solo Residencial”, non parece ser unha razón de peso para desbotar a construción de máis vivendas. Dende o ano 2001 a poboación galega aumentou en só 80.000 habitantes, unha cifra ridícula en comparación co incremento da vivenda no mesmo período.

6 Comments

  1. Concordo inteiramente com o sustentado no artigo. 350 000 habitações desocupadas é para determos e reflectir sobre a destruição que estamos a ocasionar. Esta fartura paisagística nossa, única no mundo, está com certeza em perigo de extinção por culpa de politicas irresponsáveis e também por uma excessiva afã de lucro dos empresários da construção, e porque calar?, também pelo nosso desleixo e a cobiça de amplíssimas capas da povoação, privilegiados especuladores com aceso fácil ao crédito barato de épocas recentes, euforia que semelha já ultrapassada e que se torna pranto, agora que os bancos volvem com a vontade de passar-nos a conta de tanto esbanjamento. Esta desfeita que se espalha por toda parte, desde o Mediterrâneo até o Atlântico não perdoa sequer os vales e as serranias. Tive a oportunidade de visitar La vall de Aran e pude comprovar que as urbanizações horrendas atingem as abas das montanhas mais formosas e escondidas. Para que? Pois não vo-lo sei, porque a maior parte do ano ficam fechadas sem que ninguém as desfrute, mesmo durante anos ninguém vem lá de férias; e para isso estragam a beleza duma paisagem paradisíaca como poucas? Vergonha! Mas nada se vai arranjar neste pequeno pais nosso entanto persista este namoro ilusório com as politicas neoliberais que mesmo as chamados forças de esquerdas se empenham em prosseguir. Mesmo sem chegar a radicais concepções de cambio social e económico poder-se-iam ter feito políticas mais avançadas como as que durante anos foram aplicadas na Alemanha e mesmo hoje se desenvolvem no Pais Vasco.

  2. Se a crise da construción supón desemprego para 350000 galegos non cómpre retrasar o parón facendo 45000 vivendas protexidas, xa que despois desas vivendas ocorrerá o que teña que ocorrer.

    Supoño que o que propón este homiño (homínido) na vicepresidencia non pasa por ter ocupados aos obreiros cementando ad infinitum toda Galicia. En realidade a crise vámola ter que sufrir irremediablemente, o emprego que se vai a destruir era en realidade emprego volátil, inútil. Estabamos traballando para traspasar a riqueza cara as clases máis altas. Cando a clase media baixa se queda sen riqueza, as clases altas han ter que parar de gañar. Despidos para nós, xubilacións de ensono para eles.

    Estes na Xunta tentan paliar o proceso co mesmo veleno que o provoca, a construcción innecesaria. O que tiñan que facer era gravar impositivamente con moita máis forza o negocio insustentábel e nocivo que estaban a levar a cabo.

  3. completamente de acordo cos comentarios primeiros. Un dos grandes problemas do país é a inmensidade dese parque de vivenda baleiro. ¿qué facer con él? ¿cantas desas vivendas son habitables (dignas, como día a constitución). Durante moitos anos, especialmente nos anos 70 e 80, construironse vivendas sen uns mínimos estándares de habitabilidade, seguridade e accesibilidade. Despois a política fiscal(fundamentalmente, e non a de vivenda, que a penas tivo recursos neste estado que está á cola do investimento social en europa)xerou un parque de vivendas novo que provocou en boa medida un trasvase de poboación dende as vivendas vellas cara as novas, deixando atrás unha sorte de terra queimada, un inmenso parque de vivendas baleiras, en grande parte en malas condicións. Moitos barrios das sete cidades galegas perderon máis da metade dos seus habitantes por falta dunha decidida política pública en materia de apoio a rehabilitación e o mantemento da edificación.
    Agora, cando a crise anunciada se disfraza de catástrofe natural, como se ninguén tivese a culpa, en vez de destinar recursos a recuperar, ou reconstruir cando non seña recuperable, o parque de vivenda existente nas nosas vilas e cidades, anúnciase máis do mesmo.
    A recuperación urbana extensiva ao conxunto da cidade, non só dos cascos hcos., ademáis de ser cultural e ambientalmente moito máis sostible, aportaría emprego de calidade (máis especializado, máis formado, máis seguro, en boa parte relacionado ca recuperación de técnicas tradicionais hoxe perdidas), reforzaría a cultura do mantemento responsable dos bens fronte a cultura do consumismo, xeraría novas economías relacionadas máis ca sociedade do coñecemento, máis imaxinativas, e o que é máis importante, axudaría a manter vivo o patrimonio social das comunidades dos barrios e vilas, en vez de seguir rachando eses vínculos a forza de obrigar a moitos habitantes a buscar unha vivenda nova se queren vivir dignamente.
    saude

