Pages Navigation Menu

Milleiros de voces en Vigo contra as agresións ao litoral

Convocada pola rede Galiza Non Se Vende tivo lugar en Vigo unha manifestación para protestar contra os contínuos maltratos e agresións que soporta o noso litoral, froito da especulación salvaxe e deste modelo depredador de crecemento económico, que equipara crecemento e benestar social.

 

Este foi o manifesto lido hoxe ao remate da manifestación.

 

 

Compañeiras e compañeiros: hoxe manifestámonos para denunciar os continuos ataques e agresións que soporta o noso litoral. Ataques e agresións máis continuadas e voluminosas canto máis salvaxe é a especulación, froito dun modelo económico baseado na depredación.

Para desgraza nosa e da nosa terra, todos os gobernos que pasan pola Xunta seguen unha política “desarrollista” de explotación dos nosos recursos naturais para reducilos á mera condición mercantil, sen atreverse a contemplar sen medo a hipótese do decrecemento, ante esta crise económica e sistémica que arrincou con toda crueza o anteface da relixión capitalista.

A privatización e venta do que sempre foi noso, a nosa costa, as nosas rías, o noso vento, os nosos montes, os nosos ríos, o Courel ou a Terra Cha, supón depredar o territorio físico común para mercantilizalo en proveito de só uns poucos, privatizando os beneficios e socializando as perdas. Os beneficios son para as grandes empresas, para os grandes capitais, pero os seus custes externalízanse socialmente, e supoñen a destrución dunha natureza privilexiada, do medio ambiente, da paisaxe, e do noso tecido económico e social. Estes custes pagámolos todas e todos nós.

Esa “modernización”, que nos fai ser cada vez máis dependentes dos mercados globais e da agricultura e da pesca industriais, está obrigando a milleiros de labregos e labregas a abandonar as súas terras e está tamén empurrándonos ao desmantelamento da pesca de baixura e do marisqueo, afastándonos cada vez máis da soberanía alimentaria.

Deste modelo xordo e cego, depredador e obsoleto, non se libra o litoral.

Dentro das rías constrúense recheos que estragan a súa grande riqueza; instálanse polígonos industriais sobre o terreo gañado ao mar ou en primeira liña de costa. Empresas e industrias verten os seus refugallos directamente ao mar xunto coas augas residuais urbanas, ás veces pasando por depuradoras deficitarias ou que non funcionan, contaminando as rías e facéndoas incompatíbeis coa pesca e o marisqueo. Instálanse tamén aquí as industrias máis contaminantes e perigosas, como Reganosa ou Ence; promóvense piscifactorías nos lugares mellor conservados da nosa costa, artificializando con formigón o litoral e contaminando o mar con antibióticos para proveito de empresas transnacionais; privatízase o mar e a costa con portos deportivos a esgalla que decote levan aparellados proxectos urbanísticos especulativos. E tamén é aquí, no litoral, onde se produce a máis salvaxe especulación urbanística; onde se pretenden construír milleiros de vivendas e ata rañaceos en terreos gañados ao mar; onde se constrúen a meirande parte das irracionais infraestruturas de transporte; onde se destrúe a identidade das aldeas e vilas mariñeiras erradicando o noso patrimonio marítimo; onde máis se turistifica a nosa cultura e o noso territorio; onde se crean máis campos de golf arrasando grandes superficies de monte e contaminando con herbicidas; onde menos se respectan os espazos protexidos…

Todas e todos xuntos temos que pórlle freo á locomotora desbocada deste falso progreso.

Non é imprescindible nin necesaria a destrución do noso fogar común para acadar medios de vida, porque se así ocorrese, estariamos correndo camiño do suicidio colectivo.

O benestar social non pode basearse na explotación das persoas nin na destrución da terra que habitamos. Este modelo caduco levounos a esta crise que agora padecemos. A saída dela non pode ser unha fuxida cara diante. Este modelo que confunde valor e prezo, tenos levado a esta degradación sen precedentes, a esta crise da civilización da que vemos difícil a saída. A esta cultura moral e material degradada que nos fai ser infelices.

Temos que pórlle freo a esta locomotora que está a avanzar queimando os seus propios vagóns nunha tola carreira cara ningures. Unha correcta valorización do territorio ten que distinguir os bens de uso e os modos de vida do espolio e despoxo da terra. Trátase en suma dunha nova mentalidade que considere o medio non como un negocio do que se pode quitar beneficio, senón como a nosa terra común da que todas e todos formamos parte. Vainos nisto a súa preservación, a do planeta e a dos valores que queremos legar ás xeracións futuras.

Non podemos tolerar máis o intolerábel.

Queremos rematar enviando un saúdo solidario de irmáns, para todas e todos aqueles que neste intre atópanse loitando polos postos de traballo e polas causas xustas: Traballadores do metal e gandeiros entre outros moitos.

DEFENDAMOS O LITORAL

ESTE MODELO TEN ALTERNATIVA

GOBERNE QUEN GOBERNE

GALIZA NON SE VENDE

Vigo, 31 de maio de 2009

 

4 Comments

  1. Eu contei no vídeo de arriba 270 persoas. Tampouco hai que esaxerar.

  2. Fuerza KOMPAS

    y un abraxiiisssimo

  3. ONDE ESTÁ QUE NON SE VÉ O DELEGADO DO PEPÉ

    Adega demanda ao Delegado da Xunta en Ourense a súa actuación na gravísima contaminación do Río Barbaña
    Ante a ausencia dos técnicos e pesoal cualificado da Consellaría de Medio Ambiente (Servizo de Inspección Ambiental) e a división das competencias de protección da natureza en dous departamentos da Administración autonómica (Medio Rural e Medio Ambiente) Adega esixe unha resposta por parte do responsábel político do Presidente da Xunta en Ourense. Non podemos esixir eficacia, aptitude nin dilixencia porque, ao igual que na catástrofe do Prestige, a Xunta volve estar ausente. U-la Xunta Sr. Feijoo? Sabe vostede que se produxo a maior contaminación da historia do Barbaña na cidade de Ourense?
    Si non ten datos sobre outras contaminación, podemos fornecerllelos nós; 23-04-07 e 27-12-08 son as máis recentes mostras de verteduras ao Río Barbaña pero que non provocaron a masacre devastadora na fauna do río.
    Parabéns para a Confederación Miño-Sil
    Dada a presenza de metais pesados nas analíticas das augas, como ben revela a Confederación Miño-Sil, e a súa dilixencia en ofrecernos datos a cidadanía debemos recoñecer a súa eficaz actividade neste caso, o que tamén demostra como por primeira vez este organismo é máis axil e eficaz ao ter o seu centro directivo en Ourense, por mor da descentralización dos centros de decisións, e o achegamento ás realidades concretas dos ríos galegaos. Estes datos lévannos a indicar que se debe investigar ás empresas que utilizan metais pesados nos seus procesos produtivos, ao estarmos diante dunha vertedura dunhas dimensión considerabéis, que sería propia dunha grande empresa do Polígono de San Cibrao, segundo todos os indicios das analíticas.
    http://www.adega.info

    http://boards2.melodysoft.com/Barbadasopina/onde-esta-qu-non-se-ve-o-superdelegado-1299.html

Deixa una resposta a rosaleira Cancelar a resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.