Detidos numerosos activistas de GNSV nas inmediacións das obras de Massó

 GNSV pide a demisión do subdelegado do goberno Delfín Álvarez e a liberdade inmediata de todos os detidos

 

 

 Esta mañá efectivos da Garda Civil detiveron a 16 activistas pertencentes á rede Galiza Non Se Vende cando se atopaban nas inmediacións das obras que se están a desenvolver na antiga fábrica de Massó. Algúns deles foron golpeados polas forzas da orde  e posteriormente trasaladados a dependencias policiais.

Hai escasos días o Premio Nobel da Paz Adolfo Pérez Esquivel apoiaba en Cangas a loita dos nosos compañeiros  e denunciaba o papel do gran capital en conflitos como o que está a acontecer en Cangas “porque moitas veces priviléxiase ao capital financeiro sobre a vida do pobo”. En opinión do Premio Nóbel “Estamos nun pequeno planeta, a nosa única casa”, dixo para argumentar a defensa do medio ambiente mundial. “Aquí non hai fronteiras para apoiar as causas xustas”, engadiu. Anunciou a posible creación dun tribunal penal internacional para xulgar os delitos ambientais e requiriu o respecto aos dereitos dos pobos ” facendo unha mención expresa aos mariñeiros da ría de Vigo.

Con esta xa son varias as veces que a Delegación do Goberno opta por reprimir un dereito básico como é o dos ecoloxistas a opoñerse a unhas obras que implican un grave atentado medioambiental e lesionan aos intereses económicos de milleiros de persoas que viven do marisqueo. Hai un mes máis de mil persoas manifestáronse en contra deste proxecto polas rúas de Cangas, unha demanda que o goberno non só desatende senón que manda reprimir brutalmente.

COMUNICADO DE GNSV

Galiza Non Se Vende. 20 de xulho 2009. Cangas

BRUTAL INTERVENCIÓN DA GARDA CIVIL EN CANGAS – MASSÓ

DEZASEIS PERSOAS DETIDAS

Hoxe en Cangas, unha vez máis, a intención de reiniciar as obras en Massó tinguiuse de violencia e represión, pero desta vez rebasou tódolos límites. Dende primeira hora da mañá, numerosas veciñas e veciños de Cangas, e membros de colectivos sociaise e ecoloxistas, que facían garda no Salgueirón, como cada mañá, para impedir as obras ilegais do porto deportivo de Massó, foron agredidos violentamente e detidos pola Garda Civil.
A rede Galiza Non Se Vende amosa a súa indignación por este novo acto autoritario, que criminaliza toda protesta lexítima en defensa dos valores da ría, e denuncia que, unha vez máis, a Garda Civil está a protexer intereses privados, protexendo unha obra ilegal con enorme impacto sociambiental, en vez de protexer e tutelar o interés xeral e colectivo e o respecto á legalidade vixente.

A DESTRUCION DA RIQUEZA COMUN

Na zona mariña de Massó que pretende estragarse coa construción do porto deportivo, faenan arredor de 500 persoas. Dela tense sacado máis dunha tonelada de ameixa nun só día. Pero tamén polbo, camarón, navalla, ostra, centola, ourizos… Os seus fondos de maërl son especialmente ricos en biodiversidade, dos máis ricos da ría, e constitúen unha zona de alevinaxe de moitas especies.


A ILEGALIDADE COMO MEDIO, A REPRESION COMO SISTEMA

As ilegalidades e irregularidades que rodean este proxecto son de enormes magnitudes. Baste dicir, por mor da brevedade, que a empresa construtora chegou a inscribir no Rexistro da Propiedade de Cangas como pleno dominio un espazo de dominio publico maritimo terrestre.

Esta mañá varios camións e escavadoras, sen ningunha licenza para tal actividade, pretendían acceder pola zona da Torre (inmediacións do edificio principal da antiga factoría de Massó) ao punto de vertedura de entullos fronte á fábrica para poder seguir executando as obras. Unhas 15 persoas que tentaban de forma pacífica (nunha sentada) impedir o acceso dos camións que non contaban con licencias foron desaloxadas violentamente e agredidas pola Garda Civil, e varios resultaron feridos. Unha ambulancia recollía a un membro do Foro Social de Cangas tras recibir unha forte agresión nunha perna recentemente operada.

