Fragas do Eume, Parque ¿Natural?
O futuro das Fragas do Eume parece cada vez máis precario e incerto. O “último” bosque autóctono de Galicia, a mellor representación europea do bosque atlántico, sofre as devastadoras agresións dunha contorna industrializada que contamina todo o que atopa ao seu paso.
A vella selva europea, outrora venerada, ten hoxe aquí un último reduto de tamaño reducido pero de vitalidade e fermosura ilimitadas. Neste espazo conviven máis de vinte especies arbóreas entre as que atopamos espléndidas carballeiras e castiñeiras, bidueiros, ameneiros, freixos, abeleiras, acivros, teixos, érbedos, chopos, arces, aciñeiras, ulmeiros. Un verdadeiro paraíso capaz de albergar un sen fin de seres vivos, constituíndo a máis importante reserva de biodiversidade de toda unha rexión arrasada polas maldicións do lume e o eucalipto, a industria e o desenvolvemento salvaxe.
Parece que tamén chegou a quenda á propia Fraga, coma se o seu permanente verdor e a súa vitalidade constituísen un insulto para esta civilización ávida e devoradora.
Primeiro foi o encoro do Eume, que alagou un gran tramo do canón liquidando unha enorme porción destas fragas e dos seus ecosistemas asociados. A choiva aceda que cuspe ao ceo a través da súa xigantesca cheminea a térmica das Pontes, unha das centrais máis contaminantes de Europa, é unha cortesía de ENDESA (para os fillos dos teus fillos). Unha maldición que ameaza segundo de onde sopre o vento a todos os arredores. Agora proxéctase a creación dun macrolago que alagará a vella mina das Pontes, xerando novas verteduras acedas.
A contaminación provocada polas obras da autovía Ferrol Vilalba afecta tamén tráxicamente ao Eume, que outrora daba de beber augas limpas ás mesmas Fragas que alimentaban o seu curso. Un informe encargado pola asociación ADEGA á Universidade da Coruña, notifica o certificado de defunción do río Lavadoiro, que verte ao Eume un líquido ponzoñoso no que se verifica unha cantidade de uranio que supera 24 veces os límites sinalados pola ONU e un contido de aluminio que os supera 2870 veces. O arsénico pasa 4´7 veces os límites establecidos polas normas estatais, o cromo 2´2 veces…
Mentres, os responsables da conservación da natureza miran cara a outro lado ou son cómplices directamente cando permiten, xustifican ou minimizan este múltiple atentado á integridade dun dos nosos máis belos e necesarias paisaxes. Fai demasiado tempo e en case todas partes, traballan para os intereses comúns de empresas e políticos ben avenidos. Suplantado o bosque orixinal por unha extensión ilimitada de eucalipto e toxo, a paisaxe galega foi arrasado ata tal punto que tan só podemos mirarnos xa no espello dalgúns ínfimos retrincos do bosque autóctono.
Porque efectivamente, a paisaxe e o reflexo da auga nunca minten e móstrannos o propio rostro, retratándonos de forma fiel e inequívoca. Hoxe temos motivos para sentirnos avergoñados de pertencer a esta humanidade que no Eume móstranos a peor cara; a da sociedade que cala e consente, encartándose ás insaciables compañías sen conciencia, comprometendo o presente e o porvir.
A contaminación das canles fluviais con metais pesados e sustancias que continuarán aí durante xeracións incontables, é un legado que terán que afrontar os nosos fillos. Amarga herdanza a que deixamos a uns descendentes que se verán obrigados a pagar mediante a restauración, a avaricia dos seus devanceiros. A reintegrar, multiplicado por cen, o monto do botín que hoxe levan uns poucos á conta de todo e de todos.
E desgraciadamente tan só uns poucos parecen conscientes da ferida profunda, das consecuencias inevitables de atentar contra a propia fonte da saúde e a vida.
Espertará Galicia un día para reclamar a facenda perdida?
Ignacio Abella*
*I. Abella, colaborador habitual de revistas como Quercus ou Integral, é un naturalista comprometido na defensa do nosos bosques, preocupado en especial pola conservación do teixo, ten escrito obras de referencia sobre flora, como “El hombre y la madera”, “La magia de los árboles” e “La magia de las plantas”
Comentarios recentes