Pages Navigation Menu

Comunicado de prensa

Rolda de PrensaAs organizacións e colectivos que conformamos a Rede Litoral Vivo, entendemos necesario estender esta rede cidadá para incorporar a outras plataformas e entidades cívicas cuxo principal obxectivo é acadar unha xestión máis sustentábel e solidaria dos nosos recursos naturais e pular por unha ordenación do territorio racional e socialmente xusta. Alén do litoral, hoxe están ameazadas grande parte do noso patrimonio natural, o patrimonio histórico e etnográfico e mesmo os xeitos de producción propios, pola extensión dun modelo económico insolidario e depredador ao servizo dos intereses capitalistas e especulativos.
Por iso, e para extender na nosa acción cívica a eses eidos, é polo que acordamos pasar a denominarnos Rede GALIZA NON SE VENDE. As nosas accións irán xa que logo encamiñadas a:
Intercambiar información e experiencias entre persoas e colectivos en defensa do patrimonio natural, social e cultural de Galiza e dos seus valores ambientais propoñendo alternativas de uso, conservación e restauración que manteñan a súa integridade. A Rede GALIZA NON SE VENDE actuará de multiplicadora dos esforzos destinados a xerar alternativas e cambios no modelo de xestión do territorio.
Apoiar ás mobilizacións sociais en defensa dos valores do territorio e actos de protesta pola represión e a inxustiza (denuncias, xuízos) contra persoas e colectivos que pacificamente están a exercer o libre dereito a defendelo e da súa legalidade, difundindo alertas e convocatorias de mobilización.
Difundir as novas dos colectivos, logrando que transcendan do ámbito local, convertendo a Rede GALIZA NON SE VENDE nunha ferramenta de amplificación da problemática do territorio galego e permitindo adoptar unha visión de conxunto das agresións ao noso patrimonio natural.
Aumentar a sensibilización social mediante a divulgación e a concienciación da cidadanía ofrecendo unha canle de denuncia e participación activa.
Xerar sinerxias que permitan mellorar a capacidade de presión sobre gobernos e empresas sumando as forzas dos colectivos integrantes.
A Rede, da que non farán parte forzas políticas e sindicais, será horizontal e cunha estrutura mínima. O protagonismo será dos colectivos integrantes. Facemos dende aquí o chamamento a incorporarse a ela a tódolos grupos sensibilizados pola protección do noso territorio.
Este movemento nacido como Rede Litoral Vivo e hoxe rebautizado como “Galiza non se vende” ten un dos mais grandes obxectivos que un pobo poida procurar: unha terra viva e unha vida digna para tod@s. E comeza con un chamamento á acción, a amosar a oposición cidadán ao terrible ritmo de destrución que está a sufrir o territorio galego: un plan de acuicultura pensado para as multinacionais; un plan de portos deportivos que supón un terrible ataque á riqueza natural das nosas costas; unha lei de minaría que fai explotables todos os tipos de chan, incluso os de protección de espazos naturais; unha lei de pesca que pretende privatizar o marisqueo e tirarlle o poder de decisión as confrarías; un urbanismo salvaxe que as administracións non son quen de conter; a proliferación de parques eólicos e centrais hidroeléctricas privatizando os recursos públicos; a desprotección de miles de hectáreas antes protexidas coa creación dunha nova Rede Galega de Espazos Protexidos; Reganosa, coa súa perigosa e ilegal situación……Nunca os ataques foron tan sistemáticos nin contaron con tan unánime silencio político. É a cidadanía a que ten que reaccionar e manifestarse na data proposta do vindeiro 17 de febreiro en Compostela para berrar que Galiza non está en venda e se van esixir responsabilidades aos que tentan malvendela.
Por unha terra viva e unha vida digna para tod@s

Máis información en Vieiros Galicia-Hoxe GZnación

8 Comments

  1. pq tan tarde a manifa!!??? temos q facernos ouvir xa!!!