Despois da carga da Garda Civil, nun clima de tensión e nerviosismo, leváronse a cabo numerosas detencións (16 persoas) baixo cargos ficticios, para evitar que seguiran as protestas e entorpecementos das obras, que ata agora foran paralizadas.

Entre os detidos están numerosos activistas de colectivos integrantes da rede Galiza Non Se Vende: Tiago, do Foro Social, detido e esposado por estacionar o vehículo diante das obras; Sangabriel, do Foro Social de Cangas, agredido cun porrazo na cara; Edi, de Bouzas Móvete, agredido e esposado; Sabela, de Verdegaia, agredida e lesionada nunha perna; Pichi, de Luita Verde; Pasatem, de Caleidoskopio; Pipas, de Fuga em Rede; Iria, da Ría Non se Vende; todos eles inmobilizados de forma violenta e detidos sobre as doce do mediodía. Da mesma forma, detiveron a Marichu Álvarez, do grupo municipal ACE do Concello de Cangas. A moitos dos detidos os trasladaron esposados ate os furgóns como se de criminais se tratase. A indignación veciñal por estas detencións supuso a unánime repulsa e a enérxica protesta dos alí presentes (20-30 persoas), grupo que aumentaba en número pola chegada de novos veciños que secundaban a protesta e apoiaban aos compañeiros e compañeiras detidas.

Sobre a 13 horas, a maquinaria pesada seguía intentando acceder á zona a pesar das protestas. O concelleiro de Urbanismo de Cangas, Mariano Abalo, que chegou ao lugar cando tivo coñecemento dos feitos, ordeou a paralización de toda maniobra da maquinaria pesada.

Malia a represión que os colectivos, veciñas e veciños en defensa da ría e do territorio están a sufrir por parte das forzas e corpos de seguridade ao servicio de proxectos privados, a defensa de Massó –convertida xa en símbolo da loita polo respecto á terra– seguirá viva e non permanecerá impasible ante calquera agresión.

Esta tarde, a rede Galiza Non Se Vende convoca a unha concentración en Cangas en apoio aos detidos, privados de liberdade por defender os valores da ría e o interese público; e por tentar impedir a execución dun proxecto ilegal, destrutor de postos de traballo e devastador do medio.

UNHA INOPERANCIA XUDICIAL SELECTIVA

Desde hai catro anos a Confrarìa de Pescadores “San José” de Cangas ten interposto un contencioso no Tribunal Superior de Xustiza de Galicia contra estas obras, que vulneran a concesiòn estatal que esta confrarìa ten para faenar nesas augas. Ese Tribunal denegou a paralizaciòn cautelar das obras, denegaciòn que foi recorrida polo pòsito cangués hai xa tres anos ante o Tribunal Supremo. Ambolosdous contenciosos durmen nalgunha estanterìa de tan altos tribunais. En cambio, os xulgados son ràpidos à hora de practicar dilixencias contra os membros dos movementos sociais opositores ao proxecto.


SUBDELEGADO DO GOBERNO… ¿OU GOBERNADOR CIVIL?

DESTITUCIÓN

A Rede Galiza Non se Vende denuncia a utilizaciòn da Garda Civil como forza represora e policía privada ao servizo de intereses particulares, contrarios ao ben común, que destrúen a riqueza do noso mar e a nosa terra. Polo tanto, e ESIXE A INMEDIATA DESTITUCIÒN DO ACTUAL SUBDELEGADO DO GOBERNO EN PONTEVEDRA, DELFÌN ALVAREZ, por estes e por outros feitos xa anteriormente denunciados, intolerables nun estado pretendidamente democrático, que nos transportan a tempos pasados e o fan merecedor do antigo nome de “Gobernador Civil y Jefe Provincial del Movimiento”

¡NON AO PORTO DEPORTIVO DE MASSÓ!