  4. Dacordo co plantexamento de base de tratar de restaurar , rehabilitar e rehabitar os cascos vellos das cidades e vilas. Así e todo, habería que ver que percentaxe de todas esas vivendas baleiras das que se fala no artigo están actualmente habitables, ou son susceptibles de facer algo con elas. Hai edificios de cinco pisos sen ascensor, humidades, pingueiras, más instalacións e materiais,… Un desastre, xa sabedes.
    E para finalizar hai que ser máis cuidadoso á hora de dar alternativas. A Xunta, por ex., non pode inventar cargas impositivas porque non ten competencias. Efectivamente habería que loitar por ter un goberno galego, de verdade, pero de momento hai oque hai.

  5. Evidentemente non todas as edificacions son rehabilitables. Curiosamente dan moitos mais problemas as estructuras de formigón que as de madeira, que permiten reparacións económicas, introducción de ascensores, cambios de distribución… As construccións dos 60 e 70 teñen moitos máis problemas por que a tecnoloxía do formigón daqueles tempos era bastante limitada en canto a calidades. Compre evaluar a posibilidade de recuperar estes edificios e moitos deles non se poderán reutilizar, haberá que reconstruilos. Ou derrubalos para xerar espazos libres en barrios que teñen un déficit neste tipo de dotacións. Porque se sobran vivendas e algunhas non son reutilizables ¿para qué as queremos en pé ocupando espazo, un solo que, segundo a constitución ten un fin público?

    A hora de evaluar a política da xunta neste sentido basta tomar os datos que fan públicos o vicepresidente e a conselleira este fin de semana para ver que o que realmente funciona é a rehabilitación.
    Das máis de 33.000 actuacións da consellería estes tres anos un 67% (perto de 22.000) foron rehabilitacións de vivendas, adicando unha parte pequena dos recursos dispoñibles a estas actuacións fronte aos moito máis importantes recursos que se adican a promoción de vivendas protexidas de nova planta. Ademáis as axudas de áreas de rehabilitación esixen 5 anos de ocupación da vivenda ben en réxime de aluguer ben por parte do propietario, o que redunda na posta no mercado de vivendas en réxime de aluguer, o que é outra das liñas claves para acabar ca especulación co prezo da vivenda. Se a rehabilitacón é quen de proporcionar máis vivendas que ningunha outra política, ¿por qué se empeñan en construir 45.000 novas vivendas protexidas?

    E certo que as posibilidades da Consellería de Vivenda son pequenas. Tan pequenas que é unha das consellerías con menor presuposto, e moitos dos seus recursos dependen das transferencias do Ministerio de Vivenda.

    Pero na miña modesta opinión poderíanse destinar recursos máis elevados á rehabilitación, substraendoos doutras actividades como a xeración de novos parques industriais ou terciarios, que entendo están sobredimensionados e, polo tanto, baleiros.

    A recente decisión de dar ata 30.000 euros para a rehabilitación de vivendas en vez de dar ata 10.000 como antes tampouco me parece axeitada, porque supón dar tres veces menos axudas (80 en vez de 240) cada ano, cando a demanda non para de medrar.

    Por poñer un exemplo, no barrio da Madalena en Ferrol hai 1576 solicitudes para rehabilitar vivendas, pero ata agora só se poideron conceder, en 6 anos, 231.

    Despois de todo o máis importante sería cambiar de paradigma na producción de vivendas, trasladando a actividade da construcción de novas vivendas a rehabilitación e o mantemento das existentes, como, por certo, pasa en tódolos estados europeos dos Pirineos para arriba. E eso esixe apostar máis duramente por unha liña rehabilitadora.

  6. Simplemente coincidir con todos vós e felicitarvos e felicitarme porque boto unha ollada ao meu redor e vexo que non todo é ermo. Mais despois das vosas reflexións atopariamonos coa realidade de definir vivenda baleira, coa realidade do camiño da expropiación de edificios históricos á espera da declaración de ruína, da lei de Costas e da súa materialización…

Leave a Comment

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.