  2. No lugar da Lousa da parroquia de Encrobas veciños afectados polo carbon de “Lignitos de Meirama” agrupados na Asociación Veciñal “A outra Cerceda” levan unha desigual loita contra Fenosa para evitar a destrución do que queda da aldea. O dia 3 de decembro teñen un xuizo na Coruña creo que as 11 da mañá por cortar unha estrada nunha manifestación. Sería bó amosar a solidariedade de “Galiza non se vende”. Pola miña banda colaborarei para que se integren nesta magnífica alternativa á que desexo unha boa dose de templanza, pacencia e intelixencia para conseguir articular e afianzar axeitadamente a tantos colectivos e non rematar nunha frustración máis.

  3. Unha boa nova a ampliación da Rede Litoral Vivo. Unha mostra do cambio que se está a producir na sociedade galega, que, pasiño a pasiño, parece saír do letargo á que a condenaron durante séculos.
    O que me chama a atención, me preocupa e desacouga ao mesmo tempo, son as críticas, poucas, que nalgún entorno do BNG selanzouu a este movemento que non admite partidos políticos no seu seo. Quizais sexa porque estes partidos están preocupados de perder a influencia que teñen sobre a sociedade, pero deberían pensar que ese feito pode serexplicado pola escasa sintonía que demostraron ante as xustas demendas dos ecoloxistas galegos. Como poideron obviar que todo o pobo galego é ecoloxista por natureza?
    Outro dato para o desalento: os xornais de maior tirada non deberon apreciar interese na presentación desta rede. Nin unha soa liña adicáronlle a este acto. Unha vez máis non cabe esperar axudas do sistema cando o que se pretende é cambialo. Unha dura loita espera a estes colectivos.Pero necesaria. Mellor,imprescindíbel.

  4. Certamente, como di Iago, non cabe esperar axudas dende o ‘sistema’ pero o que xa me preocupa máis é que dende a súa aparición esta Rede vaia estar xa NEUTRALIZADA polos poderes políticos do bi-partito.

    Senon como explicar que despois de 24 horas o número de VOTOS en Meneame sexa exactamente o mesmo que onte (19 votos)?

    ¿ Se o ciberactivismo costa tanto traballo que podemos agardar para o 17 de Fefebreiro ?

    Enténdase ben o que digo:

    unha REDE sempre será o que os seus ‘nodos’ sexan capaces de facer pola súa conta e risco… se agardamos que ‘outros’ movan ficha estamos perdidos…!

    Denunciar públicamente o que sucede en Galicia é o primeiro paso para que os responsables ESCOITEN !!!

    http://meneame.net/story/ley-minera-arrasara-galicia

    Ou é só un brindis ó sol ?

  5. Acaso “menéame” é o barómetro da rede?
    Esta páxina ten unha media de 600 visitas diarias, nada despreciábel se temos en conta que acaba de aparecer. Non cae pois falar de NEUTRALIZACIÓN

  6. http://comunisfera.blogspot.com/2007/11/silencio-gallego-la-vuelta-nos-vemos.html
    Un blog que se lamenta do escaso eco que esta nova tivo nos medios oficiais

  7. Certo que Meneame non é barómetro de nada… e certo tamén que en Galicia temos a puta manía de ‘morrer de éxito’ pois con visitar as webs non se pasa do autobombo…!

    Votar, escribir, berrar… son accións que chegan máis lonxe que SILENCIOS COMPLICES…!

    Outra acción interesante promovida por SOS Courel é TODOS Ó PARLAMENTO !!!

    Pero como podedes ver non pasamos dun puñado de nomes (e gracias que nesta ocasión os responsables da web do Parlamento tiveron a ben publicar as mensaxes…)

    http://www.parlamentodegalicia.es/sites/ParlamentoGalicia/ContenidoGal/pargal_PC_Discusion_Detalle.aspx?ID=20070910164731&title=Proxecto%20de%20lei%20de%20ordenaci%C3%B3n%20da%20minar%C3%ADa%20de%20Galicia#opinions

    Penso que tódolos lugares son bos para
    BERRAR que esta terra NON SE VENDE !!!

    Se calamos… mal asunto…!

  8. Para que a “a nosa Terra sexa nosa”non podemos agardar máis…

Deixa una resposta a Ramón Muñiz Cancelar a resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.