A rede Galiza Non Se Vende esixe, asemade, a inmediata paralización das obras e a retirada deste proxecto ilegal, fruto da especulación urbanística, que destrúe o medio natural; as actividades sustentables e os postos de traballo a elas asociadas; o patrimonio cultural e a identidade mesma de Cangas e de Galicia.

¡LIBERDADE INMEDIATA PARA OS DETIDOS!

Os 16 detidos mantiveron a dignidade diante de quen carece dela, e negáronse a declarar perante a Garda Civil. Sobre as 20.45 horas foron liberados 10 deles, baixo a obriga de acudiren a declarar cando lles sexa requirido. Os outros 6 foron trasladados a Pontevedra, obrigados a pasar alí a noite antes de seren trasladados mañá ao xulgado. Resulta moi revelador do proceder do subdelegado Álvarez o feito de que os 6 sexan cangueses, a metade deles do Foro Social de Cangas. Entre eles está Ricardo, o recentemente operado da perna onde hoxe sufriu unha brutal patada, e que foi atendido nunha ambulancia. Fixéronlle unhas placas e déronlle un calmante. E levárono.

Resulta moi alarmante o rumor de que algúns deles van ser acusados de… ¡ATENTADO!.

De isto confirmarse, significaría que o estado tenta empregar técnicas policiais e xudiciais de loita antiterrorista para desactivar os movementos sociais. Significaría, que en lugar de evoluír cara a sustentabilidade e a democracia participativa, o estado involuciona cara a unha neodictadura ao servizo do capitalismo neoliberal. Evolución que os cidadáns deste estado pretendidamente democrático non podemos, nin debemos, nin imos tolerar, porque, alén da natureza, a cultura e a xustiza social, a nosa mesma liberdade está en perigo.

Polo tanto, e mentras preparamos as denuncias pertinentes, ESIXIMOS A INMEDIATA LIBERDADE DE TIAGO, SANGABRIEL, RICARDO, MARICHU, SÉ E IRIS.

CANGAS NON SE VENDE

A RÍA NON SE VENDE

GALIZA NON SE VENDE

15 Comentarios

  1. Ánimo…sodes un exemplo para todos.

  2. Veño de escribir o presidente o goberno de España solicitando entre outras cousas a dimisión do Subdelegado do Goberno, e que o SEPRONA se dedique ao fin para que foi constituído e non para deter ás persoas sensibles co ambiente.
    Ti tamén podes facelo en jlrzapatero@presidencia.gob.es
    Se non sabes que poñer podes inspirarte na miña carta.
    http://docs.google.com/View?id=dfcv5p3r_425tsvjvxnm

  3. O que pretenden e deter e criminalizar a liberdade de expresión cando non é para loubar o sistema capitalista e agasallar a clase empresaria, criminalizar o compromiso ca terra, a defensa do patrimonio cultural. Pero non o van conseguir. Hai que denunciar publicamente as politicas represivas do subdelegado do goberno. Hai que levalo perante a xustiza que din defender. Pero sobre todo hai que facer campaña informativa sobre que fai este elementop posto polo partido de Zapatero que tanto presume de defender os dereitos da cidadania. Animo e todos co foro social de cangas.

  4. alguén colgou un vídeo das detencións eiquí:

    http://www.youtube.com/watch?v=WJmBeAHkCCE

  5. As infraccións medioambientais se ignoran. As ilegalidades urbanísticas se perpetran sen obstáculo algún. Aínda mais, as forzas de seguridade despréganse para amparalas ante calquer continxencia, por exemplo, un grupo de cidadáns que tentan opoñerse. Contra eles se máximizan as faltas, se forzan as leis, se atopan falsos delictos e se aplican medidas represoras violentas de xeito gratuito. Mentres as auténticas transgresións, as que ocasionan maior daño á sociedade, esas acaban impunes, sen molestias de ningún tipo para os culpables. O activismo está mais perseguido que a delincuencia. A mensaxe que tentan transmitir é clara: Aquí ningén levanta a cabeza sen consecuencias. Para eso están as forzas do orden. Esa é a consigna que reciben dos seus superiores, de Delfín Fernández e do goberno que nomeou a este cargo político.O goberno debe destituír e denunciar a Delfín Fernández por intimidar aos cidadáns para exercer o seu lexítimo dereito á liberdade de expresión e á defensa dos seus dereitos, ou o goberno farase responsable de vulnerar estas liberdades.
    Forza RNSV!

  6. Estou a suficiente distancia como para non poder desprazarme ata Cangas para as manifestacións, pero sigo as noticias e hoxe mesmo o Faro de Vigo dicía que soamente detiveran a 6 persoas.
    Ánimo. Nós sabemos que temos a razón. E se teñen que andar a hostias e reprimindo a liberdade de expresión, será porque eles non a teñen. Nós temos argumentos, eles porras.

  7. Honte mesmo lle enviei unha carta ao Presidente do Goberno do Estado
    Estiven duvidando de se repetir a carta de Jorganes mais finalmente acordei enviar-lle unha de colleita propia , en cuxa primeira liña amoso a miña total adhesion á carte de Jorganes para de seguido facer unha serie de reflexions de caracter un tanto abstracto , cunha análise que oscila entre a reflexion filosófia e a sociolóxia

    Remato a carta do seguinte xeito :
    ” Si alguien que tenga el poder politico suficiente no hace algo , lo que está ocurriendo en Cangas es la ” Crónica de una muerte anunciada ”
    ——————————————–
    Que fique ben craro que en tempos do franquismo eu sufrin represions moito mais brutais , nalgunha das cales , a Policia Naconal ( ” os grises ” ) disparaba contra os manifestantes con balas que non eran precisamente de goma
    Pero non se poden comparar mazás con laranxas , nen ditaduras con democracias . Nunha democracia ata o emprego do mais minimo nivel de violencia resulta completamente inadmisibel

  8. Ánimo Cangas, tendes razón e non se vos vai a quitar porque alguén pretenda reprimirvos. Cando volvades a sentarvos diante das máquinas, avisade. Si podo, irei para estar con vos. O que diu a orde de desaloxarvos, debe dimitir. Pero xa.

  9. ánimu y suerte dende Llión

  10. Se sinte vostede envexa do bo comportamento dos manifestantes ou da lexitimidade da protesta, pero milita nun partido afectado pola disidencia,

    visite a factoría de ideas de GZNación e atope, en sinxelos e poucos pasos, a súa propia calumnia e indignación contra GZNonSeVende.
    Únase ao cento de militantes furiosos e acomplexados da súa servil actitude para/con CaixaNova que non atopan explicación política/medioambiental posíbel para a defensa do seu lider espiritual que non sexa senón para o seu propio benestar mental. ¡Olle os comentarios e copie!

  11. os politicos, e os policias son uns fillos de puta!! haber se lles justaria que fixesen iso na súa casa!! cona!! ánimo pobo!! entre todos poderemos para istoo!!

    bloque!!
    psoe!!
    pp!!
    A MESMA MERDA É!!!

  12. Parece que lles fode bastante o tema: o video de YouTube está bloqueado

  13. Bravo por Google! Bravo polo goberno español!
    Se fose en Venezuela, China ou Irán, xa teriasmos titulares de prensa alertando da falta de liberdade de expresión neses países.
    Que se censure un video no que aparecen as forzas da orde reprimindo un pacífico acto de protesta merece a unánime repulsa de todos os que nos sentimos demócratas, Claro que logo son eles os que acusan de extremistas aos ecoloxistas. O MUNDO AO REVÉS.

  14. camilo, tes a ostia d razonn!! estado de merda!!! aggg…

Trackbacks/Pingbacks

  1. Colectivo Fusquenlla » Detidos numerosos activistas de GNSV nas inmediacións das obras de Massó - [...] Máis información na páxina de GNSV [...]
  2. Brutal intervención de la Guardia Civil en Cangas-Massó (GAL) - [...] Brutal intervención de la Guardia Civil en Cangas-Massó (GAL)galizanonsevende.org/?p=797 por Ricewind hace pocos segundos [...]
  3. Trá-la Utopía » Hoxe en Cangas: 3 feridos e 16 detidos Posted Xullo 20, 2009 by Comité Cidadán - [...] Galiza Non Se Vende [...]

Deixe un comentario

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *